Tecnoloxía galega para a vangarda farmacéutica mundial

Os fármacos que curarán no futuro as epidemias de hoxe están nalgún lugar, pero aínda non se descubriron. Para atopalos farán falta miles de millóns de combinacións entre minúsculas moléculas, ata que algún día se consiga dar coa tecla exacta que free algunha das enfermidades que máis afectan á humanidade. Será necesaria a colaboración entre científicos de moitos campos distintos: non só médicos e biólogos, senón tamén matemáticos, físicos, informáticos e enxeñeiros.

En base a esta idea, a finais de 2013, no grupo de investigación de Física Aplicada da Universidade de Santiago de Compostela, púxose en marcha o proxecto de AFFINImeter. “Neste grupo levabamos moitos anos desenvolvendo modelos termodinámicos e algoritmos matemáticos para a análise de interaccións complexas entre biomoléculas”, explica Juan Sabín, cofundador da empresa e doutor en Física pola USC.

Publicidade

Estes estudos abrían unha xanela moi interesante no campo dos descubrimentos de novos fármacos e en sistemas de encapsulación de biomoléculas. “Vimos unha oportunidade de mercado en realizar un software onde os investigadores puidesen definir eles mesmos os modelos termodinámicos e realizar análises avanzadas das súas interaccións complexas”, conta Sabín.

É, por tanto, un proxecto no que as diferentes ramas da ciencia traballan xuntas para atopar estes fármacos do futuro. “Nas primeiras fases da investigación de novos fármacos realízase un cribado de decenas de miles de pequenas moléculas na procura dalgunha que interaccione cunha proteína diana que ten un papel crucial no desenvolvemento dunha enfermidade”, expón o cofundador de AFFINImeter. Son procesos custosos e longos que duran, de media, unha década, e custan centos de millóns de euros.

O ‘software’ de AFFINImeter acelera parte do proceso de búsqueda de novos fármacos

Para atopar a combinación ‘perfecta’ fan falta, por tanto, todo tipo de técnicas e experimentos, e sistemas informáticos moi potentes. “O cribado realízase a través de medidas experimentais empregando técnicas biofísicas como a calorimetría, a resonancia magnética nuclear, a fluorescencia, etc.”, sinala Juan Sabín.

AFFINImeter recolleu todo este coñecemento para desenvolver un software co que obter máis información útil destas medidas experimentais, e axudar a así aos investigadores na toma de decisións para escoller os mellores candidatos aos fármacos do futuro.

“O noso software ofrece máis e mellor información nas etapas temperás da investigación, e isto pode implicar un importante aforro en recursos e tempo en etapas posteriores”, explica o investigador galego. E engade: “Ademais, a nosa tecnoloxía permite realizar experimentos que antes non se podían analizar, e por tanto aumenta as posibilidades de atopar potenciais fármacos durante o cribado de moléculas”.

Clientes de referencia mundial

O prestixio adquirido por AFFINImeter en menos de cinco anos mídese na súa carteira de clientes, na que hai nomes de referencia na investigación farmacéutica mundial, como Lilly, Roche ou Novartis, e institucións científicas como o Broad Institute do MIT e Harvard. E algúns estudos realizados grazas ao software desta empresa galega publicáronse en Nature. “Gañarse a confianza dos clientes é un traballo arduo e a longo prazo, pero xa empezamos a ver os resultados, e confiamos en que isto axude á difusión do noso software entre a comunidade científica”, sinala Sabín.

Ese é un dos retos da empresa para o futuro, pero non o único. “Queremos consolidar os nosos produtos no mercado e expandir o software a outras técnicas biofísicas, para ser cada vez máis relevantes na análise de datos biofísicos nas primeiras etapas da investigación farmacéutica”.

Ademais, AFFINImeter ten participado na aceleradora de empresas de ViaGalicia, que impulsan a Xunta e o Consorcio Zona Franca de Vigo, na súa 4ª edición, e actualmente está incluída en InnovaPeme 2017, coordinado pola Axencia Galega de Innovación (GAIN).

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

2025 é o Ano da Ciencia e da Tecnoloxía Cuánticas: que son e para que serven

As dúas disciplinas parten da física cuántica, que se encarga do estudo da materia a escalas espaciais moi pequenas

Partículas, azucre e impostos

O investigador Anxo Vidal, gañador do concurso de comunicación científica IGFAE C3, explica a relación entre a física, a sacarosa e a economía

A innovadora técnica dun equipo galego para detectar ineficiencias nas empresas

'InVerbis Analytics', que naceu como un proxecto de investigación da USC, é agora un servizo que permite optimizar as operacións doutras compañías grazas á minería de datos

O físico José Manuel Fernández de Labastida ingresa na Academia de Ciencias de Galicia

É catedrático na USC e xefe da Unidade de Apoio ao Consello Científico no Consello Europeo de Investigación