Carmen Vigara, Rubén Otero-no centro da imaxe- e Ivan Rodriguez son parte do equipo de Fentotek que deseñou esta maqueta.

Enxeñería galega médica a baixo custo

Fentotek deseña un ventilador mecánico automatizado e asequible que permitirá monotorizar aos pacientes

As dificultades que tiveron a meirande parte das áreas sanitarias desde a aparición da Covid-19 para obter respiradores provocou que xurdiran infinidade de iniciativas. Unha delas é a de tres enxeñeiros da empresa Fentotek que desenvolveron un proxecto para a fabricación de ventiladores mecánicos. Traballaron no deseño deste equipo médico, cada un desde un lugar diferente da provincia de Ourense.

Fentotek é unha empresa que naceu o pasado ano con enxeñeiros que levaban moito tempo na industria e que se dedican ao deseño de electrónica. Nunca entrou nos seus plans de negocio a fabricación de utensilios médicos. Traballaban en dispositivos para comunicacións, industrialización, electrónica, potencia… pero nunca fixeran un equipo médico. Isto implicou unha carga de traballo en documentación descoñecida polo tipo de sector.

A idea apareceu a través da demanda que existe no  mercado sobre este tipo de dispositivos que son difíciles de conseguir, porque hai escaseza no mercado e ademais teñen un prezo moi elevado. Os enxeñeiros uníronse para fabricalos baseándose nalgún respirador que tivo moita repercusión mediática, como por exemplo o que fixo a empresa catalana OxyGEN, que automatizaba un balón resucitador tipo Ambú. “O que decimos facer nós foi aproveitar que tiñamos moita experiencia na automatización de equipos, e creamos un equipo que vai máis aló”, comenta Rubén Otero, CEO de Fentotek.

O que buscan é que este ventilador non sexa dependente dun respirador manual automatizado, senón que sexa capaz de soportar a ventilación durante un tempo prolongado. “Ademais disto, queremos que este aparello sirva para monotorizar aos pacientes. Pretendemos tamén dar unha solucíón concreta aquí e noutros países nos que o acceso aos recursos é limitado, tanto en África como en Sudamérica”.

O proxecto do dispositivo conta cunha axuda da Axencia Galega de Innovación (GAIN)

Na actualidade teñen o dispositivo elaborado por partes, e están tratando de montar o dispositivo, que estará fabricado nas próximas semanas, coa idea de que a comezos do mes de xuño poderían xa probalo. Este proxecto foi seleccionado pola Axencia Galega de Innovación (GAIN) xunto a outros sete máis, e contará co apoio económico desta entidade dependente da Consellería de Economía, Emprego e Industria da Xuntade Galicia, para desenvolver solucións baseadas no I+D+i no marco da crise provocada pola Covid-19.

Trátase dun equipo que non está pensado para ser un dispositivo de emerxencias. Será un equipo certificado, polo que terá que ir cumprindo os seus distintos prazos, pero está previsto que a final deste ano conte con toda a certificación para poder ser vendible. “Aínda non temos un feedback sobre o produto, porque non está o prototipo listo, pero unha vez que se probe, será cando se abra unha nova etapa de redeseño e interacción para adaptalo aínda máis ás necesidades”, sinala Rubén Otero.

Este equipo está pensado para ser unha solución de baixo custo, comparado coas existentes na actualidade. O prezo final, en relación aos prezos que se manexan no mercado, sería dez veces inferior. “Isto signficaría un gran empurrón para aqueles lugares nos que non están preparados para a compra de mil equipos médicos deste estilo”. O dispositivo foi deseñeado para que conte con facilidades de produción e parte das pezas están pensadas para facerse con fabricación aditiva ou mecanizada, co cal facer un prototipo sen ter que pedir a provedores externos e en poucas horas.

O baixo custo vén dado polo emprego de materiais asequibles. O corazón do equipo está baseado nun motor stepper que se utiliza en robótica ou en automatización, polo que podemos atopar deste estilo centos de milleiros en España sen ningún problema. “Son pezas moi fáciles de conseguir, pero non só aquí, senón en calquera parte do mundo onde podería fabricarse”, conclúe o CEO de Fentotek. A parte da mecánica foi feita con fabricación aditiva mediante impresión 3D.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.