Ano 2011. Mercedes Toscano e Jorge Núñez abandonan a súa Galicia natal e poñen rumbo a Chile. A el xurdíralle unha oportunidade laboral no país andino e a súa familia trasladouse con el. Tan só un ano despois, e malia que Núñez traballaba no sector da construción e Toscano no da banca, deciden emprender. O 25 de outubro de 2012 abren a primeira tenda de lambetadas de todo Chile. Pero os desexos de volver á terra animounos a regresar a Galicia en 2019, onde continuaron coa súa empresa Mininolas pero apostando por un concepto diferente: lambetadas con vitaminas, sen azucre, sen glute, sen lactosa e sen proteína do leite. “Son os doces do futuro”, asegura Toscano.
“En 2017 aprobouse en Chile unha lei contra a obesidade infantil que nos afectaba directamente”, explican dende Mininolas. Ese foi o impulso que precisaba o matrimonio galego para comezar a fabricar unha marca propia que se axustase aos novos requisitos legais. Así naceu Flipa, unha bolsa de 80 gramos que contén un 40% menos de calorías que as lambetadas tradicionais. “Jorge investigou bastante na fórmula e, por primeira vez, adaptámonos ao mercado e comezamos a vender a nosa propia marca”, lembra Toscano, viaxando seis anos atrás.
Regreso a Galicia
O paso definitivo para consolidar a súa idea foi o retorno a Galicia en 2019. Despois de estudar o mercado comezaron a vender a marca de lambetadas sen azucre Flipa en tendas con produtos aptos para diabéticos e farmacias. “Despois chegou a pandemia e decatámonos de que había moitas empresas que sacaban suplementos nutricionais. Aí foi cando creamos a nosa segunda marca, Vitanolas. Tamén son lambetadas sen azucre pero con diferentes compostos”, continúa explicando Toscano. Segundo apunta a fundadora da empresa galega, algunhas levan melatonina, outras vitaminas adaptadas a nenos ou adultos, ou incluso biotina, que serve para darlle fortaleza ao pelo e ás unllas. “Segue sendo unha lambetada e, polo tando, comela está asociada a un momento doce. Pero agora ten outros beneficios porque xa forma parte dun concepto farmacolóxico“, apunta Toscano.
Con Flipa e Vitanolas como marcas consolidadas, os fundadores decidiron dar un paso máis e acaban de embarcarse na montaxe dunha fábrica de lambetadas en Nigrán. Segundo explica Toscano, comezaron a xurdir proxectos con outras empresas que suxerían incluír novos ingredientes, como as plantas medicinais, nas lambetadas de Mininolas. Como engadido, as fábricas coas que traballaban non respondían aos seus intereses, polo que decidiron montar unha pola súa conta. “Agora que teremos a nosa propia planta e unha experiencia de máis de 10 anos do sector, xa estamos preparados para facer lambetadas diferentes”, engade Toscano.
De todos modos, aínda quedan un par de meses para que a fábrica se poña en funcionamento. Os fundadores de Mininolas estiman que entre finais de outubro e principios de novembro xa poida estar en marcha. Ademais de seguir fabricando lambetadas sen azucre e continuar coas liñas de Flipa e Vitanolas, teñen outros proxectos en mente. “Queremos darlle especial importancia ao departamento de I+E para traballar con produtos naturais, de plantas, e incluso apostar por algo autóctono de Galicia“, sostén Toscano. Teñen en mente comezar a traballar co carrabouxo que, segundo explican dende a empresa, “ten propiedades antiinflamatorias moi potentes”.
Máis dunha década de andaina
Con máis dunha década de experiencia no sector, Toscano non só mira cara ao futuro, senón tamén cara ao pasado. A súa andaina comezou en outubro de 2012 coa apertura da primeira tenda de lambetadas de Chile dado que, segundo explican dende Mininolas, naquel momento non existían no país andino as tendas de doces convencionais. É dicir, de venda a granel. Os fundadores da empresa recoñecen que os comezos non foron sinxelos e que traballaron moi duro, pero os resultados non tardaron en saír á luz. Tan só catro anos despois de arrincar o proxecto de Mininolas xa tiñan 25 tendas abertas en todo o país, entre propias e franquicias.
“Eu sempre quixen emprender. Aínda que me gustaba moito o meu traballo na bolsa foi decisivo ter unha nena”, explica Toscano. Viaxaron a Chile en 2011 cun bebé de oito meses e sen coñecer a ninguén ao outro lado do Atlántico. Por iso, o matrimonio lanzouse a emprender e a apostar por un modelo de negocio que funcionaba en España. “Comezamos sen ter experiencia no sector. Fixemos a nosa primeira compra de 100 quilos de lambetadas porque non sabiamos o que ía pasar”, lembra Toscano.
Agora, 10 anos despois, cambiaron o concepto orixinal da súa empresa, retornaron á terra e apostaron por lambetadas máis saudables. “O noso principal obxectivo é que cando teñas que tomar un medicamento o tomes como se fose unha larpeirada, que che recorde a infancia e sexa un momento agradable“, argumenta a fundadora de Mininolas. De momento, Flipa e Vitanolas xa están no mercado, demostrando que a ninguén lle amarga un doce, incluso cando tomalo é de obrigado cumprimento.