Xoves 28 Marzo 2024

Un Sol artificial para as plantas de interior

O inverno é unha época crítica para esa planta do salón que tan esplendorosa parecía no verán. O frío, a humidade ou a falta de luz déixanas cun aspecto máis tristón no mellor dos casos, pero mesmo pode matalas, sobre todo se a maceta esmorece nos meses máis fríos nunha segunda vivenda pechada a cal e canto e sen os coidados precisos. Contra a tristeza de ver morrer as flores, a empresa Gaélica Solar, instalada no Parque Tecnolóxico de Galicia-Tecnópole, en San Cibrao das Viñas (Ourense) ideou un sistema para enganalas: unha lámpada LED que se nutre de enerxía solar e que é capaz de emitir as gamas crómáticas que as plantas necesitan para manterse en bo estado.

A lámpada LED emite as gamas cromáticas necesarias para que a planta medre
A lámpada LED emite as gamas cromáticas necesarias para que a planta medre

A lámpada, que acaba de saír ao mercado, obtén a enerxía dun panel solar, que salta deste xeito o obstáculo de sotos ou segundas vivendas que matan as plantas malia a protección que poda deixarlles o seu propietario. “É habitual que as plantas que quedaron na casa de verán non sobrevivan aínda que lles deixemos un sistema de rego. A falta de calor e a escasa radiación solar frean ou paralizan de maneira definitiva o seu metabolismo e cáusanlles a morte”, explica Manuel Eirín, xerente de Gaélica Solar. O sistemam ademáis, non xera cuesto enerxético ningún, xa que funciona con luz solar, e parece especialmente indicado para lugares pechados, sen luz natural. Plantas delicadas máis tamén hortalizas ou outro tipo de vexetais poden xerminar, medrar, florecer e dar froito sen necesidade de coidar a horta. Non hai máis que orientar ben a lámpara para que lles dea ben o sol que irradia o aparto.
O curioso do proxecto é que non naceu precisamente para evitarlles desgustos aos propietarios de segundas vivendas na praia. A filial mexicana de Gaélica Solar atopouse con que en México, onde traballaban cun hotel do estado de Querétaro, os donos de negocios contentábanse con adornar as súas oficinas con plantas de plástico. Non era por sentido práctico nin moito menos por preferencia estética, senón porque estes locais se atopan con frecuencia nos sotos para evitar os roubos. “Hai bastante inseguridade e por exemplo as xoierías están sempre en lugares resgardados. Mesmo están xurdindo negocios que cambian as plantas naturais cada certo tempo para reemprazar as que morren por mor da escuridade. Conseguimos que unha pequena fábrica chinesa produza estas lámpadas para nós, fixemos ensaios e vimos que funcionaba. As plantas desenvólvense moi rápido”, conta Eirín, que xa ten na súa propia oficina un destes kits de autoiluminación grazas aos que medran hortalizas. Así naceu realmente a idea de suplirlles ás esforzadas plantas das oficinas mexicanas a enerxía do Sol que non ven: unha lámpara LED con luz solar que lles permita medrar como se estiveran a carón dunha fiestra. Hoxe Gaélica Solar traballa xa na implantación do sistema en viveiros galegos que queiran mellorar a súa rendibilidade.

Foi en México, onde por seguridade moitas oficinas se instalan nos sotos, onde naceu a idea de levar a luz solar ao interior

As plantas reciben luz de distintas gamas cromáticas, tal e como se estiveran contra o sol. Ou case. A lámpada emite luz azul, vermella e maxenta, pero a ultravermellas e ultravioleta desestimáronse porque aínda que son boas para o crecemento da planta e mesmo acaban con insectos portadores de pragas, son nocivas para as persoas. Só se contemplan para proxectos industriais que o podan necesitar, pero para particulares non son necesarias, asegura o promotor da idea. As lámpadas teñen o mellor do Sol sen o peor dos seus raios. A luz azul favorece o crecemento da planta, a vermella é fundamental para que bote flor e a maxenta estimula o seu desenvolvemento.

Publicidade

Non é a primera vez que Gaélica Solar idea un producto innovador a partir de renovables. Seus son tamén un kit de bombeo solar que permite o bombeo directo da auga usando enerxía solar procedente dun panel fotovoltaico, alimentadores solares automáticos para o gando ou un depurador de augas con luz ultravioleta e efecto xermicida, útil en fontes públicas. Malia todo, Eirín sinala que o produto estrela deste ano foi un sistema para eliminar toupas sen usar insecticidas nin explosivos, unha patente de 2014 que a empresa acabou de desenvolver neste 2015. “Detecta a toupa no seu tobo e aplícalle ozono polos dous lados, de xeito que non pode saír. Queda atrapada minuto e medio e sae un edema pulmonar que a mata, sen velenos que pasen ao subsolo. E pendente está aínda o deshidratador de alimentos en ausencia de osíxeno, un proxecto bautizado Deshalsol que usará tamén como fonte de enerxía un sistema solar fotovoltaico pero que está en probas no marco de Conecta Peme, da Axencia Galega de Innovación. “Intentamos desenvolver solucións para o sector primario, sobre todo, para que a vida no rural sexa digna e válida e para que poidamos deixar aos nosos bisnetos un planeta menos estropeado”, resume Eirín a filosofía do negocio.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Como captar enerxía das ondas do mar e sobrevivir no intento

A enerxía que se extrae das ondas é unha das grandes apostas con respecto á investigación de enerxías renovables en Galicia, mais os dispositivos utilizados deben superar varias dificultades

Sete accións que poderían salvar mil millóns de vidas de aquí a 2100

Segundo un estudo recente, é probable que mil millóns de persoas morran de maneira prematura a finais de século a causa do cambio climático

A Xunta preme o botón das declaracións ambientais: 60 eólicos despachados nunha semana

A Consellería de Medio Ambiente publica 11 informes no último día de prazo e deixa fóra outros 20 por falta de tempo

Poden unhas bacterias producir hidróxeno verde? O CSIC quere demostrar que si

Trátase dun proxecto de máis de 4 millóns para conseguir que unhas bacterias modificadas xeneticamente produzan hidróxeno utilizando auga non potable