Sábado 20 Abril 2024

Deseñando os bolsos e mobles do século XXI

A clave para a creación de novas fórmulas de negocio nun mercado onde cada vez é máis difícil innovar segue estando na investigación. Mireiq é un bo exemplo diso. Tras un prolongado período de estudo chegaron á conclusión de que a mellor forma para lanzarse ao mercado con novos produtos é facer obxectos que se adapten totalmente aos desexos do cliente e non ao revés. Deste xeito naceu unha liña de bolsos, maletas e carteiras que permite aos usuarios poder converterse tamén en deseñadores e ir cambiando o aspecto e ata o tipo de obxecto que adquiriron.

Un bolso de Mireiq.

Jorge Labandeira, director creativo e fundador de Mireiq, explica que o proxecto que desembocou na creación de Mireiq comezou cando decidiu trasladarse de Madrid á Coruña para estudar en profundidade os tipos de bolsos que existiran ao longo da historia e tratar de crear unha novo paradigma para deseñalos.

Publicidade

A conclusión final foi o desenvolvemento dun sistema que permite ao usuario construír o bolso a través dun sistema de pezas, de forma que se pode alterar o aspecto exterior do bolso e tamén convertelo nunha mochila ou nunha pequena maleta.

O sistema foi patentado e agora a idea é ir estendéndoo a outros obxectos. Coas mesmas premisas Mireiq fabrica carteiras e tamén iniciou unha liña de produción de mobles. “A idea é seguir avanzando e producir obxectos moi diversos aínda que primeiro temos que consolidarnos no mercado dos bolsos e as carteiras”, indica Labandeira.

A filosofía de Mireiq aposta por reformular radicalmente o deseño dos obxectos do futuro e colocar ao usuario no centro da experiencia. “Non somos unha simple marca de bolsos, temos unha forma distinta de facer as cousas e por iso dámoslle a todos os obxectos que creamos a capacidade de ser versátiles. Queremos dar liberdade aos clientes e que non acaben sendo presos do obxecto que adquiren”, explica Labandeira.

A filosofía de Mireiq aposta por redefinir radicalmente o deseño dos obxectos

A empresa atópase nun proceso de aceleración dentro de Conector, unha aceleradora de start- ups que traballa principalmente en Madrid e Barcelona pero que tamén apoia a algunhas empresas en Galicia e que, no caso de Mireiq, permitiulles acceder aos consellos de consultores de empresas tan importantes como Inditex.

“Tamén nos axudou estar nun sitio como A Coruña que se está a beneficiar moito de ser a sede central dun xigante mundial como Inditex”, sinala Labandeira. O proxecto tamén contou co apoio financeiro de Afigal e actualmente están á procura de novas fontes de financiamento que lles permita seguir crecendo. Apenas levan seis meses vendendo os seus produtos e queren ir paso a paso e ir conquistando mercados desde A Coruña ao resto de España. Máis adiante exporanse o reto da internacionalización. O que si teñen claro é que cada tipo de produtos terá unha sección independente dentro de Mireiq aínda que a filosofía sempre será a mesma.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

“Anicamento” e “teito de cristal”, entre as novas entradas do Dicionario da Academia

A RAG engade corenta voces como novas acepcións e mellora a definición de 20 lemas na súa última actualización

Unha masa de aire polar desplomará os termómetros en Galicia

As temperaturas caen ata 10 graos a vindeira semana, quedando en valores baixos para a época do ano

▪️ Ten sentido implantar en Galicia a nova medida antitabaco do Reino Unido?

A investigadora da USC Mónica Pérez advirte que nos países con altas taxas de fumadores é difícil que esta medida saia adiante

Galicia rexistrou preto de 43.100 raios en 2023, un 66% máis que o ano anterior

O día co maior número de descargas eléctricas detactadas foi o 9 de setembro, cun total de 10.204