Xoves 18 Abril 2024

Mulleres que coa ciencia crean empresas

Os datos sobre a participación da muller na investigación universitaria indican que pese a que obteñen o 45% dos doutoramentos só supoñen o 30% do persoal dedicado a investigación en activo e só ocupan o 18% das cátedras. Diante destes datos, a Universidade de Santiago e o Instituto da Muller e para a Igualdade de Oportunidades organizan esta semana en Compostela unhas xornadas nas que que baixo o lema “Mulleres que coa ciencia crean empresas”, tratan a relación entre ciencia, xénero e emprendemento universitario.

O encontro inaugurouno esta mañá no Edificio Emprendia o reitor Juan Viaño, acompañado do vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, Alfonso Rueda; a directora do Instituto da Muller e para a Igualdade de Oportunidades, Rosa Urbón; e a concelleira de Igualdade e Desenvolvemento Económico de Santiago, Marta Lois.

Publicidade

As mulleres só ocupan o 18% das cátedras universitarias

No seu discurso inaugural, o reitor afirmou que as universidades e demais organizacións científicas “teñen que considerar o xénero na súa xestión integral” e iso “ten que ter reflexo nas súas políticas e nas súas prácticas” de recrutamento, promoción e retención de capital humano. Viaño puxo de exemplo a USC, cun compromiso “firme e sostido pola integración do xénero na investigación, na innovación e nos procesos de transferencia, particularmente os que acompañan a creación de empresas spin-off”.

De feito, este ano cúmprese o décimo aniversario do Programa Woman Emprende, encargado dende 2011 de desenvolver e dinamizar o convenio Innovatia 8.3  entre a USC e o Instituto da Muller e que ten por obxectivo fomentar o espírito empresarial das mulleres no ámbito científico-tecnolóxico ademais da creación dun modelo de intervención que integre a perspectiva de xénero nos procesos de transferencia de coñecemento e de creación de empresas de base tecnolóxica. Este modelo, xa validado, está sendo transferido tamén a outras universidades españolas.

Este ano celébrase o 10º aniversario do programa Woman Emprende 

Son a partir de hoxe tres días de intenso traballo no que se debaterá sobre igualdade e transversalidade de xénero na ciencia, creación de empresas de base tecnolóxica, emprendemento da xuventude ou presenza de mulleres nas grandes empresas. Haberá así mesmo obradoiros dirixidos a mulleres que están afrontando algunha das fases do proceso emprendedor e presentarase o proxecto ENRED8.3 para axudar ao desenvolvemento e consolidación do tecido industrial impulsado para mulleres.

Nas xornadas participarán, por unha banda, científicas que aludirán á igualdade e á transversalidade de xénero na investigación e como ten repercutido na definición dunha ciencia sesgada, para homes e mulleres. Por outra, partindo do sesgo androcéntrico do emprendemento, o programa proporá traballar obradoiros prácticos de creación de empresas que xorden do coñecemento, coa particularidade das spin-off académicas promovidas por mulleres.

Presentaranse ademais o programa específico de Amadrinamento no que mulleres expertas se prestan a facer labores de mentoría a emprendedoras afilladas coa meta común de conseguir empresas de valor, responsables e consolidadas no tempo.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Elena Vázquez Cendón: “A fórmula buscada é a igualdade, a solución correcta é o equilibrio”

A premio María Josefa Wonenburguer 2022 abre as xornadas A Foto 51 de Pontevedra, ciencia e reflexión ao abeiro do Día da Muller e a Nena na Ciencia

A Deputación da Coruña crea unha táboa periódica para concienciar en igualdade

A campaña pon o foco no desexo mutuo e no consentimento, interpelando directamente ao posible agresor e nunhas festas libres de medo

Preto de 300 escolares achéganse ás matemáticas dun xeito “compresible e divertido”

No proxecto 'Te lo cuentan las matemáticas', do grupo de innovación docente MaReMa

Galicia é a terceira comunidade con máis mulleres nas empresas tecnolóxicas

Aínda quedan tarefas pendentes para solucionar a fenda de xénero como son os postos directivos, os salarios ou os empregos alternativos á formación STEM