As análises de Indrops céntranse en todo tipo de augas. Fonte: Agrobiotech/Indrops.
As análises de Indrops céntranse en todo tipo de augas. Fonte: Agrobiotech/Indrops.

As nosas augas seguras con 10.000 análises anuais

A santiaguesa INDROPS estuda os distintos contaminantes das augas galegas e ultima un laboratorio portátil para detectar substancias prioritarias

Esta empresa nace a partir do laboratorio do Centro de Investigacións Submariñas. O equipo do laboratorio, co seu departamento ao completo, separouse en 2012 para crear o que hoxe é INDROPS. Realizan traballos de consultoría ambiental e análises fundamentalmente de todo tipo de augas: residuais, de consumo, augas mariñas, de piscina… Analizan tamén sedimentos do solo, residuos, e en menor medida, alimentos. O seu laboratorio central está en Santiago de Compostela, pero teñen tamén unha delegación en Santa Cruz de Tenerife. Na actualidade forman parte do programa de aceleración Agrobiotech, dirixido ao impulso e o crecemento sostible das pemes innovadoras galegas nos sectores da biotecnoloxía, agroalimentación e biomasa, e impulsado pola Axencia Galega de Innovación e o Parque Tecnolóxico de Galicia-Tecnópole.

Os seus principais clientes son administracións públicas, empresas privadas e tamén clientes particulares que precisan analizar a auga dun pozo de casa, ou traídas veciñais. Na actualidade son a única empresa privada que pode dar servizo de bioensaios, de sedimentos mariños, para dar cumprimento as directrices de materiais de dragado. Están acreditadas por ENAC para realizar análises de auga e toma de mostraxes. Agora mesmo están sobre as dez mil tomas de mostras anuais. Con esta viaxe polas augas galegas son quen de falar do nivel de calidade que teñen na actualidade.

En termos xerais, as augas de Galicia son de moi boa calidade e están sometidas a controis continuos. O control das augas de consumo é moi estrito e existen protocolos moi definidos para actuar e incluso cortar o subministro en caso de que haxa risco para a poboación abastecida. As augas fluviais sofren máis alteracións na súa calidade xa que solen ser as receptoras dos diferentes vertidos das industrias e dos distintos núcleos de poboación. O control que se fai sobre os vertidos tamén é continuo, aínda que é máis complexo que nas augas de consumo e supón un risco para a calidade das augas que está repartido por todo o territorio, alá onde haxa actividade humana. “Un dos factores principais na calidade das  augas de consumo é a composición do solo, se estamos en zonas onde hai maior concentración de metais como por exemplo aluminio ou arsénico, os tratamentos a facer son máis complexos para que sexan aptas para o seu consumo” comenta Miguel González, director xeral de INDROPS. A calidade das augas tamén pode empeorar de forma puntual cando hai unha seca, pero sábese que hai zonas en Galicia que teñen metais nos solos, a pesar de que o director de INDROPS afirma que “non debemos de crear alarmas innecesarias xa que as autoridades competentes sempre actúan para que as augas abastecidas cumpran cos requisitos sanitarios”. O que si recomenda, para quen estea interesado en saber como de boa é a auga da súa zona, é entrar na páxina do SINAC, onde aparece a calidade da auga de  calquera concello, incluso a nivel histórico.

Laboratorios de INDROPS.
Laboratorios de INDROPS.

As augas do medio mariño teñen tamén moi bo nivel de control e de calidade. O problema radica en que hai depuradoras, tanto industriais como urbanas, que están deseñadas para eliminar só compostos de materia orgánica ou contaminación microbiolóxica, pero nas tres últimas décadas están pasando por elas unha serie de residuos que non se eliminan neste tipo de depuradora. Estamos a falar, por exemplo, de residuos de medicamentos, cosméticos, drogas… “As depuradoras actuais non suprimen estes produtos que están chegando ás nosas rías. Así estamos detectando que hai especies mariñas que se están vendo afectadas na súa reprodución e supervivencia. Estanse investigando posibilidades para tratar de mellorar a desaparición das nosas augas destes contaminantes”, explica Miguel González.

