A auga é un recurso esencial para a vida, pero escaso nalgunhas partes do planeta. A produción de alimentos é unha das actividades nas que maior cantidade de líquido se usa. En relación a este aspecto, a Organización das Nacións Unidas para a Agricultura e a Alimentación (FAO) afirma que o 70% da extracción mundial de auga está destinada á produción agrícola. Nun informe emitido por esta entidade, explícase que a agricultura é o maior produtor de augas residuais, xa que emite grandes cantidades de agroquímicos, materia orgánica e sedimentos. Ante este paradigma xorden iniciativas que buscan un consumo responsable do recurso hídrico na produción agrícola, así como solucionar outros problemas que poden presentar os cultivos tradicionais; un exemplo claro é a hidroponía, unha técnica de cultivo que, basicamente, consiste na substitución do solo agrícola por disolucións minerais.
A hidroponía é un sistema de cultivo baseado na substitución do chan agrícola por disolucións minerais
No ano 2014, Salvador Ruiz traballaba en América desenvolvendo sistemas hidropónicos por todo o mundo. Nunha das súas procuras de novos clientes chegou a España, onde coñeceu a Rafa Pereira, un emprendedor que traballaba con sistemas de hidroponía caseira na área de Vigo. Falando, como explica Salvador, “das súas ideas e inquedanzas”, deciden crear a súa propia empresa neste sector: H2 hydroponics, que se establece formalmente en 2015. Pouco despois sumáronse ao proxecto de ViaGalicia, a aceleradora impulsada pola Axencia Galega de Innovación e a Zona Franca de Vigo.
O desenvolvemento de H2hydroponics
En xuño dese mesmo ano construirían no polígono de Porto do Molle, en Nigrán, un centro de investigación de 250m², consistente nun invernadoiro de alta tecnoloxía. En setembro dese mesmo ano lanzaría o sistema con tubos de NFT, que se convertería, segundo Salvador, nun dos seus produtos estrela, grazas á confiabilidade da súa extensión no tempo.
Un feito curioso é a expansión da actividade empresarial, xa que onde antes chegou foi ao estranxeiro. “España é unha potencia agrícola, e o sistema tradicional está moi arraigado”, aclara o socio fundador. Así que empezaron a casa polo tellado: a empresa rapidamente se fixo un nome no mercado internacional, chegando a exportar a un total de 19 países.
O papel da concienciación ambiental
Con todo, a crecente onda de concienciación ambiental, así como as limitacións no uso da auga, levaron a que a empresa comezase a estender a súa actividade tamén por España. “A agricultura hidropónica pode reducir ao redor dun 90 ou 95% o consumo de auga da tradicional”, explica Salvador.
“A xente está cada vez máis concienciada non só con reducir a contaminación ou o consumo de auga, senón tamén con comer san”. Porque ademais da redución do gasto de auga, a hidroponía tamén diminúe ao mínimo a emisión de residuos e o consumo eléctrico. Neste sentido, a expansión da empresa polo territorio nacional veu da man da progresiva evolución do pensamento da sociedade.
Hidroponía, xeo e lume: de Groenlandia a Dubái
H2hydroponics é unha empresa que non fai distincións de actividade nin tamaño empresarial. “Traballamos tanto con persoas entusiastas, xente que acaba de empezar e pequenos produtores ou como con empresas grandes”, expón Salvador.
Pero hai dous proxectos concretos que destacan sobre os demais polo seu éxito, dúas caras da mesma moeda que solucionan problemas no lugar en que se atopan. Salvador aclara, ademais, que o seu obxectivo é conseguir que todos os produtos cumpran unha serie de requisitos que os fagan aptos para a actividade comercial.
O socio fundador afirma que as baixísimas temperaturas na illa de Groenlandia (que poden chegar aos 40º C baixo cero) dificultan totalmente o cultivo tradicional dalgúns produtos vexetais.
Con todo, uns anaqueles cun sistema de produción hidropónica habilitados dentro dun almacén nun edificio bastan para poder obter vexetais de folla frescos. O agradecemento dos seus clientes nótase no trato: “Cando imos a un restaurante, por exemplo, sentamos na mesa de honra”.
En Dubái, en cambio, sucede todo o contrario. As temperaturas son tan altas que é difícil o consumo de produtos que non estean capacitados para aguantar varios días: “As temperaturas, ás veces, alcanzan os 50º C; demasiada calor para algúns elementos”. Con todo, os sistemas que a empresa instalou en invernadoiros permiten reducir a temperatura ata uns 30º C, xa razoable para o cultivo vexetal.
As vantaxes da agricultura hidropónica
Á hora de falar de cifras e en termos de rendibilidade, Salvador declara que co cultivo hidropónico obtense 4 ou 5 veces máis produción que co tradicional. Isto débese, en parte, a que na hidroponía é posible realizar maior número de ciclos, xa que os cultivos non están suxeitos ás vicisitudes das condicións meteorolóxicas.
“Co cultivo hidropónico obtense 4 ou 5 veces máis produción que co tradicional”
O socio fundador fai referencia ao concepto de “fábrica de plantas” en canto á metodoloxía: o que se busca, e que é posible tamén debido á independencia do factor meteorolóxico, é unha produción uniforme.
En canto á visión de futuro, o principal reto é estender e consolidar a presenza no mercado español, de maneira que se garanta a dispoñibilidade de recursos para as seguintes xeracións, se reduza a contaminación e se avance cara á alimentación sa, da man de vexetais de calidade.
“A agricultura é un sector con moito atraso fronte a outras industrias, o que tamén o dota dun enorme potencial para probar novos conceptos”, declara Salvador. Ningún dos socios ten medo a novos retos; de feito, acaban de estar en París para avaliar un edificio de cara á creación dunha granxa hidropónica.