Fronte aos métodos clásicos de obtención de datos xeográficos, como a topografía ou a fotonometría, FREEdron é un dispositivo que combina diferentes sensores para capturar esa información xeorreferenciada. Amais, aporta unha solución hardware-software modular e completa que permite un maior control na recolección de información, así como a integración e o procesado básico da mesma.
O proxecto baséase na tecnoloxía LiDAR, mediante a que se envía unha sinal que, a certa distancia, rebota e volve ao receptor. Logo, ao unir esa distancia a sistemas de posicionamento, obténse un vector xeorreferenciado no aire, coñecendo así as coordenadas dese punto grazas a un dispositivo capaz de ler até 600.000 puntos por segundo. Amais, e respecto de outras técnicas, o LiDAR presenta certas vantaxes á hora de cartografar os espazos, segundo apunta Marcos López, xerente de Cartogalicia: “Imaxina que quero ter o modelo dixital do terreo dunha carballeira. Por fotonometría, se eu non vexo o terreo, coa foto non podería extraer información das cotas de latitude que están por debaixo desas árbores. O LiDAR permítenos esa penetración na vexetación, e poderiamos obter o modelo dixital do terreo e o de superficie, que sería a copa da árbore. E, a partir diso, calcular moitas outras cousas”.
Multisensor e multiplataforma
A este sensor, onde o LiDAR é o centro de todo, pódenselle agregar e sincronizar outros sensores, para fusionar a información dos puntos con outros datos de interese. Así, por exemplo, na agricultura de precisión poderíase fusionar o LiDAR cunha cámara multiespectral, que aporta a información fitosanitaria da vexetación.
Amais, o sistema pode ser montado en múltiples plataformas, como un vehículo terreste, un avión ou mesmo un barco. Unha característica diferencial que, segundo explica, non é tan sinxela: “Multiplataforma non é simplemente sacalo dun sitio e poñelo noutro. O comportamento do sensor vai ser distinto en función do tipo de vehículo, polo que é preciso un desenvolvemento para que os cálculos diferencien entre terra, aire ou mar.”
Xunto a esta interpolación das capacidades múltiples, que fan do LiDAR de FREEdron un dispositivo máis valioso, está tamén a contención dos parámetros de peso e dimensións, condicionantes fundamentais da autonomía dun equipo final igualmente configurábel e escalábel. Unha optimización da tecnoloxía xa existente que permite, á súa vez, a optimización tamén dos resultados dos seus clientes, entre os que se inclúen empresas do sector industrial e servizos de medición de masas forestais arbóreas, así como empresas de topografía, cartografía ou de urbanismo, tanto públicas como privadas. Para estas, e a nivel de postproceso deses datos, existen dúas opcións: o pago por uso, no que se lles facilita unha plataforma de procesado da información, ou a venta dunha licenza permanente.
RAWLIDAR e a BFAero
Con motivo da adxudicación da fase de incubación de FREEdron, naceu RAWLIDAR, en referencia á obtención de datos “crus” do LiDAR. A firma, que obtivo a cualificación de iniciativa de emprego de base tecnolóxica (IEBT), está participada por dúas empresas. Cartogalicia SL son expertos en xeomática e pioneiros a nivel estatal na creación de produtos cartográficos mediante o uso de plataformas non tripuladas, aportando a spin-out o seu expertise en cartografía e enxeñería mecánica. Pola súa banda, e para dar resposta aos coñecementos no campo das telecomunicacións e do software necesarios para a elaboración do proxecto, RAWLIDAR está formada tamén por Ingeniería INSITU, empresa lucense de base tecnolóxica que conta cunha longa traxectoria en disciplinas en campo, así como na electrónica e no software aplicados ao eido xeomático.
O spin out participa da segunda edición da Business Factory Aero (BFAero), unha aceleradora para pemes do sector aeronáutico de Galicia que precisen sistematizar e consolidar o seu modelo de negocio. Impulsada pola Xunta dentro da Civil UAVs Initiative (CUI), unha iniciativa estratéxica e pioneira en Europa co obxectivo de atraer investimentos no sector aeroespacial e propor solucións innovadoras ao eido da industria de sistemas e vehículos non tripulados, a BFAero é a aceleradora do sector que conta coa maior dotación económica a nivel europeo. Deste xeito, proxectos coma FREEdron, en fase de incubación, poden contar cun apoio de até 100.000 euros a fondo perdido.
“Evidentemente, o alcance da BFA está limitado a un espazo temporal, a unha contía económica e a uns fitos. Pero estar baixo o seu paraugas é positivo, porque nos permite non só unha financiación que, malia non ser suficiente, si que é unha axuda, ademais de darnos visibilidade e proporcionarnos tutorización“, explica López. A aceleradora participa tamén da elaboración dun plan completo para o desenvolvemento e comercialización do seu produto a nivel local, nacional e internacional, cunha duración de 24 meses para a etapa de incubación. Asemade, ofrece a titorización con expertos no sector e o acceso ás instalación e equipos da CUI, así coma una oficina propia e espazos de coworking ou de formación en todos aquelas cuestións que afecten á súa idea de negocio.