Só 30 segundos de aplicación sobre as mans. Unha loción hidratante, libre de alcohol, con propiedade biocida. É dicir, capaz de matar os virus encapsulados, como os coronavirus, incluído o SARS-Cov-2, e o da gripe. Aínda non ten nome pero serviría como alternativa ao coñecido como xel hidroalcohólico. A diferenza: só ten ingredientes naturais. Así o indica Enma Conde, unha das socias de Glecex, a empresa galega que desenvolveu esta formulación. Armados de optimismo, esperan que se poida comezar a comercializar a principios de 2022.
“A día de hoxe é o único produto de mans que está libre de alcohol e ten a propiedade biocida certificada”, explica Conde. Nestes momentos están a tramitar o rexistro da súa loción na Axencia Europea dos Produtos Químicos (ECHA), un paso indespensable para a súa futura comercialización. “Aínda que xa temos a formulación e o prototipo, seguimos a traballar neste proxecto. De feito, xa fixemos unha proba en voluntarios humanos para verificar que o noso produto é compatible coa pel e non provoca irritación, senón que hidrata”, engade a socia de Glecex.
Programa Connect-19
O desenvolvemento deste produto enmárcase no Connect-19, un programa impulsado pola Xunta de Galicia co obxectivo de atopar solucións innovadoras que reduzan o impacto da Covid-19. “Foi todo un logro para nós finalizar esta iniciativa cun produto certificado”, apunta Conde. Están cada vez máis cerca de que o seu proxecto estea dispoñible no mercado en forma de loción. “Determinamos que esa era a opción máis estable e compatible cos ingredientes”, explican dende Glecex, descartando outros prototipos como o xel.
Mais este non é o único proxecto no que está inmerso o equipo de Glecex, con Enma Conde e José Manuel López á fronte. Esta empresa galega, radicada en Ourense, naceu hai oito anos. Os seus socios viñan do mundo da investigación universitaria pero decidiron darlle un xiro á súa carreira e lanzarse a emprender. A esencia de Glecex está xustamente aí, en ofrecer un servizo I+D+i a diferentes sectores, sobre todo ao da alimentación e ao da estética. “O noso obxectivo é apoiar as empresas no seus proxectos de investigación e de desenvolvemento de novos produtos”, explica Conde.
Capacidade antiinflamatoria
“Agora mesmo estamos traballando nun proxecto para determinar a capacidade antiinflamatoria de determinados ingredientes”, explican dende Glecex. Nos ensaios que xa foron realizando, ían establecendo se eses extractos naturais tiñan a capacidade de inhibir algunhas das encimas relacionadas coas enfermidades metabólicas, como a hipertensión, o colesterol ou a diabetes. Nestes momentos están inmersos nun proxecto de desenvolvemento de bebidas funcionais que poidan ter dita capacidade antiinflamatoria.
Pero non só traballan co sector da alimentación, senón que tamén deron o salto á cosmética. “O que nós facemos é desenvolver un ingrediente, que sería o elemento estrela desa liña cosmética, a partir da materia prima que escolla o cliente”, apunta Conde. Dende Glecex desenvolven todo o proceso de extracción dese ingrediente, asegurando o trato personalizado. “Ninguén máis no mercado vai ter ese mesmo elemento cosmético”, engaden dende a empresa.
Duración dos proxectos
A duración dos proxectos nos que están a traballar é moi variable e depende de diversos factores. Co sector da alimentación adoitan desenvolver iniciativas a máis longo prazo, de dous a tres anos de duración. Pola contra, na cosmética os proxectos son máis curtos e teñen un resultado máis inmediato, en apenas uns meses. Porque dende Glecex non só se ocupan do desenvolvemento do ingrediente clave, senón tamén da fabricación.
“O único que queremos no futuro é seguir traballando nisto. Que máis empesas se interesen polos nosos servizos e que poidamos desenvolver os nosos proxectos internos”, di Conde cando trata de predicir o que virá. Fóra da súa carteira de clientes, Glecex tamén aspira a arrancar máis iniciativas propias, como a do desenvolvemento dunha loción con propiedades biocidas. Mais este non é o único proxecto que teñen entre mans.
Microalgas na cosmética
Un deles baséase nas propiedades que teñen as microalgas para aplicarse no sector da cosmética. “Acabamos de presentar os resultados ante Anfaco-Cecopesca dun proxecto europeo. Nós eramos a única empresa do consorcio, e acompañabamos a centros de investigación e universidades”, afirma Conde. Mais as posibilidades das microalgas na cosmética europea non é o único proxecto, tamén traballan con elas no sector da alimentación. “Comprobamos que ao fermentar microalgas conseguimos mellorar as súas propiedades biolóxicas. Así vimos que teñen a capacidade de inihibir unha encima relacionada coa síntese do colesterol”, indican dende Glecex.
Polo de agora, o seu mantra é seguir traballando e conseguindo obxectivos. E ademais de seguir ofrecendo un trato personalizado aos seus clientes, poder mergullarse en proxectos propios. Ben sexan microalgas, ben sexan locións biocidas. De momento, seguen á espera de que os trámites burocráticos se axilicen e o seu novo produto se poida comercializar o antes posible. Sexa como sexa, eles seguen sendo optimistas, mantendo o 2022 como meta.