Venres 19 Abril 2024

Dairylac: como dar valor aos lácteos e apostar pola economía circular

A empresa, baseada en Melide, transforma as materias primas e investiga para obter bioplásticos a partir dos seus subprodutos

Ao falar do sector lácteo, o primeiro que lle vén á cabeza a todo o mundo é a obtención e comercialización do leite e os seus derivados, como os iogures, os queixos ou un simple envase brick para o sector alimentario. Porén, os avances da biotecnoloxía e a aposta por unha economía circular axudan a atopar novas oportunidades en compostos que antes eran sinónimo de residuos. É o caso de Dairylac, un proxecto empresarial galego, con base en Melide, nunha das comarcas de referencia para o sector lácteo en Galicia, e que aposta desde o seu nacemento pola comercialización de produtos alimentarios, pero tamén pola procura de novas vías, como a fabricación de bioplásticos.

Explica o seu director xeral, Iago Quintana, que Dairylac xorde “da iniciativa dunha das grandes cooperativas lácteas galegas, que hoxe é Aira, e da man da Administración autonómica, co obxectivo de producir ingredientes de alto valor engadido nun sector clave como é o do leite”. Aínda que a aposta pola diversificación é cada vez maior, “unha parte importante do produto segue comercializándose sen transformación”.

Publicidade

Unha das apostas principais de Dairylac enfocouse na produción de soros e a alimentación infantil

Así, unha das apostas principais de Dairylac dirixiuse cara aos soros. “A partir do leite poden obterse estes subprodutos, que son moi interesantes para convertelos en soros desmineralizados, cun un alto valor nos mercados de alimentación infantil. Na empresa, ademais, podemos fabricar leite en po que pode venderse tamén nese mercado de leites personalizados”, explica Quintana. O sector da nutrición infantil é, precisamente, unha das principais apostas de I+D+i da empresa, “porque é un mercado que demanda novos produtos e que vai ser moito máis importante no futuro”, engade o director xeral da compañía.

Varal e Biopol

Nos últimos anos, no marco desta aposta pola I+D+i, Dairylac ten participado en iniciativas da Axencia Galega de Innovación, como é o caso da incubadora Agrobiotech ou o Programa Conecta Peme. Subliña Quintana que este departamento, liderado polo doutor Ángel Pereira e que se creou desde cero, é clave para o futuro da empresa e conta xa con con tres personas traballando ao 100%.

Esta aposta ten dous nomes propios: Varal e Biopol. No primeiro deles, Dairylac participa nun consorcio para desenvolver novas tecnoloxías que permiten a obtención de auga de regadío ou de proceso e biogás a partir dos residuos da industria. O proxecto piloto estáse a desenvolver nas instalacións da queixería Prestes de Vilalba.

E por outra banda, Dairylac tamén se involucrou en Biopol, cuxo obxectivo é a investigación, desenvolvemento e validación dun proceso de obtención de biopolímeros a partir de subprodutos lácteos. Dentro das aplicacións finais, xa se avaliou a posibilidade de usar estes biopolímeros como adsorbentes de metais pesados e no encapsulado de aceites esenciais ou aromas.

Leite fresco, queixos e xeados

Mais a liña de negocio de Dairylac non queda só neste aproveitamento de subprodutos. Desenvolveu tamén as súas marcas propias para o cliente final, que teñen unha importancia crecente no seu volume de facturación. Por unha banda, Deleitar, como marca paraugas, ofrece leite pasteurizado (a primeira nun envase 100% renovable, segundo sostén a empresa), ademais de manteca, nata, queixos de barra e en crema e os xeados , que se venden co suxerente nome de Folerpas. Destaca Iago Quintana que Deleitar “supón xa un 10% da nosa facturación, e está medrando”.

Por outra banda, a marca Tres Viajeros, con clara inspiración no Camiño de Santiago que discorre por Melide, é a aposta polo queixo con Denominación de Orixe Protexida, tanto na variedade Arzúa-Ulloa como o de Tetilla. 

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Aberto o prazo de inscrición para os Premios á Transferencia de Tecnoloxía 2023

As candidaturas poderán presentarse ata o 15 de abril de forma telemática

Os investigadores das fundacións sanitarias pasarán ao sector público en 2023

A medida, que se incorporará á Lei de Acompañamento aos Orzamentos, dará estabilidade a persoal de IDIS, INIBIC e Fundación Biomédica Galicia Sur

Chaleco salvavidas con comunicación interactiva e GPS integrado

Unha empresa de Vigo ultima o desenvolvemento de ‘Vestar’, o primeiro produto integral pensado para mellorar a seguridade e o rescate nos deportes acuáticos

Máis do 80% da cidadanía pide aos gobernos un maior apoio á ciencia

A 10ª Enquisa de Percepción Social da Ciencia, elaborada pola Fecyt, amosa tamén que máis do 60% das persoas cre que a profesión científica está mal remunerada