A proba molecular feita en Lugo que vai detectar o SARS-CoV-2 en media hora

O grupo AMSlab está a desenvolver un dispositivo que reduciría en gran medida os tempos de diagnóstico do coronavirus

Traballo nos laboratorios de AMSlab.
Traballo nos laboratorios de AMSlab.

Un dos asuntos dos que máis se falou desde o comezo da pandemia da Covid-19 foi o dos diferentes tipos de probas de detección da enfermidade. Distintos tipos de probas, con procedementos distintos e máis ou menos acaídas en función do traballo que se queira facer con elas. As técnicas moleculares que detectan o propio virus son as máis indicadas, por exemplo, para medir a capacidade de contaxio que pode ter unha persoa en atención á carga viral (cantidade de copias do virus) que ten no seu organismo. Están, por outra banda, as de anticorpos, que poden observar a resposta de defensa do organismo, pero non unha maior ou menor presenza do virus, polo menos de forma directa.

A dificultade da detección molecular, realizada a través das chamadas probas PCR, provoca que o proceso completo dure varias horas, o que frea, en ocasións, a capacidade de diagnóstico do sistema sanitario. O grupo de Lugo AMSlab, especializado no sector da biotecnoloxía, está a traballar desde hai dous meses nun kit que podería acelerar este proceso, evitando o uso de técnicas de laboratorio e confirmando, con máis dun 95% de fiabilidade, a presenza do SARS-CoV-2 nas mostras dos pacientes. O proxecto foi seleccionado pola Axencia Galega de Innovación, da Consellería de Economía, Emprego e Industria da Xunta de Galicia, na súa liña de financiamento a solucións desenvolvidas no país para facer fronte á pandemia.

Diferente uso

Manuel Lolo, CEO de AMSlab, aclara que a proba “non é un método cuantitativo“, é dicir, “non mide a cantidade da carga viral que pode ter unha persoa”, pero si garante a cambio un resultado rápido que permitiría, por exemplo, facer un cribado máis rápido e con maiores garantías en espazos como residencias de maiores e hospitais. O kit vén encher, dalgún xeito, o baleiro de risco que podería haber se non se detecta un contaxio nunha residencia nos primeiros días de infección, e que as probas de anticorpos non poderían observar ao non haber aínda resposta inmune.

“O dispositivo funcionaría cun exsudado nasofarínxeo e mediante colorimetría; é dicir, se despois de meter a mostra do fluído das vías respiratorias do paciente na banda reactiva, esta cambiaría de cor en caso de dar positivo. Xa está probado con éxito no laboratorio, e agora temos que adaptalo para o seu uso, para que poida facelo calquera persoa sen unha formación especializada en técnicas de diagnóstico, e buscando os provedores necesarios para que sexa viable desde o punto de vista comercial”, explica Lolo. AMSlab tamén está en conversas co Instituto de Salud Carlos III, responsable de dar o visto bo para estas probas, para que valide o seu uso e, se as cousas marchan ben, poder fabricalo e usalo canto antes.

Deste xeito, poderase aumentar o número de probas moleculares, sen levar as mostras a analizar e agardar polos resultados, co que se axilizará a notificación dos positivos e as medidas que activaría a detección de casos en espazos como as residencias en caso dun posible rebrote. “O que se pretende con este dispositivo en concreto é trasladar a análise de PCR á primeira fase de avaliación do paciente”, resume Manuel Lolo.

Manuel Lolo é o CEO de AMSlab, que ten a súa base no polígono do Ceao de Lugo.
Manuel Lolo é o CEO de AMSlab, que ten a súa base no polígono do Ceao de Lugo.

Compromiso de fabricación en Galicia

Segundo o responsable de AMSlab, todo o proceso de fabricación se desenvolvería en Galicia. “Temos o compromiso de facelo aquí”, conta Lolo. Unha vez superado o cumio da crise, que trouxo consigo numerosas dificultades para acceder a algúns compostos críticos, así como os problemas de transporte desde os centros de produción, a situación actual vai facilitando a obtención do material preciso. Ademais, o financiamento de Gain, segundo expón Lolo, “vainos axudar a dedicar máis recursos para obter de forma máis rápida os resultados”.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.