Bioincubatech comeza na USC como iniciativa pioneira en España.

Nace a grande incubadora da biotecnoloxía para a alimentación

Trinta proxectos participan na primeira edición de Bioincubatech, que organizan a USC e a GAIN

Unha incubadora única en España que quere levar a biotecnoloxía á alimentación. Un proxecto para aplicar a investigación ao sector primario. Así é Bioincubatech, impulsada pola Universidade de Santiago e a Axencia Galega de Innovación (GAIN).

BioIncubaTech está especializada en proxectos biotecnolóxicos aplicados á saúde e ao sector agroalimentario e recibiu un total de trinta propostas na súa primeira convocatoria. As candidaturas recibidas serán avaliadas pola Comisión de Dirección Operativa desta incubadora tecnolóxica da USC. As propostas elixidas faranse públicas o vindeiro 15 de decembro.

Logo de Bioincubatech.

A saúde é o sector con máis propostas recibidas, 24 proxectos que abranguen un amplo espectro de tecnoloxías e servizos para a prevención, diagnóstico e tratamento de enfermidades. As outras seis restantes pertencen ao sector agroalimentario. Recibíronse un total de 18 propostas para a modalidade de preincubación, seis para a modalidade de incubación e seis, para aceleración, segundo o estadio de desenvolvemento de cada proxecto ou empresa.

Apoio para 20 proxectos

BioIncubaTech ofrecerá apoio nesta primeira convocatoria a 20 proxectos. Na modalidade de incubación física en módulos de laboratorio, oficina ou área de coworking acollerase un máximo dez proxectos empresariais, catro en fase de preincubación, tres en fase de incubación e tres en fase de aceleración. Quince das propostas solicitaron este tipo de espazos, sete delas na área destinada a coworking e oito, en módulos de incubación.

Tamén se ofrece incubación virtual a outros dez proxectos en calquera estadio de desenvolvemento que, aínda que non precisen aloxamento físico no edificio Emprendia, poderán acceder a todos os programas de apoio, instalacións comúns e infraestrutura científica que ofrece BioIncubaTech. Outros quince proxectos optaron por esta modalidade de incubación virtual.

Captación de talento emprendedor

BioIncubaTech conxuga dotación de infraestruturas e programas de incubación e aceleración, para conseguir atraer talento emprendedor e resultados de investigación de todo o mundo a Galicia. Esta nova infraestrutura, cuxa sede está situada no edificio Emprendia da USC, ofrece apoio e espazo para a incubación tanto de micropemes como de proxectos do ámbito biotecnolóxico. Ademais, proporciona un acceso preferente a infraestruturas científicas da USC.

Alén da infraestrutura científico-técnica proporcionada, as empresas usuarias de BioIncubatech contarán cunha serie de programas de apoio en catro eidos fundamentais de actividade: a transferencia de coñecemento e xestión da innovación; captación e xestión de talento directivo; coordinación e networking internacional; e captación de investimento e xestión financeira.

O proxecto, que conta coa colaboración de Uninova e a Cámara de Comercio de Santiago, está financiado pola Fundación INCYDE na súa convocatoria 2018 de “Incubadoras de Alta Tecnoloxía para o fomento da Innovación e a transferencia de tecnoloxía a micropemes” (Fondos FEDER), e cofinanciado pola Axencia Galega de Innovación (GAIN) da Xunta de Galicia.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.