Venres 29 Marzo 2024

Ferramentas dixitais para anticipar o Alzheimer e localizar o ictus

LincBiotech deseña un kit de detección precoz do Alzheimer que busca sinais premonitorias nas proteínas Tau aberrantes

En San Cibrao das Viñas, 12 quilómetros ao sueste de Ourense, podería estar a tecla definitiva para anticipar e pausar o deterioro neuronal que causa o Alzheimer, con ferramentas de detección precoz que anticipan o desenvolvemento da enfermidade a partir do achado da proteína  Tau aberrante no líquido  cefalorraquídeo. 

A conexión entre o Alzheimer e San Cibrao pasa por  Tecnópole (Parque Tecnolóxico de Galicia) e chámase Lincbiotech. Falamos dunha spin  off ouescisión do Laboratorio de  Neurociencias Clínicas (LINC) do Hospital Clínico de Santiago que integran unhas 7 persoas que se reparten entre as oficinas de San Cibrao e o laboratorio de Compostela. A empresa que comanda Juan Sebastián Ruiz-Constantino é unha  compañía emerxente, que desenvolve ferramentas innovadoras para o diagnóstico e tratamento de enfermidades neurolóxicas de alta prevalencia co empurrón económico dun grupo de investidores galegos con matriz en Ourense. 

Publicidade

A incidencia do Alzheimer non é menor. Máis de 46 millóns de persoas en todo o mundo conviven coa demencia, máis ou menos o equivalente a toda a poboación española. Convén lembrar que a enfermidade de Alzheimer  é un trastorno cerebral irreversible e progresivo, que destrúe lentamente a memoria e as habilidades de pensamento. Erosiona a capacidade de levar a cabo as tarefas máis sinxelas borrando a memoria das persoas que fomos en aras dun corpo que non pode valerse por si. 

Alzheimer e ictus

Un dos cabalos de batalla de  Lincbiotech é o Alzheimer, pero non o único, subliña Juan Sebastián, primeiro executivo da firma. Teñen no punto de mira o accidente  cerebro-vascular ou ictus, tanto polos millóns de persoas ás que afecta, como por seren unha enfermidade que deriva nun severo deterioro físico e un sufrimento inhumano tanto para os pacientes e as súas familias.

“Estamos centrados na inxente tarefa de desenvolver solucións innovadoras para mellorar o manexo clínico dos pacientes que padecen enfermidades neurolóxicas, de alta prevalencia”, destaca Juan Sebastián,  CEO de  LincBiotech, que advirte das complexidades de diagnosticar o Alzheimer e diferencialo doutras demencias.  

Como funcionan estas ferramentas? A compañía aproveita o procesamento avanzado de  neuro-imaxes, os ensaios in vitro e as técnicas de intelixencia artificial “para facilitar a diagnose oportuna e precisa destas condicións devastadoras”, explican.  Fase a través de dúas ferramentas bio-tecnolóxicas que están en proceso de regularización para a súa comercialización e que denominaron Kit Elisa e Kit Minerva. 

Novas ferramentas

“O noso primeiro produto neste campo é o kit Elisa para detectar proteínas mal encartadas en líquido  cefalorraquídeo (LCR), o que permite a diganose da enfermidade mesmo na súa etapa  subclínica”, explican os investigadores. Eses indicadores son a proteína  Tau, que forma parte do cito-esqueleto das células. Aspiran a poder localizalas, no futuro, na análise de sangue. Un proxecto que está entre as súas liñas de investigación actual xa que sería unha diagnose menos invasora pero aínda pouco concluínte, puntualiza o  CEO. 

Doutra banda, o kit Minerva é un software de procesado das imaxes radiolóxicas dun cerebro afectado por un ictus que extraen da nube e procesan por indicación dos facultativos. Permítelles localizar con precisión o punto do  trombo e achegarlles información crave para que valoren a severidade do accidente cerebral, visualizar as zonas danadas e as que poderían ser recuperables coa intervención. 

En Lincbiotech teñen claro que o diagnóstico precoz do Alzheimer é fundamental para mellorar o prognóstico dos pacientes, de aí a radical importancia dos avances neste campo. O seu obxectivo é precisamente ese: desenvolver tecnoloxías innovadoras para enfermidades neurolóxicas e chegar a acordos de licenza con empresas que comercializan produtos diagnósticos ou terapéuticos nos mercados. 

“O escaneado de neuroimaxes a través dun software propio permítelles situar os  trombos e sinalar aos facultativos as partes do cerebro máis danadas”

Con todo LincBiotech non deixa de ser unha empresa que fai da investigación e da biotecnoloxía o seu negocio. Entre os datos que manexan estaría o custo medio anual da enfermidade de Alzheimer en Europa: 250.000 millóns de euros en 2017 (un ano), o equivalente a case o 1,5 % do PIB da UE-27. 

Lincbiotech conta co respaldo da Xunta para seguir avanzando no diagnóstico precoz do Alzheimer e o tratamento dos ictus a través dos programas Principia,  InnovaPeme,  Apoio á  participación en  H2020, Conecta  Hubs, IFI Innova e Conecta  Covid da   Axencia  Galega de Innovación. 

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Galicia notifica 10 mortes ao día por consumo de tabaco

A investigadora da USC Julia Rey Brandariz constata na súa tese que a comunidade galega é a duodécima que máis falecementos rexistra por esta substancia

Un novo test pode detectar o alzhéimer cunha precisión do 90 %

Unha investigación internacional con participación española desenvolveu unha proba que identifica un biomarcador clave chamado p-tau217

O aire en Europa é o máis seco dos últimos 400 anos

Unha investigación demostra que, desde principios do século XXI, se está a producir un desecamento xeralizado debido á actividade humana

Identificada unha proteína esencial na regulación da obesidade

Un estudo do CSIC descobre que Dido1 ten unha función clave no desenvolvemento do tecido adiposo