Venres 19 Abril 2024

Arranca a segunda edición dos Premios Galicia Spin-off

A II edición dos premios Galicia Spin-off xa está en marcha. Ata o 31 de xullo permanecerá aberto o prazo de inscrición destes galardóns que convocan o Banco Pastor e GCiencia, que, como principal novidade, este ano estenden a invitación a participar a todas as empresas que teñan algún tipo de vinculación coas universidades galegas, tanto no apartado Idea Emerxente (que premia ás empresas e ideas máis innovadoras) coma no de Selo de Calidade (que distingue as traxectorias empresariais máis destacadas). As empresas interesadas en participar poderán presentar as súas candidaturas ata o vindeiro 31 de xullo.

Os promotores dos premios queren recoñecer a transferencia de coñecemento entre a Universidade e a Empresa e alentar o emprendemento que xorde dende os grupos de investigación universitarios. Ademais, nesta oportunidade a convocatoria esténdese a aquelas empresas que aínda que non teñan o recoñecemento oficial de spin-off si que demostren unha especial vinculación co ámbito universitario ou cos centros de investigación dalgunha das tres universidades galegas.

Publicidade

No apartado de Idea Emerxente, os premios Galicia Spin-off distinguirán a creación dunha nova spin-off ou empresa vinculada ao ámbito universitario ou a aplicación dun novo coñecemento, proxecto ou idea desenvolvida nos últimos meses. A empresa gañadora recibirá 2.000 euros en metálico, unha peza de deseño exclusivo e unha oferta de financiamento do Banco Pastor. Tamén haberá un finalista neste apartado que recibirá unha peza de deseño exclusivo e unha oferta especial de financiamento do Banco Pastor. O ano pasado a empresa gañadora neste apartado foi a spin-off compostelana Situm e a finalista foi Celtalga Extract, outra empresa vinculada a Universidade de Santiago.

O apartado Selo de Calidade premiará á aquela empresa que consolidase ao longo do tempo unha traxectoria empresarial de prestixio. A gañadora recibirá unha peza física de deseño exclusivo e unha oferta especial de financiamento do Banco Pastor. O ano pasado resultou gañadora neste apartado a empresa viguesa Imatia.

As empresas interesadas en participar nos premios terán que remitir a súa candidatura ao enderezo de email galiciaspinoff@gmail.com e obterán toda a información necesaria na web que o portal GCiencia, na sección Galicia Spin-off do seu site Empresa. Entre os datos que se solicitan aos participantes atópanse unha breve descrición da actividade da empresa e dos méritos que xustificarían a concesión do premio. Ademais poderán achegar documentación complementaria para xustificar a súa candidatura. Un xurado formado por autoridades do mundo universitario, empresarial e de institucións vinculadas á ciencia elixirá aos gañadores, que se darán a coñecer ao longo do mes de outubro.

En Galicia, o Grupo Banco Popular conta con 260 oficinas e un total de 757.000 clientes, dos que 142.000 son pemes, autónomos e comercios. Mediante Pastor, Galicia é o principal mercado do banco, onde conta coa maior cota de todo o territorio nacional, tanto en créditos como en depósitos. Pastor apoia aos emprendedores e aos empresarios galegos e proba diso é que, tras a integración no Grupo Banco Popular, sumaba algo máis do 18% de cota de mercado en créditos e actualmente a súa cota é xa do 22,6%. En definitiva, trátase de apostar por Galicia e de materializar o seu compromiso a longo prazo coas súas familias, empresas, autónomos e comercios.

GCiencia é unha publicación de Ciencia Galega Industrias Creativas S. L. que se ten convertido no medio de comunicación de referencia da ciencia en Galicia. GCiencia foi galardoada recentemente co Premio de Xornalismo Dixital polo Foro da Comunicación de Galicia, e participa nos programas de Fomento da Cultura Científica, Tecnolóxica e da Innovación da Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía (FECYT), do Ministerio de Economía e Competitividade.

Aquí podes ler a nova en versión castelá

Bases dos II Premios Galicia Spin-off

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Gciencia celebra o Día da Lingua Materna cun relatorio sobre a divulgación en galego

A xornalista Laura Filloy abordou a importancia de trasladar o coñecemento científico á sociedade nun acto celebrado no Campus de Lugo da USC

Desmontando Mitos en catro minutos, o novo pódcast da colaboración de Gciencia coa Fecyt

O xornal da ciencia estrea este sábado a cuarta temporada da serie creada para combater falsas crenzas
00:05:26

Gciencia fai 10 anos

O portal da ciencia culmina dez días de celebracións polo seu décimo aniversario

Máis xornalismo e máis divulgación

Editorial de Gciencia polo seu décimo aniversario