Xoves 7 Decembro 2023

Investigadores galegos deseñan unha vacina contra a Covid-19 en lévedos

O equipo está encabezado polo catedrático de Parasitoloxía da USC José Manuel Leiro e pola tamén catedrática de Bioloxía da UDC María Isabel González Siso

Un ano investigando. Un equipo encabezado por María Isabel González Siso e José Manuel Leiro Vidal. Unha idea moi clara: deseñar unha vacina contra a Covid-19 que se poida producir en lévedos. “En realidade, este proxecto baséase nunha tecnoloxía que xa estabamos desenvolvendo para outro tipo de vacinas”, aclara o investigador, tamén catedrático de Parasitoloxía na Universidade de Santiago de Compostela (USC). De todos os xeitos, Leiro apela á calma e á paciencia. “Estase abrindo un campo moi interesante para investigar en profundidade, pero é tan diferente que aínda falta bastante para desenvolvelo con toda a súa eficacia”, sinala.

Segundo continúa explicando, o seu traballo habitual no laboratorio céntrase en deseñar vacinas contra parasitos, sobre todo de peixes. E destes estudos —conxuntamente coas ideas achegadas por González— naceu a idea. “Cando traballamos con parasitos adoita ser difícil conseguir e coñecer os antíxenos. Polo tanto, usamos as proteínas do patóxeno e producímolas nós, expresándoas en lévedos“, puntualiza o investigador da USC. Ao tempo que aclara que hai moitos sistemas de expresión: dende bacterias ata células humanas.

A Covid-19

Con esta base, vinculada directamente co traballo diario dos dous investigadores principais, deciden aplicar os seus coñecementos ao SARS-CoV-2. E abrir, tal vez, a posibilidade de deseñar unha vacina que se exprese en lévedos. “Escollemos estes organismos porque non teñen ningún tipo de toxicidade. Máis en concreto, usamos os da fermentación do leite e do pan”, matiza Leiro. Ao tempo, insiste no carácter inocuo dos lévedos e recorda que están presentes en alimentos de consumo diario.

“Escollemos estes organismos porque non teñen ningún tipo de toxicidade”

“Os lévedos desenvolven o mesmo papel que as células cando son infectadas polo virus”, aclara o investigador. Polo tanto, son capaces de producir as proteínas do patóxeno —no caso que nos ocupa, do SARS-CoV-2—.Además, os lévedos poden producir cambios nas proteínas engadindo azucres que potencian a respuesta inmunitaria. É dicir: o equipo encabezado por González e Leiro escolle as proteínas que poidan ser protectoras e exprésanas noutros sistemas e organismos que, neste caso, son os lévedos usados na industria alimentaria.

Diferenza con outras vacinas

Mais… Cal é a diferenza entre este modelo de vacina e as outras que están no mercado? Segundo Leiro, o único que están a obter é unha proteína sintetizada a través do lévedo, pero que nada ten que ver co uso de ARN mensaxeiro, como é o caso dos soros de Pfizer e Moderna. En segundo lugar, as outras vacinas usan unha proteína moi concreta do SARS-CoV-2, o spike. Non obstante, o equipo de Leiro engade, como mínimo, fragmentos (péptidos) procedentes de tres proteínas que se encontran na superficie do virus. Ao parecer, estes péptidos son seleccionados grazas a programas bioinformáticos que predín a súa capacidade para estimular o sistema inmunitario.

A súa vacina emprega péptidos procedentes de tres proteínas da superficie do virus

De todas formas, Leiro tamén sinala as complicacións que poden xurdir deste proxecto. “Traballar con estas proteínas sintéticas quiméricas ten un problema. Cando es ti quen as constrúe corres o risco de que non se parezan moito á natural. Por iso necesitamos facer estudos estruturais que nos revelen se esa proteína pode xerar unha resposta inmunitaria cando se inocula”, aclara o investigador da USC. Outro dos inconvenientes desta tecnoloxía está relacionado cos lévedos. “Non sabemos se estes organismos, ao final, consideran as proteínas sintéticas algo extraño e intentan eliminalas. Además, nós queremos que a secrete, que a expulse, pero para iso ten que atravesar as paredes dos lévedos, que son moi impermeables y selectivas”, engade Leiro.

Un proceso rápido

De todas formas, o investigador da USC sinala que o “proceso é bastante rápido”. A dificultade está en producir este tipo de proteínas quiméricas recombinantes en grandes cantidades. “Toda esta iniciativa é bastante innovadora, pero detrás dela hai moita investigación que facer aínda”, recoñece Leiro. Segue insistindo en que o seu proxecto é prometedor, e augura que pode ter outra vantaxe: “Dicirlle ás persoas que lle teñen medo ás vacinas que a nosa se basea en algo natural, que se producen en organismos que se comen. É moi inocuo”, reflexiona Leiro. Que ben sabe que o seu proxecto está cheo de esperanza e ilusión pero, que tamén, require de paciente e apoio financeiro por parte das institucións. O seu obxectivo: acadar un produto innovador e transferible a nivel tecnolóxico.

Laura Filloy
Laura Filloy
Xornalista científica pola Universidade Carlos III de Madrid. Comezou a súa andaina profesional no Faro de Vigo. Con experiencia en comunicación institucional a través de Médicos sen Fronteiras e a Deputación de Pontevedra, meteuse de cheo na divulgación científica na Axencia EFE. Dende 2021 en Gciencia, onde segue a cultivar a súa paixón pola ciencia.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Coellos de oito quilos: así eran os xigantes extintos das illas mediterráneas

Antes de que os humanos as invadiran, estaban poboadas por mamíferos de aspecto e tamaño insólitos, como pikas e ourizos xigantes

O desperdicio alimentario, un buraco negro na busca dunha economía circular sostible

Adaptar o consumo ás nosas necesidades e cociñar a nosa propia comida son algúns dos consellos par reducir os refugallos

Galicia e Portugal alíanse para promover a dieta atlántica

Un observatorio promocionará os seus beneficios para a saúde e o desenvolvemento económico sostible na eurorrexión

X = Gciencia

A decana da facultade de Matemáticas da USC, Elena Vázquez Cendón, escribe un tribuna polo décimo aniversario do noso medio