Venres 19 Abril 2024

'Os receos coa enerxía nuclear veñen da falta de coñecemento'

Eugeni Vives é o portavoz da Sociedad Nuclear Española, que esta semana celebrou na Coruña a súa reunión anual, coa participación de máis de 600 profesionais. Considera que o sector é un exemplo de seguridade, destaca que non emite gases de efecto invernadoiro e cre que os receos que poida ter a sociedade coa enerxía nuclear responden a ‘falta de coñecemento’. Tamén considera que Fukushima aportou leccións, que é preciso un almacén nuclear permanente e que o reto científico desta enerxía e alongar a vida do combustible atómico e reutilizalo.
-Que obxectivos marcaron para a reunión na Coruña da Sociedad Nuclear Española?
Como cada ano, a reunión anual é un punto de encontro dos profesionais do sector; nesta reunión debatimos máis de 350 relatorios entre os profesionais que traballan en temas afíns. Tamén teremos temas de interese xeral, como a estratexia enerxética española, o I+D+i necesario para a operación a longo prazo das instalacións nucleares españolas, a situación de Fukushima e os proxectos de Smart City e as Aplicacións Médicas dos Radiacións Ionizantes. Todas as sesións foron abertas a todo o público. Esta é a vontade da SNE, a divulgación do coñecemento para a aceptación social desta enerxía
-Por que a enerxía nuclear provoca receos na sociedade?
A SNE entende que os receos se deben á falta de coñecemento, e o descoñecemento crea alerta. A produción nuclear é fiable e segura e medioambientalmente está exenta de CO2, polo que no ano 2014 a produción eléctrica española foi nun 65% exenta de emisións e a nuclear contribuíu nun 35%. A enerxía nuclear de novo foi a que máis enerxía xerou, cun 20,5%. É por iso que insistimos na divulgación do coñecemento deste tipo de enerxía, porque é fundamental para a súa aceptación.

‘A enerxía nuclear foi a que máis electricidade aportou en España en 2014, cun 20,5%’

-Canto dano fixo á imaxe do sector o accidente de Fukushima?
Fukushima foi un punto de inflexión no sector nuclear internacional. Un suceso externo de grandes dimensións como un terremoto catastrófico e un posterior tsunami que produciron miles de mortos en Xapón, produciu tamén un accidente nuclear na central de Fukushima Daiichi. Este accidente nuclear non produciu mortos pero puxo a proba  os mecanismos de emerxencias e que grazas ás decisións do Goberno xaponés de evacuación, non se produciron danos radiolóxicos á poboación. A industria nuclear estudou rapidamente as leccións aprendidas deste accidente, realizáronse internacionalmente unhas probas de resistencia en todas as centrais con respecto a sucesos externos extremos, e xurdiron uns plans de melloras e investimentos nas centrais que se están executando e estarán basicamente implantados no ano 2016. Despois de Fukushima a seguridade do parque nuclear quedará reforzada.
-Canto dano fixo á tecnoloxía nuclear de produción de enerxía o uso militar na bomba atómica?
Este é un dos estigmas da enerxía nuclear xa que o seu desenvolvemento inicial foi para principios bélicos. Hoxe en día este concepto está totalmente desvinculado á electricidade producida pola fonte nuclear. É evidente que as centrais nucleares están deseñadas para a produción de electricidade de forma segura e son deseños que levan a seguridade sen concesións. As centrais utilizan un combustible cun material fisionable U235 cun enriquecemento da orde do 5%. No caso de armamento a concentración é do 95%, polo que non é comparable.
-Como valora que o goberno de Angela Merkel decidise que Alemaña renuncie á enerxía nuclear?
Cada país é soberano para decidir o mix enerxético que desexa, entendemos que no caso de Alemaña a decisión foi basicamente política e que esta decisión a longo prazo incrementará as emisións de CO2. Quedan moitos anos para a parada total das instalacións e o futuro aínda pode ter cambios.

