A incorporación das novas tecnoloxías de alta precisión ao deporte é un salto de calidade e un valor engadido para CCNorte Multisports Galicia. Esta empresa radicada no polígono industrial do Ceao, en Lugo, tira das aplicacións milimétricas para ofrecer unha medición atómica e trazado da cronometraxe ou timing dos atletas en case calquera tipo de evento deportivo.
Para facelo, importaron a Galicia a tecnoloxía holandesa de MyLaps, líder mundial na cronometraxe deportiva, e ofrecen un servizo integral na xestión dos eventos que inclúe tanto a inscrición virtual, organización e desenvolvemento, como a súa xestión, difusión e comunicación.
Que lles permite MyLaps? Combina o chip co posicionamento GPS e adáptase a unha ampla gama de deportes: running (roteiro, cros, trail), ciclismo, ciclocrós, Btt, triatlon, duatlon, aquatlon, natación, travesías, carreiras de obstáculos, patinaxe, canicross e unha multitude de deportes.
Detrás de Champion Chip Norte, Multisports Galicia está un equipo de máis de vinte profesionais de diversos perfis -informáticos, administrativos, comerciais e técnicos de deportes- con outros tantos anos de experiencia ás súas costas e que fixeron uso da I+D para mellorar a xestión e a eficiencia da competición limando esas décimas de segundo que a miúdo marcan as diferenzas.
“Facilita seguir a posición dos atletas en tempo real e ofrece vídeos personalizados da súa chegada a meta”
Á fronte da empresa está José Sánchez del Valle, e ás súas costas, en 2019, por exemplo, no ano antes da pandemia, a organización integral de máis de 250 eventos deportivos entre eles probas complexas como o Ironman (Northwest Triman) das Pontes con distancias e rexistros case imposibles para a maioría dos seres humanos.
“Desde o ano 2000 colaboramos con todo tipo de organizadores: clubs privados, Concellos, Deputacións, Federacións deportivas, marcas de patrocinio,… ata liderar o mercado no norte da Península”, explican fontes da empresa. “Fómonos expandindo desde Galicia cara a Asturias, Cantabria, o Bierzo, Cataluña a través dunha rede de sucursais para potenciar o evento deportivo ata onde a organización o queira levar”.
Cubre as necesidades dunha proba
“Abarcamos todas as necesidades dunha proba: xestión de inscricións, permisos, imaxe, publicidade física e on- line, merchandising, estruturas físicas, seguros e ofrecemos ao cliente a posibilidade de que poida controlar totalmente o evento a través da nosa plataforma on- line: xestión de inscricións, facturación, xestión de dorsais, secretaría virtual”, explican desde a sede desta compañía enraizada en Lugo, e que conta co respaldo da Xunta en axudas á innovación empresarial.
“A nosa tecnoloxía déixanos coñecer en todo momento a través de Internet os datos e a posición dos atletas con GPS e Live Results (ao vivo), cun software propio. Os tempos e estatísticas de cada carreira sóbense a Internet no mesmo instante no que o atleta cruza os puntos de control e implementamos as vídeo-chegadas; unha vez finalizada a proba todos os atletas poden visualizar o vídeo do momento da súa chegada a meta coa súa marca exacta”. Non adoita haber foto final, chancean; “o chip manda sempre”.