Publicidade

Linguas electrónicas para coidar a alimentación

Unha física de Monforte de Lemos especializada en electrónica, Andrea Hernández, aprendeu durante unha estancia de investigación en Brasil como funcionaban as linguas electrónicas: simulacións dunha lingua real que son quen de detectar os diferentes patróns de sabores (doce, salgado, ácido, amargo e unami) a través da interpretación de sinais que aparecen en cada alimento ou nas bebidas, como os viños, sen ter que catalos un a un. Así poden verse os posibles alérxenos, contaminantes ou patóxenos que poñerían en risco tanto a consumidores como á industria alimentaria.

De volta a Galicia, segundo ela mesma conta, “tomando unhas tapas, caín na conta de que a metade dos meus amigos tiña alerxia a algún alimento”. Deulle aos miolos e de aí xorde a idea de buscar unha posible solución.

Publicidade

Durante a celebración de Spinway, un programa internacional de emprendemento organizado ao abeiro do Camiño de Santiago, Andrea coñeceu a Javier Casal, un economista con experiencia en xestión de proxectos tecnolóxicos. Entendéronse ben, e puxeron en marcha a idea de sense(z). Máis tarde sumouse ao proxecto Alejandro Acosta, tamén economista. Andrea ocúpase da área de calidade, innovación e xestión, Javier do plan de negocio e da produción e Alejandro da parte financieira e de márketing. O proxecto de sense (z) conta tamén cun consello asesor formado por Antonio Riul, Xaime Barreiro e Xosé Antonio Duro.

“Ao inicio, desenvolvemos e validamos a tecnoloxía colaborando con diversos centros de investigación e empresas, para así poder dar paso a unha empresa de produto”, conta Andrea. Ao completar esta fase, na que se atopan agora, “será cando se empecen a comercializar equipos e servizos coa nosa tecnoloxía de linguas electrónicas como eixo central”.

Publicidade

Estes servizos, segundo conta Andrea, serán capaces de que o dispositivo poida “analizar a composición dos alimentos cos que entra en contacto, o que lle atribúe unha gran versatilidade de aplicación, podendo ser usada tanto en alimentos crus ou procesados, pero tamén para a detección de axentes contaminantes en superficies”.

Ademais, Sense(z) “permítelle á industria alimentaria desenvolver procesos de control de alérxenos nas súas cadeas produtivas, achegando fiabilidade, precisión e autonomía respecto a terceiros”, o que supón un aforro importante de recursos.

Un ‘wearable’ antialerxénos

Porén, segundo subliña Andrea Hernández, Sense(z) non se esquece das persoas que, como ela e os seus amigos, teñen problemas á hora de consumir alimentos que lles poden xerar unha reacción alérxica. “Poderán facer o control eles mismos a través dun dispositivo portátil, ao estilo dos ‘wearables‘, permitíndolles coñecer nun breve período de tempo se o alimento que van inxerir contén ou non o alérxeno indicado”. Isto, por tanto, abre “un enorme abano de posibilidades para afrontar na vida cotiá este tipo de problemas”. É, por tanto, “unha solución dobre”, xa que achega maior seguridade tanto na propia industria como nos consumidores finais.

Desde que botou a andar, sense(z) tomou parte no programa Yuzz-Mozos con ideas, da USC e o Banco Santander, onde recibiron o 2º premio e o recoñecemento Yuzz Muller. Máis adiante participaron tamén na aceleradora Vodafone-Connecting for Good Galicia, na que colabora a Axencia Galega de Innovación, onde recibiron o premio Conectados pola Accesibilidade. Ao ter a sede en Monforte, a empresa tamén forma parte do Coworking Ribeira Sacra, da Escola de Organización Industrial.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Un equipo galego aposta por residuos de alfábega para mellorar a conservación de alimentos

O traballo ten como obxectivo crear antioxidantes naturais que atrasen a oxidación lipídica de peixes e mariscos

Galicia rexistra o primeiro caso da península dunha lagarta que se alimenta de néctar

Dous científicos documentaron o fito na especie 'Podarcis lusitanicus' durante unha observación en Porto do Son no verán pasado

Estes 10 alimentos poden prexudicar o teu corazón

O colesterol elevado, a presión arterial alta, a diabetes ou o sedentarismo son os principais factores de risco para as enfermidades cardiovasculares, que representan a segunda causa de morte en España

Estas son as luces e sombras do xaxún

Un estudo do Instituto de Tecnoloxía de Massachusetts apunta a que esta abstinencia axuda ás células nai intestinais a rexenerarse e curar lesións, pero tamén aumenta o risco de cancro en ratos