Xoves 28 Marzo 2024

Zona Franca e a ESA apostan por Galicia para a navegación por satélite

O sistema global de navegación por satélite é una constelación de satélites que transmite rangos de sinais utilizados para o posicionamento e localización en calquera parte do globo terrestre. Grazas a esa tecnoloxía temos dispositivos para facer sendeirismo, GPS nos coches e barcos ou mesmo podemos localizar emerxencias, entre outras utilidades. Galicia quere estar na vangarda destas aplicacións tecnolóxicas e Zona Franca de Vigo estase a erixir como o gran motor para a incipiente industria aeroespacial galega. Como parte da súa estratexia, o consorcio vigués presentou hoxe, no Centro de Negocios de Porto do Molle, o concurso internacional de innovación European Satellite Navigation Competition 2015 Galician Community Challenge, do que Zona Franca é socio principal, en colaboración co IgapeGAIN.

O concurso premia as mellores ideas para o desenvolvemento de aplicacións por satélite

O profesor Francisco J. Diaz-Otero, da Universidade de Vigo e punto de contacto en Galicia da organización do concurso, foi o encargado de presentar o ESNC Galician Community Challenge nun acto no que se contou coa participación do portavoz da Axencia Espacial Europea (ESA) en España, Javier Ventura-Traveset, e da delegada do Estado no Consorcio da Zona Franca, Teresa Pedrosa, quen destacou que coas novas instalacións de Delta, que vai realizar en Porto do Molle un investimento superior ós 25 millóns de euros, sumadas ás empresas xa existentes e os programas de promoción e aceleración de emprendedores, este parque empresarial estase a converter nun polo de atracción do talento e nun centro de innovación de referencia para todo o noroeste peninsular.

Javier Ventura-Traveset, Teresa Pedrosa e Francisco J. Diaz-Otero, no acto. Foto: Zona Franca de Vigo.
Javier Ventura-Traveset, Teresa Pedrosa e Francisco J. Diaz-Otero, no acto. Foto: Zona Franca de Vigo.

O ESNC premiará as mellores ideas para o desenvolvemento de aplicacións de navegación por satélite sen importar o estado de desenvolvemento no que se atope o proxecto, servizo ou idea de negocio. O concurso está dirixido a empresas, emprendedores, investigadores, estudiantes, inventores… Pedrosa animou en particular ós estudantes de Enxeñaría da universidade a participar neste concurso que como premio rexional terá o aloxamento gratuíto durante un ano nun dos viveiros do Consorcio con todos os servizos que desde estes se prestan. “Estamos poñendo as bases para dar un espazo ós enxeñeiros para que podan desenvolver aquí todo o seu potencial”, dixo a delegada, quen tamén falou da intención do Consorcio de establecer vínculos de colaboración permanentes coa ESA.
Francisco Díaz Otero explicou que esta é a primeira edición na que participa Galicia e que se trata dun concurso telemático para ideas, estean estas no grao que sexa. Centrado en Galileo, o concurso naceu en 2004 e actualmente os participantes poden optar a 6 premios especiais e 21 rexionais máis o Galileo Máster á mellor idea. Mobilidade, seguridade e industria son os campos que máis ideas aglutinan, aínda que a convocatoria abrangue practicamente todos os campos da vida cotiá.

Publicidade

Unha oportunidade para Galicia

O acto foi seguido dun relatorio do voceiro da Axencia Espacial Europea en España, Javier Ventura-Traveset, titulado “A navegación por satélite e o sistema Galileo: unha extraordinaria oportunidade para o desenvolvemento en Galicia de aplicacións no sector aeroespacial”, no que se salientou que no mundo se está a rexistrar un crecemento exponencial de empresas que basean o seu modelo de negocio na navegación por satélite. No seu relatorio, Ventura-Traveset tratou aspectos relevantes sobre a ESA e o sector espacial en España, a navegación por satélite, o sistema Galileo e unha visión global do mundo aplicativo e das oportunidades para o desenvolvemento de aplicacións no sector espacial.

“O sistema Galileo ofrecerá cobertura mundial e aumentará a independencia tecnolóxica de Europa”

“Navegación, telecomunicación espacial e observación da terra son as áreas de extraordinaria capacidade para aplicacións baseadas na navegación por satélite”, dixo. O principal responsable da ESA en España fixo fincapé en que segundo a Comisión Europea se estima que entre o 6 e 7% do produto interior bruto da UE depende actualmente da navegación por satélite, xa que actualmente en Europa existe un receptor por cidadán e se espera que en 2020 esta cifra suba catro. “Pero máis que a tecnoloxía hai que idear algo que realmente faga falla e ao que podemos dar unha solución, porque estamos nun momento culmen da navegación por satélite”, comentou o voceiro da ESA, quen engadiu que “neste marco nos encontramos con Galileo, o sistema europeo que ofrecerá cobertura mundial e aumentará a independencia tecnolóxica de Europa e situará a esta no centro dunha revolución comercial baseada nos produtos e servizos de posicionamentos, que se prevé que creará numerosos postos de traballo en Europa para o ano 2020″.
Esta nova economía baséase en proporcionar e garantir un posicionamento preciso para todo tipo de aplicacións civís como os navegadores para coches, teléfonos móbiles, transporte marítimo, aéreo ou ferroviario. “Isto abre oportunidades comerciais fascinantes para creadores e fabricantes”, explicou Ventura-Traveset.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Un mapa da NASA alerta da subida do mar en Galicia e revela as zonas máis afectadas

Unha ferramenta dixital baseada nos datos científicos do Sexto Informe do IPCC ofrece unha proxección sobre as subidas do nivel do mar en todo o mundo ata 2150

A gran eclipse solar de abril: cando e onde vela en Galicia?

Este fenómeno astronómico será visible de maneira parcial no oeste da comunidade, especialmente na franxa atlántica da Coruña e Pontevedra

O mapa dos ‘químicos eternos’ en Galicia: ata 70 zonas sospeitosas de grave contaminación

Unha investigación europea sinala a presenza no continente destas substancias nocivas para o medioambiente e a saúde

Identificado un novo campamento romano na fronteira entre Galicia e Portugal

Un equipo de arqueólogos detecta un posible recinto fortificado de tres hectáreas de extensión datado entre os séculos I a.C. e I d.C.