Martes 19 Marzo 2024

Little Cars, o presente da mobilidade alternativa

A empresa de Mos desenvolve e comercializa vehículos 100% eléctricos con selo galego

Comprometida co medio ambiente desde o seu nacemento en 2010, a mosense Little Cars especialízase na fabricación de todoterreos eléctricos. Cunha emisión “0” de CO2, a empresa ofrece así unha alternativa menos agresiva desde o punto de vista medioambiental. “O cliente que vén a nós busca un vehículo que non sexa de combustión, senón que sexa un vehículo eficiente co medio ambiente”, explica Rubén Blanco, xerente da firma. Amais, os seus produtos permiten un aforro e unha redución da dependencia enerxética, puidendo mellorar tamén a eficiencia do sistema eléctrico ao aplanar a curva de consumo.

Con todo, o que diferenza ao proxecto de Blanco é o seu mercado obxectivo: “Little Cars sempre se diferenciou por ir a eses nichos de mercado onde outros fabricantes de automóviles non van, porque consideran que non é o suficientemente grande como para desenvolver algo para ese mercado. Nós imos xustamente a cubrir ese rango de necesidades”. Neste sentido, e a nivel de prestacións, a empresa vén dar resposta a ese rango de necesidades e ámbitos de uso de vehículos desenvoltos para usos especiais ou extremos. “Para contornas de montaña ou nas de rescate de persoas, nas que se precisan automóbiles que teñen que ser eléctricos, porque non pode haber vehículos de combustión, os fabricantes de automóbiles convencionais non teñen aínda solucións. Deste xeito, nós si chegamos a onde outro tipo de vehículo normal non pode”.

Publicidade

Vehículos a medida

Nos seus comezos, Little Cars combinaba esa idea máis práctica da mobilidade particular cun deseño de inspiración vintage, nunha homenaxe ao estilo de vida dos anos 60 e 70 e aos modelos de automóbil desas décadas, presentando unha nova versión, pero en eléctrico. Con todo, e dez anos despois, fabrican vehículos doutro carácter, cun estilo máis moderno e con novos desenvolvementos. Aínda así, a empresa leva a cabo, e baixo demanda, proxectos de “retrofit“. Unha práctica, mediante a que un vehículo usado de combustión transfórmase nun eléctrico ou de pila de combustible, que permite darlle unha nova vida aos coches de sempre.

Amais, a empresa de Mos tamén proporciona ao seu usuario a posibilidade de conducir un utilitario pouco convencional, máis práctico e barato, pero con todas as garantías de seguridade e cunha autonomía feita a medida. “Este tipo de vehículos eléctricos poden desenvolverse e empregarse para autonomías pequenas, de 50km, como para autonomías xa maiores. Todo depende da aplicación e dos requisitos do cliente, do que necesite”. Estes clientes e, en consecuencia, os vehículos empregados, abranguen moitos ámbitos. Así, os produtos de Little Cars están presentes nos parques naturais administrados polo Estado, nos equipos de rescate, na limpeza de praias e residuos urbanos de Concellos a nivel nacional, no exportación para outros países ou incluso nas propias fábricas de automóbiles.

As outras “Little”

Froito dos diferentes desenvolvementos e innovacións que está a levar a cabo, o grupo Little Cars conta agora cunha división chamada Little Motor Sport, enfocada ao sector da competición. No ano que vén, a empresa poderá participar cos seus vehículos do primeiro campionato nacional de karts eléctricos, organizada pola Federación Española de automobilismo.

Por outra banda, e a raíz da fabricación de baterias que emprega Little Cars para os seus propios vehículos, xurdiu agora unha spin-out que produce baterías a partir daquelas dos vehículos eléctricos xerais cando chegan ao seu fin de vida. Así, o que fai a nova empresa, Little Electric, que conta cunhas novas instalacións, é recoller esas novas baterías, actuando coma xestor de residuos. Posteriormente, analízanas e aproveitan aquelas pilas, que están dentro desas baterías e que son válidas, para poder fabricar outras baterias, pero xa destinadas non aos automóbiles, senón a seren estacionarias, como aquelas para o mantemento de enerxía fotovoltaica ou outras formas de enerxía.

Proxectos futuros

Malia que o seu eido de actuación é fundamentalmente o mercado nicho, Blanco sinala a posibilidade de entrar a competir noutros ámbitos: “agora estamos cun desenvolvemento especial dun vehículo grande, de 5 toneladas. Sería un vehículo multipropósito que, posiblemente, poida chegar a ser un vehículo para diferentes aplicacións máis estandarizadas. Pero iso só se comprobará co paso do tempo”.

Tanto para este, como para o resto de proxectos, Little Cars conta con Axudas europeas para o desenvolvemento equilibrado do territorio galego e o crecemento e consolidación do tecido empresarial, así como a axuda do programa Innovapeme 2020. “Os Innovapemes sempre axudan a innovar. Son proxectos apoiados pola administración, e que nos axudan ás empresas pequenas como nós a facer innovación e estar á vanguarda de todas as evolucións do mercado. Doutra forma sería moito máis complicado”.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Proyectopía: fogares 4.0 que garanten a eficiencia

A compañía pontevedresa desenvolve uns sistemas construtivos modulares que contan cun deseño único e consumo enérxetico case cero.