Martes 19 Marzo 2024

Legalmit, un ‘software’ para a xestión integral do teletraballo

Leticia e María Seara fundaron a empresa en 2018 co obxectivo de integrar todos os recursos de comunicación e xestión dos seus clientes nunha soa ferramenta

Din que non hai mal que por ben non veña. O 2020 foi un ano de parálise para case todos os sectores económicos. Pero non para Leticia e María Seara. Dúas socias que acababan de fundar Legalmit, unha empresa baseada nun software de comunicación e xestión integral destinado a despachos de avogados. “Integramos a tecnoloxía de maneira natural, incluíndo todo tipo de ferramentas: de comunicación, de xestión, videoconferencias, firmas dixitais…”, di Leticia Seara. Ou dito doutra maneira: un despacho 360º onde a tecnoloxía se integra “de maneira natural”. É dicir, que todos os roles da empresa, dos seus traballadores e colaboradores e dos seus clientes estean ao alcance da man.

“É unha forma de traballo máis colaborativa, rápida e áxil, sen necesidade de ir á oficina”, explica unha das fundadoras. E aínda que o seu software ía destinado inicialmente aos despachos de avogados, a elevada demanda doutros sectores levounas a ampliar a oferta. Actualmente, Legalmit tamén ofrece os seus servizos a distintas academias ou incluso ximnasios, co obxectivo de que as clases en liña sexan máis doadas de impartir. Por iso, a pandemia beneficiou a estas dúas socias. “A crise sanitaria demostrou que facían falta máis ferramentas coma esta. Validou a nosa proposta inicial”, aseguran.

Publicidade

Traballar coa nube

Outro dos puntos fortes que salientan dende Legalmit é que traballan internamente coa nube. É dicir, que non é preciso conectarse en remoto ao escritorio do ordenador. Unha mellora que elas querían introducir, coñecedoras das limitacións na súa profesión. Tanto Leticia como María Seara son avogadas de formación e foron elas as que se decataron “da necesidade de cambiar a forma de traballar”. Co seu software buscan un xeito máis transparente e áxil, onde non haxa ferramentas que estean descoordinadas, senón que todas funcionen de maneira integral.

Este proxecto naceu en Vía Galicia, unha aceleradora de empresas que impulsan a Zona Franca de Vigo e a Xunta de Galicia. Corría o ano 2018 e Leticia e María Seara xa tiñan en mente o desenvolvemento dun software que facilitase a coordinación entre os empregados e clientes dos despachos de avogados. Non obstante, non foi ata o último trimestre do 2019 que comezaron a comercializar o seu traballo e impulsaron Legalmit. Agora seguen participando noutras iniciativas e aceleradoras, tratando de desenvolver máis ideas e de que o seu negocio continúe medrando.

Un proxecto de intelixencia artificial

Un dos seus novos proxectos está vinculado coa intelixencia artificial e o machine learning. A finais do 2020 somerxéronse nunha nova iniciativa a través dunha axuda do Centro de Desarrollo Tecnológico e Industrial. “Este novo proxecto está vinculado á parte xurisprudencial. Queremos detectar cal vai ser o argumento vencedor para que o avogado estruture a súa demanda“, explica Leticia Seara. Segundo continúa detallando, isto axudará a escoller en que tribunal convén presentar a demanda. “A xustiza tamén ten nesgos”, incide. Polo de pronto están tratando de desenvolver e perfeccionar o seu funcionamento, pero esperan poder levalo sobre o terreo a partir do próximo ano.

Mais isto non é o único que teñen entre mans. Queda menos para darlle a benvida ao 2022 e Leticia e María Seara teñen por obxectivo centrarse máis na parte de mercadotecnia e vendas. “Actualmente vendemos para España e México pero gustaríanos ampliar clientes e automatizar aínda máis este proceso”, sinalan dende Legalmit. Polo de pronto, defenden un produto “potente e estable”: unha única ferramenta para realizar todas as xestións necesarias nun despacho de avogados, nunha academia ou, incluso, nunha xunta de veciños. “Convócanse e rexístrase a votación. Non é só levantar a man”, apuntan dende a empresa. Leticia e María Seara xa teñen os ollos postos no vindeiro ano. Haxa ou non un revés, nunca hai mal que por ben non veña.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Laboratorio de redes de comunicación 5G & 6G de atlanTTic, deseñando o futuro

Felipe Gil Castiñeira, director do laboratorio, sinala o reto que enfrontan: crear unha rede piloto 5G-6G que converterá o campus de Vigo “nun espazo de investigación avanzado”

José Tubío: “Os científicos deberían saír á rúa como antes facían os predicadores”

O investigador aposta por crear departamentos de divulgación científica, converter a España nun país sen fume e priorizar o cambio climático polo seu impacto na saúde

Por que están aumentando os casos de covid en Galicia? Estas son as claves

Un maior movemento da poboación no verán, a caída da inmunidade e a aparición de novas liñaxes de ómicron poden ser os desencadeantes

Sonia Villapol: “En Galicia estímase que 75.000 persoas teñen covid persistente”

A neurocientífica galega acaba de publicar un libro no que reflexiona sobre as leccións aprendidas durante a pandemia