O proxecto SEALAB

Actualmente existe unha normativa europea na que se fixan como substancias prioritarias: metais,  praguicidas, hidrocarburos aromáticos…Estas supoñen un risco para o medio ambiente e a saúde humana. Aínda non se inclúen nesta lista outras sustancias prexudiciais, como as de residuos de medicamentos ou drogas, porque “a normativa é bastante lenta fronte á realidade do día a día”. No caso de Galicia, estanse a controlar os niveis desas substancias prioritarias nas augas do noso medio. Como os sistemas de depuración non son quen de depuralas, é moi difícil conseguir melloras. A solución ao problema consistiría en reducir a emisión destes contaminantes.

Con este obxectivo, INDROPS está desenvolvendo un proxecto que consiste nun sensor que detecta estas substancias prioritarias a tempo real. Actualmente, os métodos de análise non son quen de detectar os niveis que solicita a lexislación. Os socios deste proxecto chamado Sealab avanzan xa no desenvolvemento dun laboratorio cun innovador sistema de toma e xestión de mostras que incorpora nanosensores para catro destas substancias, ademais de medir outros parámetros auxiliares (osíxeno, temperatura, condutividade ou turbidez).

O devandito laboratorio portátil de sustancias prioritarias, deseñado pola empresa INDROPS Laboratorio xunto a INL (International Iberian Nanotechnology Laboratory), incorporarase a un vehículo mariño lixeiro non tripulado de doado despegue no que está a traballar a empresa Industrias Ferri coa colaboración da Unidade de Tecnoloxías Mariñas do Cetmar. A embarcación disporá dun dobre sistema de propulsión que contará cun motor para o traslado ata o punto de mostraxe e motores eléctricos que reduzan o risco de contaminación nas manobras na zona de control e que serán desenvolvidos por CETMAR. O sistema de funcionamento de todos os elementos integrados na embarcación, ademais das comunicacións e as teleoperacións, están sendo desenvolvidos pola empresa Imatia Innovation. Esta empresa tamén é responsable do deseño dunha plataforma que xestionará toda a información relativa tanto ás mostras de auga como á navegación, remitíndoa en tempo real á base, que poderá actuar de forma temperá de acordo aos datos transmitidos sobre a existencia de substancias prioritarias ou outros parámetros.

Unha vez rematados todos estes traballos, validarase o seu funcionamento en condicións reais. Segundo os prazos que barallan os responsables do proxecto Sealab, que comezou en 2018, as probas para comprobar o funcionamento do laboratorio portátil realizaranse en condicións reais no mar no setembro de 2020. O proxecto SEALAB está cofinanciado por GAIN (Axencia Galega de Innovación). Consellería de economía, emprego e industria. Xunta de Galicia) e o Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER), a través da convocatoria CONECTA PEME 2018.

Así se detectan as drogas nas augas residuais de Galicia

A investigación en constante movemento

Hai máis grupos de investigación da Universidade de Santiago de Compostela que están buscando eliminar este tipo de compostos. O problema é que estes varían constantemente. “Cada día hai novos medicamentos, praguicidas, cosméticos…polo que supón un reto continuo. Esta busca vai ser un non parar. Ao mellor dentro de dez anos somos capaces de depurar o que hoxe é nocivo, pero entón xa variou o que contamina”, sinala o director xeral de INDROPS.

En INDROPS xa levaran a cabo proxectos ambiciosos en 2018. O Proxecto Ramica consistía nun sistema de seguimento robotizado para a análise microbiolóxica da calidade das augas, e no proxecto Sabius desenvolveron un sensor que permitía realizar análises microbiolóxicos dos contaminantes das augas de baño. En INDROPS pretenden conseguir novas vías de negocio e a consolidación do negocio actual, o que lles pode ofrecer sustentabilidade no tempo.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.