É unha realidade que o plástico asolagou as nosas vidas. Aparece nos envases de alimentos, en produtos cosméticos, na nosa roupa e en materiais de construción, entre moitos outros ámbitos. Segundo cifras de Greenpeace, a estimación é que para o ano 2020, o consumo suba ata 500 millóns de toneladas anuais, un 900% máis que en 1980.
Ante este paradigma, xorden novos produtos substitutivos, elaborados con materiais alternativos ao plástico que son menos (ou incluso nada) prexudiciais para o medioambiente. Baixo esta premisa nacía Ibérica de Esponxas Vexetais no ano 2013, dirixida polo técnico superior de Montes Juan Carlos Mascato.
Trátase dunha empresa agroforestal pioneira no cultivo de esponxas vexetais para uso cosmético, con sede en Caldas de Reis (Pontevedra), que nace como unha procura de alternativas ao resto de sistemas agrícolas en Galicia, de xeito que emprega unha materia prima substitutiva de produtos sintéticos: a luffa, unha especie de cabaza, pertencente á familia das cucurbitáceas.
A elaboración da base xenética
Para adaptala ás necesidades do mercado, foi necesario desenvolver, mediante selección xenética, unha planta con fibras máis brandas e tamaños estándar, de maneira que permitan determinadas prestacións. “Explicado de forma sinxela, selecciónanse a base xenética da planta e os seus cruces, e despois desenvólvese o produto”, explica Juan Carlos.
Mediante esta xenética propia obtéñense distintas intensidades de fibra. Existe mesmo unha “fibra superbranda”, específica para peles sensibles ou con algún tipo de enfermidade cutánea. Este labor de elaboración da base xenética é clave, xa que é o punto de diferenciación de Ibérica de Esponxas Vexetais.
Segundo o técnico, a curcubitácea con polinización cruzada é unha especie moi complexa, e é a base de toda a empresa: “Sen planta non hai produto, entón temos que coidalo”. Aínda que contan cun banco de sementes moi potente, cada ano é necesario realizar todo o proceso de desenvolvemento e estabilización de novas especies e variantes, labor da que se ocupan dúas persoas.
Debido á complexidade deste proceso, Mascato explica que introduciron un cambio na estrutura de negocio; en Galicia realízase a base xenética, mentres que os cultivos se atopan en Portugal: “Non nos podemos dedicar directamente ao cultivo porque hai que seguir determinados protocolos, así que decidimos desenvolver os sistemas de cultivo para que fosen independentes”. Desta maneira, a empresa subcontrata cultivos, implanta o seu propio protocolo e realiza o seguimento das parcelas.
Reducir o consumo de plástico no fogar: os estropallos de cabaza
Este 2019, tras tres anos de desenvolvemento, a empresa conseguiu un dos maiores logros de toda a súa traxectoria: a “potentísima” patente mundial do estropallo compostable de cociña, elaborado cunha fibra máis resistente e elástica. Mascato defíneo como “un fito absoluto, posiblemente un dos produtos máis importantes que existiron en Europa nos últimos anos”.
“O estropallo compostable de cociña posiblemente sexa un dos produtos máis importantes de Europa nos últimos anos”
Esta alternativa soluciona problemas moi importantes de contaminación con microplásticos no fogar, e, ademais, Mascato afirma que é a única solución executable a gran escala a nivel material: “Todos os fogares europeos teñen un estropallo na cociña; en 2022 queren prohibir os sintéticos, e a única maneira de facelo é coa nosa fibra”.
A materia prima coa que traballan é 100% biodegradable e non produce tampouco contaminación durante a súa elaboración. Para xerar os estropallos de cociña, o consumo de enerxías é 0, mentres que “os estropallos de celulosa, que veñen dunha empresa química que descompón a madeira, proveñen dun proceso extremadamente contaminante”, explica Juan Carlos.
Beneficios para o medioambiente
A empresa tivo clara a súa folla de roteiro desde o minuto cero: un modelo de negocio con cultivos sustentables, procesos produtivos non contaminantes e produtos 100% naturais. Nesta combinación de factores reside a clave da rendibilidade e éxito da empresa, que é a diferenciación da súa mercadoría mediante a responsabilidade social.
Ao non usar ningún tipo de produto sintético, o impacto ambiental é nulo; ademais, a materia prima utilizada é compostable, o que quere dicir que o ciclo de vida da esponxa péchase cando esta volve á terra en forma de abono, de maneira que non produce residuos nin deixa rastro algún na natureza.
Coa elaboración destes produtos vexetais evítanse miles de toneladas de residuos plásticos
“Se falamos de toneladas de residuos plásticos que eliminamos con esta actividade, a cifra ascende a miles”, afirma Juan Carlos: “Non hai contaminación mariña, nin de auga potable. Unha depuradora non filtra os polímeros microscópicos que deixan os clásicos estropallos sintéticos amarelos, nin o microplástico de silicona que leva cosmética común; todo iso vai ás augas residuais”.
Agora mesmo, a empresa conta con 50.000 plantas de produción entre España e Portugal. Recentemente, Mascato adquiriu unha empresa en Colombia co obxectivo de expandir tamén o seu produto polo mercado americano e canadense. Actualmente, están xa consolidados no conxunto de Europa e en Australia; e as próximas metas son China e Rusia.