Publicidade

‘A fusión nuclear e a reutilización do combustible son os retos científicos do sector’

-Un sector do ecoloxismo, cun ex presidente de Greenpeace á cabeza, aposta por un modelo enerxético de enerxía nuclear combinada con renovables. Como o valora?
A Sociedade Nuclear Española valora positivamente a cesta enerxética dun país cunha combinación nuclear e renovable como o noso. A  enerxía nuclear dá a enerxía base. En España as centrais nucleares teñen funcionando no 2014 ao 85% de media e isto permite cubrir as intermitencias intrínsecas ás enerxías renovables coa máxima eficacia. Grazas a esta combinación obtéñense resultados de produción do 65% sen emisións de CO2 o que é moi positivo para o noso país, xa que se utilizan as fontes máis contaminantes de forma ocasional para cubrir as puntas diarias.

Cartel da reunión na Coruña da SNE.
Cartel da reunión na Coruña da SNE.

-Cientificamente, cales son os retos que ten ante si o uso da enerxía nuclear?
Nestes momentos a enerxía nuclear desenvolveu novos reactores que son unha mellora dos actuais. Estes reactores son  gran parte dos 72 que se atopan nestes momentos en construción. Nestes momentos están en proceso de deseño reactores da xeración IV con refrixerantes metálicos que permiten a volver a usar o combustible que se utilizou nos reactores das centrais actuais, polo que aumenta a vida de combustible enerxético de forma substancial a miles de anos. Doutra banda os proxectos de fusión, como é o ITER, atópase en construción en Caradache, Francia, e esperamos que sexa un éxito que permita no futuro a produción eléctrica sustentable e de baixo custo.
-Viviría vostede xunto a unha central nuclear?
Si, sen dúbida. Non soamente viviría senón que vivín e fun coa familia a miúdo a unha preciosa praia á beira dunha central nuclear. A radiación debida ás instalacións nucleares non ten ningún efecto na contorna. Existe un programa obrigatorio de vixilancia da radiación ambiental, supervisado polo Consello de Seguridade Nuclear, que demostra que as radiacións ambientais existentes antes da posta en operación das instalacións, comparado cos resultados obtidos durante todos os anos de operación, non cambiaron.

‘Un almacén temporal de residuos permitiría reutilizalos: conservan o 90% da súa enerxía’

-Defende a necesidade do almacén temporal de residuos nucleares… por que?
En España hai moitos anos que se atopa operativo en El Cabril o almacén de residuos radioactivos de baixa e media actividade cuns resultados operativos excelentes. Nestes momentos asistimos aos inicios da construción dun Almacén Temporal Centralizado, ATC, para elementos combustibles que xa foron utilizados nas centrais. A Sociedade Nuclear Española considera que esta é unha boa iniciativa porque favorece unha xestión conxunta de futuro destes elementos, porque elimina a dependencia de custos que debemos sufragar a outros países anualmente para a custodia de produtos radioactivos, porque permite almacenar uns elementos que dispoñen ainda do 90% da súa enerxía para outras centrais de futuro deseño, porque brinda a oportunidade dunha investigación e desenvolvemento asociados a esta tecnoloxía e porque o propio Almacén é un motor económico e de emprego para a zona onde se atopa situado.
-Defíname o mellor modelo enerxético que poderiamos ter…
O modelo enerxético de España é bo, está diversificado, permite a produción con poucas emisións de CO2 e garante a subministración eléctrica aos abonados adecuadamente. A Sociedade Nuclear Española considera que nestes momentos é fundamental a operación a longo prazo das centrais nucleares existentes. Grazas á mellora continua dos programas de investimento e actualización, que son da orde de 40 millóns de euros por central e ano de media, dispoñemos dun parque nuclear robusto, seguro e fiable, que debe operar ata os 60 anos do mesmo xeito que as tendencias internacionais.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Como de accesible é a rúa na que vives? Compróbao neste mapa

A aplicación 'City Access Map' permite comprobar que servizos están a menos de 15 minutos camiñando nas cidades e areas metropolitanas de Vigo e A Coruña

A historia da primeira industria galega que empregou a máquina de vapor

Un estudo da USC analiza ‘La Victoria’, a descoñecida fábrica de fundición e louza da Coruña creada en 1844

Un traballo da UDC sobre investigación básica en epilepsia gaña o Epiforward 2024

O equipo conseguiu reducir a actividade cerebral grazas á aplicación de campos magnéticos en áreas concretas do cerebro

Científicos galegos participan no primeiro mapa español de bacterias resistentes aos antibióticos

A base de datos en liña proporciona o perfil xenómico de 461 cepas, procedentes de 41 hospitais situados en 13 rexións de España