Xoves 28 Marzo 2024

O dominio .gal remata a súa fase inicial con case mil webs rexistradas

O reitor de Vigo, Salustiano Mato, participou na avaliación da campaña coa directiva de PuntoGAL.
O reitor de Vigo, Salustiano Mato, participou na avaliación da campaña coa directiva de PuntoGAL.

Ás 93 entidades da fase Pioneiros que estrearon dominio .gal o 25 de xullo, uniránselles a vindeira semana arredor de 850 máis con apelido galego en internet. As primeiras fases desta iniciativa pecharanse así con preto de 1000 páxinas co .gal que estarán activas a partir do 2 de decembro. Ese mesmo día arrancará tamén a Fase Aberta, á que se poderán adherir tanto empresas como institucións e particulares, espallando así o dominio galego a toda a sociedade. Estes datos foron feitos públicos este xoves na Escola de Enxeñaría de Telecomunicación polo reitor, Salustiano Mato, a directora do centro e directora xeral da Asociación PuntoGALManuel González, presidente da mesma. Edita de Lorenzo explicou que a resposta obtida na segunda fase, con preto de 850 solicitudes, “cumpre as nosas expectativas e reflicte o interese tanto de empresas internacionais como Google ou Facebook, como de empresas galegas, administracións públicas e mesmo particulares que teñen web propia”. E é que esta fase estivo deseñada para grupos con dereitos preferentes como, por exemplo, as entidades que promoven o galego, administracións públicas ou propietarios de marcas rexistradas que puideron solicitar o dominio .gal para as mesmas.

 

A fase definitiva ábrese o 3 de decembro cun prezo de 50 euros por dominio

O presidente da Asociación PuntoGAL lembrou que ao abrirse a fase libre a vindeira semana, na que calquera organización ou persoa poderá solicitar o seu dominio, “chega a hora da verdade, é a hora de ser consecuentes coa nosa identidade, coa nosa historia, coa nosa realidade social, coa nosa vontade de seguir vivindo e permanecer no futuro”. Por iso fixo un chamamento a todos sectores sociais para que adopten este compromiso, dende empresas multinacionais que producen en Galicia para exportar a todo o mundo, ata os concellos, as empresas e comercios familiares e ao mundo do asociacionimo de base, cultural e social, “que son a base do noso país”. Manuel González agradeceu tamén o apoio prestado polas universidades galegas neste longo proceso que arrancou coa creación da asociación en 2006, “un dos respaldos máis importantes que tivemos xunto co dos medios de comunicación”. Coincidiu co reitor en destacar que o dominio.gal é unha identidade galega no ciberespazo, un xeito de indentificarse e por iso lembrou que esta é tamén unha oportunidade para os galegos e galegas que están foro do país, “que poderán facer explícita a súa condición de galegos independentemente de onde se atopen”. Demandaron así “cohesión social” para que os galegos de Galicia e os doutras parte do mundo se unan a esta iniciativa e apuntaron que o .gal tamén estará accesible para os territorios de fala galega de fóra do país, como o occidente de Asturias, Zamora, León e Estremadura, “para os que son galegos, para os viven en Galicia e para os que aman Galicia”. Así, o reitor animou a todos a celebrar que xa se acadan os 1000 dominios, entre eles o da Universidade de Vigo, que conta con el dende o 25 de xullo, como unha das 93 organizacións que participaron na fase Pioneiros.

Publicidade

A campaña ‘Os galegos temos un Punto’ promociona o dominio .gal

Mentres a primeira fase, de pioneiros, estivo restrinxida a 93 entidades (35 administracións públicas, 15 empresas e 43 entidades sen ánimo de lucro), nesta segunda recibíronse preto de 850 novas solicitudes, restrinxidas a entidades con prioridade para exercer o dereito sobre o dominio. Estas peticións están sendo analizadas pola asociación e estarán operativas a partir do día 2 de decembro. Nesa mesma data abrirase a terceira fase, durante a que se poderán solicitar dominios para sitios web que teñan un contido mínimo significativo en lingua galega, aínda que se mostre tamén noutros idiomas. En caso de que non mostre contido en galego, deberán ser contidos relacionados coa cultura galega ou servizos en liña especificamente dirixidos á comunidade galega e que favorezan o seu desenvolvemento. Arredor de 30 empresas rexistradoras acreditas pola ICANN son as encargadas de comercializar os dominios cun prezo que rolda os 50 euros. Edita de Lorenzo destacou neste sentido que o pago se debe entender como “inversión en nós mesmos, na nosa cultura e no noso país” e engadiu que cantos máis dominios haxa máis se abaratarán os custes, como sucede cos .com ou .es. Para difundir a iniciativa, nos vindeiros días a asociación porá en marcha unha campaña que publicitará o .gal como elemento de promoción da lingua e da cultura galegas baixo o lema Os galegos temos un Punto, un punto de encontro, un lugar común na rede.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Así foi o acto de entrega dos Premios Spin-Off Punto Gal

Mestrelab (Selo de Calidade), Alice Biometrics (Idea Emerxente), e Laboratorio de Bases de Datos (Grupos de Investigación) foron os proxectos recoñecidos nesta 5ª edición

17 guías para o 17 de maio: configúrate para usar o galego na rede

PuntoGal pon a disposición da comunidade unha serie de guías que posibilitan o uso da lingua nos dispositivos móbiles, redes sociais e programas

Alta calidade nas candidaturas de grupos de investigación aos Premios Spin-Off PuntoGal

Equipos investigadores das tres universidades galegas concorren no certame organizado por GCiencia e PuntoGal

Queres ver cetáceos? Podes participar na campaña de embarques da Cemma

Están previstas saídas mensuais entre maio e setembro desde Vigo, O Grove, Fisterra e Foz para recoller información sobre diversas especies