Daveiga: o pan do século XV que arrasa na Galicia do XXI

A empresa chantadina vai camiño do seu terceiro ano consecutivo posicionada entre as empresas europeas de maior crecemento grazas as súas Galletas Mariñeiras

Cando a empresa lucense Daveiga botou a andar no 2006 non podía imaxinar todo o que lle viña detrás. As súas galletas Mariñeiras pelexan coas compañías máis innovadoras de toda Europa na lista que elabora cada ano o Financial Times, unha clasificación que recolle as empresas radicadas en Europa que experimentaron un crecemento máis rápido. Neste estudo, elaborado polo prestixioso xornal británico en colaboración con Statista, figuran as 1.000 empresas europeas cunha maior taxa de crecemento nos últimos anos. Nel resáltanse as entidades que actúan como forza motriz da economía europea. No 2018, en Daveiga conseguiron o posto 503, logo o 548, cun crecemento acumulado no período analizado de catro anos do 315%. No 2020 esperan volver a ter presenza nesta lista dominada por entidades do sector da tecnoloxía, construción e servizos, con sede en países como Alemaña, Reino Unido e Francia principalmente. “Non deixa de ser un ránking, pero achegounos visibilidade. O mérito non é tanto figurar nesta lista, como que unha panificadora do rural galego estea aí”, comenta Xosé Lois Llamazares, o coordinador de Daveiga.

Xosé Lois Llamazares, un dos responsables da empresa.
Xosé Lois Llamazares, un dos responsables da empresa.

Trátase unha empresa de monoproduto, as Galletas Mariñeiras; iso si, con moitísimas variedades dentro do mesmo. No momento actual elaboran uns 5.000 quilos diarios, o que supón unhas 26.000 bolsas, con máis dun millón de quilos de produción anual. Ata 2009 era un proxecto modesto. Non tiña posicionamento no mercado. Coa crise tiveron que aguantar o tirón. E xa no 2013 é onde empeza o crecemento exponencial. Daveiga pasou de ter cinco empregados, a formar hoxe un equipo de case 70 persoas. O seu modelo empresarial está vinculado á economía social. Os traballadores teñen opción de ser socios da empresa. “Todos os que están estables, que son uns 54, teñen esa posibilidade, 35 deles son socios. Isto é unha sociedade laboral. O grupo promotor segue controlando o proxecto”, comenta Xosé Lois. A empresa tamén forma parte de InnovaPeme, o programa da Axencia Galega de Innovación (Gain), que impulsa a competitividade das pemes apoiando os seus plans de innovación aliñados coas prioridades da Estratexia de Especialización Intelixente de Galicia, a RIS3.

Publicidade

Daveiga, unha firma familiar

A familia Llamazares está formada por seis irmáns, e todos eles están en Daveiga. Tres foron promotores e os outros tres sumáronse como socios financeiros. O proxecto iniciouse con Xosé Lois, coordinador xeral, xunto con outros dous dos seus irmáns. Óscar mantiña electrodomésticos, Carlos traballaba nun almacén de metal, e Xosé Lois era técnico de desenvolvemento local. Ningún deles tiña experiencia co pan. A idea xurdiu cando visitaron a un irmán que é panadeiro en Arxentina. “Vimos que era un produto que podía ter moita aceptación en España. El facía un produto semellante en Bos Aires. Nese momento nós queriamos deixar os nosos traballos en Vigo e Pontevedra para volver a Rodeiro, que é de onde eramos nós. Pensamos na gandería, pero de súpeto xurdiron as galletas”. Estudaron a posibilidade, e decidiron empezar a facer as Mariñeiras. O mercado percibiu esta como unha idea innovadora, cando o que fai é recoller unha tradición. En Arxentina, Uruguai, Colombia, Cuba ou mesmo en Norteamérica existía xa algo semellante en pan seco. Alí chamábanlle Mariñeiras. Logo os Llamazares descubriron que o nome proviña dos barcos que no século XV partían da península cara a América. A orixe era española.

