De esquerda a dereita os promotores de Smartwood e CardiaTech, respectivamente. Foto: RQ.

De esquerda a dereita os promotores de Smartwood e CardiaTech, respectivamente. Foto: RQ.

Os premios Argos recoñecen a un software para o corazón e unha ‘app’ de xestión rural

A convocatoria que impulsa a USC promove a conformación de equipos de emprendedores na comunidade universitaria

CardiaTech e Smartwood son os dous equipos premiados na quinta convocatoria do programa Argos para a creación de equipos emprendedores universitarios nas modalidades Argos Spin (para proxectos baseados en resultados de investigación da USC) e Argos Enxeño (para os xurdidos de ideas propias ou empresas do contorno de Santiago e Lugo).

Os premios, dotados con 3.000 euros cada un, foron entregados este venres 27 nun acto no Paraninfo da Universidade nun acto presidido polo vicerreitor de Investigación e Innovación, Vicente Pérez Muñuzuri. Tamén participaron a concelleira de Igualdade, Desenvolvemento Económico e Turismo, Marta Lois González; o xerente do Instituto Galego de Promoción Económica (IGAPE), Guillermo Viña González; Teresa Bernal Cortegoso, da Área de Servizos da Axencia Galega de Innovación (GAIN); e o director da Área de Valorización, Transferencia e Emprendemento da USC (AVTE), José L. Villaverde Acuña. 

Cardiatech detecta patróns irregulares no ritmo cardíaco que poden anticipar patoloxías

No primeiro caso, na modalidade Argos Spin, CardiaTech propón a comercialización dun software que detecta patróns irregulares no ritmo cardíaco. Ideado por investigadores do Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías da Información da USC (CiTIUS), é un método novidoso para interpretación de sinais electrocardiográficos baseado nun modelo de razoamento abdutivo que proporciona unha resposta en 30 segundos en base a patróns cardíacos: ritmo sinusal normal, fibrilación auricular, outra anomalía ou ruído. Este software xa foi premiado a nivel internacional no Physionet/Computing in Cardiology 2017 pola súa robustez e fiabilidade. O proxecto empresarial foi desenvolvido por Sebastián Bouzas e Lía Rendal. 

Smartwood informa dos cultivos que se poden plantar e como proceder en cada parcela

Pola súa banda, Smartwood é unha proposta empresarial baseada nunha aplicación móbil deseñada para o asesoramento e xestión de terreos rurais. A aplicación informa dos cultivos que se poden plantar e como proceder en cada parcela. Ademais, proporciona unha estimación do rendemento que se vai obter e serve tamén como ferramenta de contacto cos axentes necesarios. O proxecto desenvolvérono José Luís Gude, Begoña Castro e Dayana Paz. 

Nesta última edición conformáronse un total de seis equipos promovidos por algo máis dunha vintena de universitarios e universitarias. Ademais das dous proxectos premiados, xurdiron outros catro con propostas no ámbito do márketing dixital, deseño de ferramentas de optimización e automatización de rutas, produción de encimas industriais de alta calidade para alimentación e simplificación da toma de decisións no eido das enerxías azules.

Representantes de todos os equipos participantes nesta edición recibiron unha mención. Foto: RQ.

Representantes de todos os equipos participantes nesta edición recibiron unha mención. Foto: RQ.

Ao longo destas cinco primeiras edicións, polo programa Argos pasaron preto de 200 persoas de 29 titulacións, máis da metade titulacións das áreas de Ciencias Sociais e Xurídicas e Humanidades cunha especial representación da de Administración e Dirección de Empresas así como Económicas. Maioritariamente participaron neste programa titulado/as recentes e alumnado de mestrado e de último ano de carreira.

Promovido por AVTE, o obxectivo do programa Argos é a conformación de equipos interdisciplinares de emprendedores universitarios aos que se lle facilitou asesoramento no proceso de definición da idea de negocio avaliando a súa capacidade para constituír un proxecto empresarial convincente. Traballo en equipo e “aprender facendo” son as dúas claves desta iniciativa aberta a alumnado de posgrao, máster, doutoramento e últimos anos de grao, así como a titulados/as das últimas promocións e persoal ou colaboradores de grupos de investigación.

A conformación dos posibles equipos de Argos sustentábase en tres ideas: a complementariedade de perfís persoais e profesionais no equipo, a presenza dunha persoa con coñecementos de xestión empresariais e o acceso á carteira de resultados de investigación da USC e ideas procedentes de empresas da contorna de Santiago e de Lugo que poderan ser a base de futuras plans de empresa.

Deixar unha resposta

XHTML: Podes empregar estas etiquetas: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>

POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.