As investigacións realizadas no Instituto de Cerámica de Galicia, da USC, desde fai tres décadas son a base dun novo proxecto empresarial que se está xestando no últimos tempo. Matprint é o nome desta iniciativa que aposta pola comercialización de biocatalizadores e implantes, realizados mediante impresión 3-D, que poderían aplicarse na rexeneración ósea de pacientes que sufriron diversas enfermidades.
Francisco Guitián, director do Instituto de Cerámica e profesor de Ciencia dos Materiais, explica que desde o propio instituto xa se crearon empresas como Keramat que comercializa implantes similares aos que agora queren poñer ao mercado pero son “menos sofisticados” que os que se están investigando desde Matprint.
“O que facemos agora é modificar as estruturas destes implantes pero non se cambian os materiais. Se o proxecto sae adiante non será necesario facer ensaios clínicos en humanos porque o material é o mesmo”, indica Guitián, quen lembra que os implantes de Keramat xa contan con autorizacións para a súa comercialización en Europa e Estados Unidos.
Nestes momentos están a realizarse ensaios en animais e coa colaboración do CIQUS probáronse os catalizadores en sínteses de medicamentos. “Agora o tema está en ver se estes novos implantes e biocatalizadores poden ser rendibles a nivel industrial ou semi-industrial. A idea sería crear unha empresa para comercializalos ou ben vender patentes”, sinala Guitián.
Matprint obtivo unha axuda de algo máis de 240.000 euros por parte do programa Ignicia para o seu desenvolvemento. En xullo do próximo ano saberase se é posible levar a cabo o proxecto de comercialización que queren realizar os autores do proxecto. Os implantes que desenvolve Matprint poderían utilizarse para a rexeneración ósea de persoas que sufrisen accidentes ou tumores nos que os ósos se viran afectados.
O propio Instituto de Cerámica prové o óso artificial para realizar os implantes e o traballo dos investigadores céntrase no desenvolvemento das estruturas que facilitan que as células se acaben desenvolvendo no material implantado. Segundo indica Guitián, Matprint colabora co Instituto de Investigación Sanitaria (IDIS), onde se realizan os ensaios, e tamén co CIQUS. En total hai seis investigadores principais que participan no proxecto e outras dez persoas que colaboran con el mesmo.
Matprint obtivo unha axuda de máis de 240.000 euros do programa Ignicia
Unha das liñas de investigación nas que se está traballando actualmente é a mellora dos sistemas de produción dos implantes para que sexan máis eficaces. Desta forma, ademais, obterase un maior número de pezas e poderase comprobar con maior fiabilidade o seu funcionamento.
Guitián apunta que o Instituto de Cerámica leva traballando desde os anos 80 en biocerámicas e nos últimos anos tamén o fixo en soportes para catalizadores. A longa experiencia do Instituto neste terreo (puxeron en marcha diversos proxectos similares) é un aval para conseguir que o reto de comercializar estes implantes mellorados poida finalmente levarse a cabo.