A recuperación dunha receita seis séculos despois

Pan de barco ou biscoito de barco foi a forma que atoparon os mariñeiros para conservar o pan de xeito natural. Trátase dunha receita antiga agora reformulada. As galletas mariñeiras defínense por ser un pan seco de longa duración e é aí onde radica a súa característica principal, en conseguir que saiba a pan durante un tempo prolongado. Esta galleta ten un aguante para o consumo de oito meses case sen alteración, aínda que “nós temos algunhas mostras que teñen dous anos e están comestibles”, apunta o coordinador de Daveiga. É un produto que pola propia característica do pan seco, sen apenas humidade, case non sofre alteración. “Unha galleta do tipo maría, se a deixas dun día para outro fóra da caixa, abranda”. Ás Mariñeiras chámanlles galletas pola forma, pero non son doces. Serven para o almorzo, para comer soas ou de petisco. O pan sen miolo tivo unha boa acollida desde o inicio. O seu proceso de fabricación é semellante ao do pan na masa fermentada.

Publicidade

Aposta polo desenvolvemento local

Tratan de conseguir este obxectivo desde dous ámbitos fundamentais: o primeiro consiste en darlle un carácter ao proceso de produción intensivo no traballo; o segundo, en que as materias primas sexan transformadas ou producidas no entorno máis próximo. Esta é a razón pola que utilizan trigo do país nun 30%. Tamén buscan que a manteiga sexa local, ademais de usar aceite virxe extra. Como atoparon en Galicia varios produtores de algas, elaboran unha variedade con elas, con wakame concretamente.

En Daveiga consideran que a produción ecolóxica é a que pode ofrecer máis garantías ao consumidor desde ou punto de vista da saúde. No 2007 obtiveron a certificación ecolóxica. Daquela era unha absoluta novidade. “Esiximos que as materias primas non conteñan aditivos, e nós tampouco os incorporamos”, sinala o seu coordinador. Precisamente por este motivo están a vender moito en Portugal, onde se converteron nun produto moi popular na liña dos alimentos saudables. Deste país tomaron a idea de incorporar tamén sementes de chía ou de quinoa. Outra tendencia que acaban de posicionar este ano, é o trigo de espelta para xente con intolerancia ao trigo do país. En canto a súa internacionalización, pensan a longo prazo no resto da Unión Europea.

Daveiga recibiu infinidade de galardóns desde o inicio da súa traxectoria, tanto pola súa calidade, como polo crecemento empresarial e o modelo social. “O que nos gusta é que se vexa que Daveiga demostrou que, cun modelo alternativo, hai viabilidade. Se non chega a ser por el, non teriamos superada a crise. Na parte social aínda queda moito percorrido do noso modelo”, recorda Xosé Lois Llamazares. Con este obxectivo están a poñer en marcha un programa orientado ao ensino medio e universitario, para tratar de dinamizar o rural desde o enfoque de economía social, sustentabilidade e innovación.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Unha tecnoloxía feita por galegas producirá bioplásticos a partir de aceites usados

O proxecto Pretenacc, financiado polo programa Ignicia, procura a posta en marcha dun método pioneiro para fabricar plásticos de orixe vexetal

Estas son as luces e sombras do xaxún

Un estudo do Instituto de Tecnoloxía de Massachusetts apunta a que esta abstinencia axuda ás células nai intestinais a rexenerarse e curar lesións, pero tamén aumenta o risco de cancro en ratos

Mira o que comes e como o envolves: “Hai interaccións de sustancias entre os envases e a comida”

Un investigador do CITIC presenta unha proposta para identificar biomarcadores de enfermidades gastrointestinais e analizar a influencia de determinadas substancias na microbiota

‘Come san, come sostible’: o xogo da USC para aprender a coidar a saúde e o medio ambiente

Un equipo de Santiago deseña un novo recurso didáctico para alumnado de Primaria baseándose na alimentación e na pegada de carbono