Sábado 12 Outubro 2024

Muutech: o control da empresa desde o móbil

O proxecto impulsado por Muutech pretende evitar perdas millonarias coa súa monitorización das fábricas

Muutech soa a algo que ten que ver co son que fai unha vaca. E aínda que pouco traballan con este animal case sagrado en Galicia, a idea destes tres socios, dos que dous son enxeñeiros de telecomunicacións e un enxeñeiro industrial, xurdira inicialmente falando da posibilidade de controlar de forma remota unha granxa. Cando lle deron seriedade ao asunto, detectaron unha necesidade no mundo industrial de aplicar tecnoloxías contrastadas para mellorar os procesos produtivos coa monitorización dos mesmos. Crearon unha plataforma unificada que se dedica a compilar datos en tempo real de múltiples fontes, xa sexa dun servidor, de máquinas, robots…, independentemente da orixe.

A partir de aí, “fan a maxia”, como explica un dos seus socios, Óscar González, CMO de Muutech. Análises de datos en tempo real, detección de anomalías, organización dos datos en cadros de mando de forma visual e sinxela, para que as empresas non se afoguen en datos e información. Isto resume o que fai Muutech, esta pequena empresa que se constituíu hai 2 anos, e que agora ten a súa sede no centro de negocios de Porto do Molle en Nigrán despois de comezar a participar na aceleradora BFAuto, impulsada pola Axencia Galega de Innovación e o Consorcio Zona Franca de Vigo.

Publicidade

A idea de Muutech xurdiu da necesidade de controlar de forma remota unha granxa

A idea era que, tanto nos procesos produtivos dunha industria, como na parte de sistemas dunha empresa, poida existir un control que leva a cabo Muutech. Mesmo que falemos dun fabricante de bolígrafos, ao final teñen uns servidores, e unha infraestrutura de telecomunicacións. O traballo de Muutech consiste en adiantar a posibilidade dunha parada dun proceso produtivo, ou predicir unha anomalía para aforrar custes. Son quen de detectar un colo de botella na produción, ou unha suba de temperatura nunha máquina. Segundo a súa publicidade, todo isto podes facelo ata desde o teu teléfono móbil. A aplicación de Muutech conéctase directamente coas máquinas, e unha vez que ten a información, transfire os datos de forma sinxela ao cliente, tanto a través dunha mensaxe de texto, ou mesmo dun whatsapp.

Con respecto a outras empresas semellantes, a súa aportación consiste en algo máis que na instalación da plataforma dixital. Conectan os mundos do IT cos da produción. “Agora máis que nunca é necesario ter todo interrelacionado na mesma plataforma. Moitas empresas teñen varias fontes de información, pero non se comunican entre elas. Ou tes unha persoa dedicada todo o día a facer un ‘Excel’ cos datos, o que implica un gasto elevado, e a posibilidade de cometer erros, ou podes facelo con nós, que por riba de todo facemos un tellado que nos permite unificar datos”, comenta González.

Publicidade

A base da súa plataforma consiste nun código aberto, que lles dá estabilidade e moita rapidez. Deste xeito o cliente evita pagar licenzas. Utilizan o sistema de monitorización Zabbix personalizado como ferramenta principal, e a súa misión é a recollida e visualización de datos procedentes de diversas fontes: autómatas, sensores, bases de datos, servidores, equipos de comunicacións… Todo isto pódese completar cun ecosistema de sensores e actuadores IoT, que permiten o seu posicionamento en lugares remotos, de difícil acceso ou que están en movemento. Ademais integra outras aplicación útiles, tanto de software libre como de desenvolvemento propio.

Paradas que custan millóns de euros

Un dos obxectivos de Muutech consiste en minimizar as paradas que custan cartos. Pero deses problemas non se libran nin as grandes empresas. Un exemplo que podemos mostrar é o que lle sucedeu a Amazon, que estivo cinco horas caída porque un enxeñeiro introduciu un comando de xeito erróneo. Este feito supuxo perdas dun millón de dólares por minuto, e nesas horas foron máis de 300 millóns de dólares os que se deixaron polo camiño. “Para evitar sucesos coma este, tes que anticiparte aos problemas, e contar cunha ferramenta que os solucione cando suceden. A dificultade radica en que as empresas pequenas non son quen de arrincar por si mesmas un proxecto coma este, non lle atopan o valor engadido. Non se trata de investir mil euros e saber que vas aforrar cinco mil. Consegues o control para evitar as dificultades, e reducir os custos no caso de que aparezan. Normalmente os empresarios pensan máis no retorno directo. Prefiren investir nunha máquina que lles da 50 latas de conserva máis por minuto, que en algo que lle aporta o control de toda a fábrica”.

Variedade na clientela

Podemos resumir os seus clientes en dous sectores: industria por un lado, e infraestrutura de comunicacións por outro. A vocación inicial da empresa era enfocar o seu proxecto cara as case 200.000 pemes que hai en Galicia, pero finalmente concluíron que as grandes empresas presentan menos reparos en facer este investimento que as pequenas, ás que lles custa máis apreciar as vantaxes indirectas. O crecemento que buscan agora para abrir mercado é saír de Galicia. “Desde Vigo podemos traballar para o mundo. Só precisamos acceder aos servidores da empresa”. A idea que teñen é medrar pouco a pouco en España, e a curto e medio prazo, asentarse nos grandes focos empresariais de Madrid, Barcelona, Valencia ou norte de Portugal.

A monitorización de Muutech é infinitamente aplicable, pero quizais esa variedade pode converterse asemade nun problema. Agora Muutech trata de centrar o seu traballo na industria do metal, automoción, alimentación e a parte de telecomunicacións das empresas. Con RTVE traballan nun proxecto de cadros de mando na rama IT. Tamén cunha cadea de perfumarías, unha panadaría ou empresas de telecomunicación de barcos, como Syntelix. Estas industrias contan agora cuns sistemas automáticos para a introdución da información, cando antes esta se realizaba de forma manual, máis custosa e susceptible de erros.

No 2019 Muutech estivo presente no 4YFN, que está considerado como un dos eventos de start up máis relevantes do mundo, formando parte do Mobile World Congress (MWC). Nel preséntanse ideas innovadoras e empresas disruptivas no ámbito das novas tecnoloxías. Tamén tiveron presenza no Startup Olé de Salamanca, ou en Alemaña na Hannover Messe, e recentemente en Vigo, no Mindtech e en Conxemar.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Unha tecnoloxía feita por galegas producirá bioplásticos a partir de aceites usados

O proxecto Pretenacc, financiado polo programa Ignicia, procura a posta en marcha dun método pioneiro para fabricar plásticos de orixe vexetal

Convocado o IX Premio de Xornalismo Científico Celia Brañas

Os traballos poden enviarse a partir do 15 de abril. A dotación económica do galardón será de 5.000 euros, cun accésit para o segundo mellor valorado

Aberto o prazo de inscrición para os Premios á Transferencia de Tecnoloxía 2023

As candidaturas poderán presentarse ata o 15 de abril de forma telemática

ODS-Protein, avanzando cara á alimentación do futuro

A innovación no sector alimentario ten un amplo horizonte de crecemento...