Freshcut, aposta pola alimentación saudable e a integración social

A compañía viguesa basea no I+D a súa capacidade de crecemento que a leva a abrir unha nova fábrica

As novas instalacións de Freshcut permitirán multiplicar a capacidade de produción da empresa. Foto: Freshcut

A petición dun hospital dun tipo de alimento saudable para os seus pacientes está na orixe do nacemento de Freshcut no ano 2011. Ata entón so existía unha cadea de froiterías, Frutas Nieves, propiedade dunha familia viguesa que tiña 60 tendas propias e xa traballaba coa subministración de froita a diversos hospitais. Pero ese encargo marcou unha evolución cara a unha empresa que hoxe está a crecer dun xeito moi importante e que soubo especializarse nun sector como a alimentación saudable para as persoas maiores.

Freshcut abrirá ao longo deste verán unha nova planta de produción no polígono da Pasaxe de Gondomar, que multiplicará por dez a capacidade da factoría coa que contaba ata o de agora no barrio vigués de Valadares. Eusebio Méndez, xerente da empresa, sinala que coa súa apertura se abrirá unha nova etapa despois de pechar o ano pasado cunha facturación próxima aos dous millóns de euros.

A aposta pola innovación e o desenvolvemento de novos produtos é a clave da evolución do gran salto adiante que deu a empresa en menos de dez anos. Isto non levou a esquecer outro dos principios fundamentais da compañía, a integración social. Actualmente, o 70 por cento dos traballadores conta con algún tipo de discapacidade. Cogami formou parte do accionariado da empresa nos primeiros anos aínda que despois deixou de pertencer á sociedade.

Inicialmente a compota coa que naceu o proxecto so tiña dous sabores para elixir pero hoxe os clientes xa poden escoller un total de oito (sempre coa base da mazá galega) e outros produtos como sopas e untables (humus sen tahini, olivada e sobrasada vegana), sempre co obxectivo de producir alimentos saudables como prioridade. “Nestes momentos o noso departamento de I+D+i segue a traballar no desenvolvemento doutro tipo de produtos”, indica Méndez, quen destaca tamén o carácter multidisciplinar do mesmo xa que alí traballan biólogos, técnicos en alimentación, chefs de cocina ou enxeñeiros.

Un dos proxectos máis importantes que están a desenvolver na actualidade é AHGAVES (Alimentos Horta Galega para Vellez Saudable), que se basea na relación entre nutrición e envellecemento saudable para obter produtos vexetais innovadores que cubran as necesidades alimentarias da terceira idade. O proxecto conta coa colaboración da Axencia Galega de Innovación (Gain) da Xunta de Galicia (a través do programa InnovaPeme cofinanciado polo programa operativo Feder Galicia 2014-2020) e o público ao que vai destinado atópase tanto nos hospitais como en residencias ou domicilios particulares. É un tipo de alimentación que está tamén especialmente dedicada aos grandes dependentes.

Freshcut colaborou estreitamente neste proxecto coa patronal do sector conserveiro Anfaco e realizáronse probas con resultados satisfactorios de  cremas de verduras saudables para persoas maiores. Un total de 160 voluntarios, persoas con máis de 70 anos de diversas residencias da área de Vigo, participaron no experimento cuns datos moi esperanzadores en canto á mellora da saúde das persoas que participaron no mesmo.

O mercado da empresa é internacional e xa ten presenza en Israel, Brasil e Corea e agarda ter un crecemento moi importante nos próximos anos

“O noso mercado é internacional aínda que actualmente a nosa maior presenza está en Galicia e no resto de España. Contamos con distribución nos supermercados Eroski e noutras cadeas. No exterior polo de agora temos presenza en Israel, Brasil e Corea pero xa estamos explorando posibilidades noutros mercados como Xapón”, explica Méndez. Semella que un proxecto que naceu de xeito case casual polo encargo dun cliente pode chegar a contar cun crecemento moi importante nos próximos anos xa que o sector da alimentación saudable ten un futuro enorme en mercados moi diversos.

Freshcut está ben situada para afrontar ese desafío e destaca a súa aposta  por fabricar novos produtos cen por cen naturais, procedentes das mellores hortas, sen aditivos, sen conservantes e sen azucres engadidos. A calidade da materia prima é un dos factores fundamentais para explicar o éxito da empresa cos seus produtos nos distintos mercados nos que xa está presente.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.