BFAero: o trampolín para voar alto desde Galicia

A segunda edición da aceleradora aeronáutica impulsada pola Axencia Galega de Innovación ofrece un espazo de crecemento ás empresas do sector

Ata o próximo 15 de novembro, a Consellería de Economía, Emprego e Industria da Xunta de Galicia mantén aberta a convocatoria para a segunda edición da aceleradora Business Factory Aero (BFAero), unha iniciativa pioneira lanzada o pasado ano e que pretender dar acubillo a proxectos de nova creación no sector aeronáutico, potenciando así a aposta polo sector en Galicia. BFAero conta co apoio de Indra e Babcock, dúas empresas de referencia internacional que participan na Civil UAVs Initiative, programa co que a Xunta quere converter Galicia nun polo de atracción para o sector.

Os proxectos seleccionados para tomar parte en BFAero poderán ter acceso a máis de 50 potenciais socios tecnolóxicos, ademais de beneficiarse dun completo programa de formación, asesoramento e accións de comercialización conxunta de produtos e solucións a nivel internacional.

Para isto, BFAero pon ao dispor dos proxectos participantes, sen custo na maioría dos casos, un amplo catálogo de medios e recursos avanzados que posibilitan un desenvolvemento áxil de solucións tecnolóxicas no ámbito da aeronáutica e dos vehículos non tripulados.

Do mesmo xeito que na primeira edición, este ano seleccionaranse seis novos proxectos para captar talento innovador no campo dos drones e vehículos non tripulados; tres para a fase de incubación e tres para a de aceleración. A través destas dúas modalidades, BFAero acompañará ás iniciativas participantes na superación das etapas que deben afrontar os proxectos nados neste sector; desde as fases máis temperás, de ideación, ata as máis maduras, onde se trata de consolidar un modelo de negocio que produza vendas recorrentes.

Fase de incubación

Programa dirixido a startups, spin-offs e spin-outs e estruturado en dúas fases de 12 meses cada unha, cunha avaliación intermedia, pensado para que as empresas participantes poidan achegar solucións nas áreas temáticas definidas. Esta fase centrarase en conseguir que os proxectos sexan quen de validar co comprado as súas propostas de valor e os seus modelos de negocio e situarse en posición de realizar primeiras vendas no sector aeronáutico e dos vehículos non tripulados.

Fase de aceleración

Programa de apoio de 12 meses de duración orientado a empresas de creación recente, con modelos de negocio probados e vendas realizadas no comprado aeronáutico e dos vehículos non tripulados, que teñan propostas que encaixen coas áreas temáticas establecidas e busquen conseguir modelos de negocio consolidades e recorrentes.

Entre os servizos e instalacións dos que poderán dispoñer os proxectos de BFAero, destacan o contacto directo e constante con expertos no sector, acceso ás instalacións e equipos da Civil UAVs Initiative na Fundacion CEL e o aeródromo de Rozas, en Lugo, oficina propia, e a posibilidade de recibir unha completa formación en todos os aspectos que afecten á súa idea de negocio. Os proxectos contan con asesoramento tecnolóxico e acceso a potenciais clientes de ámbito internacional. Ademais, poderán dispoñer de UAVs de Indra e Babcock de maneira gratuíta e de horas de voo bonificadas. Tamén terán a opción de obter a certificación de piloto.

Apoio económico

BFAero é a aceleradora deste sector con maior dotación de apoio económico de Europa. Os proxectos admitidos na aceleradora dispoñerán do apoio económico da Xunta de Galicia. En concreto, accederán a un financiamento de ata 100.000 euros a fondo perdido na fase de incubación e de ata 50.000 na de aceleración. Adicionalmente, optarán a un financiamento en forma de préstamos de INDRA (a través de Indradventures) de entre 50.000 e 500.000 euros en incubación e sen límite en aceleración. Ademais, na fase de aceleración terán acceso a préstamos participativos de ata 250.000 euros de Xesgalicia.

Ademais da Fundacion CEL, Indra ou Babcock, a BF Aero súmanse outros organismos da Xunta, como o Igape, e pequenas e medianas empresas relevantes polo seu coñecemento ou as súas tecnoloxías, entidades colaboradoras como CTAG ou o Consorcio Aeronáutico de Galicia e xeradores de coñecemento, como as tres Universidades galegas.


As bases da convocatoria poden consultarse nesta ligazón.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.