Xoves 18 Abril 2024

A transferencia tecnolóxica coida do cerebro

Dous proxectos vinculados á saúde do cerebro foron os gañadores do I Premio de Transferencia de Tecnoloxía en Galicia 2015. Un desactivador do glutamato, neurotransmisor que se libera en cantidades excesivas nun infarto cerebral, e un software capaz de cruzar os datos de imaxes médicas no diagnóstico de doenzas como o Alzheimer ou a epilepsia levaron os premios ao mellor traballo dun grupo de investigación aplicada e ao éxito empresarial de transferencia de tecnoloxía, respectivamente, e contribúen a loitar contra enfermidades cada días máis presentes nunha sociedade envellecida como a galega.O premio está promovido pola Real Academia Galega de Ciencias (RAGC), coa colaboración da Axencia Galega de Innovación (GAIN) da Xunta. Os galardóns entregaranse en Compostela nunha cerimonia a mediados de xaneiro.

O equipo de QUBiotech puxo en marcha unha ferramenta de apoio ao diagnóstico de enfermidades neurodexenerativas
O equipo de QUBiotech puxo en marcha unha ferramenta de apoio ao diagnóstico de enfermidades neurodexenerativas

A José Castillo, Francisco Campos e Tomás Sobrino, científicos do Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago (IDIS) recoñéceselles o desenvolvemento dunha terapia contra os efectos do ictus. Participado polo Complexo Hospitalario Universitario de Santiago (CHUS) e pola Universidade de Santiago de Compostela (USC), o mesmo equipo do IDIS logrou xa o Premio de Investigación 2014 da Real Academia Galega das Ciencias por outro proxecto científico sobre o ictus, que demostraba que a terapia celular é unha vía eficaz para a recuperación das persoas afectadas por esta doenza.
A terapia premiada é inédita e baséase no descubrimento  de que unha molécula, a Riboflavina, que consegue desactivar na sangue e no cerebro o glutamato que de xeito anormal se xera durante o ictus. “Cando se produce un infarto cerebral, libérase unha substancia excitadora do sistema nervioso, que todos temos e é necesaria, pero que nos picos moi elevados que se xeran nun ictus causa a morte neuronal. É como un comecocos, desactiva o glutamato. Comezamos cunha experimentación en animais e a mediados de xaneiro faranse públicos os resultados do estudo en persoas”, adianta Castillo.

A mediados de xaneiro serán publicados os resultados da experimentación en persoas do desactivador do glutamato

As estratexias terapéuticas que se usan actualmente para frear as secuelas dun ictos só se poden aplicar en menos do 10% dos pacientes e teñen unha eficacia moi limitada. As investigacións que durante case 10 anos desenvolveu este grupo de científicos amosan a importancia de deter o descontrol do glutamato, que causa unha grave toxicidade e é o principal desencadeante das secuelas da enfermidade.
“A principal vantaxe desta nova estratexia é que o lugar de acción é a circulación sanguínea, polo que non afecta á neurofisioloxía normal do cerebro, como ocorre con outros tratamentos farmacolóxicos utilizados contra a toxicidade do glutamato”, sinalan tamén os investigadores premiados. O galardón vai acompañado de 6.000 euros netos e unha axuda de 4.000 euros para a formación dun membro do equipo gañador.
A contribución á loita contra as enfermidades neurodexenerativas e, en concreto, á súa detección temperá, é outra das gañadoras deste premio. A RAGC veu na start-up coruñesa Qubiotech, Health Intelligence o mellor caso de éxito empresarial de transferencia de tecnoloxía, dotado con 12.000 euros, por unha ferramenta de apoio ao diagnóstico temperán de doenzas como a epilepsia, a demencia senil, o Alzheimer ou o Parkinson.O software galardoado, bautizado IQ-Brain,  é quen de imitar as relacións que fai un médico ao analizar as probas de imaxe médica -fundamentalmente os TAC e RM– dun paciente sospeitoso de sufrir unha enfermidade neurodexenerativa. Na creación da ferramenta implicouse tamén a Fundación Ramón Domínguez. Os seus inicios estiveron en investigacions do Servizo de Medicina Molecular do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago (CHUS).

Publicidade

No 80% as enfermidades neuroxenerativas non se detectan rapidamente

Pedro Arenas, un dos impulsores da start-up premiada xunto a Jesús Silva e Pablo Aguiar, asegura que o bo diagnóstico debe chegar o máis axiña posible pero que, pola contra, no 80% dos casos non é así debido á complexidade do órgano co que se traballa. “O cerebro é un órgano delicado e o diagnóstico destas enfermidades non é doado. Os médicos baséanse para detectalas en probas de imaxe, basicamente imaxes morfolóxicas e metabólicas que van por separado e que o facultativo analiza individualmente para dar co problema.Con esta ferramenta o que se trata de evitar son erros de diagnóstico e ofrecer ferramentas máis obxectivas a través de índices relacionadas coa presenza e evolución de enfermidades. O software calcula asimetrías funcionais e morfolóxicas entre o lado esquero e dereito do cerebro e compara tamén índice dun paciente sospeitoso cos dun san.
A dobre comprobación é importante en casos como as demencias, nas que a análises dunha e doutra parte do cerebro non teñen por que revelar anomalías que si se detectan cando se poñen fronte as dun órgano sen doenzas. No caso da epilepsia, por exemplo, a ferramenta axuda a focalizar o problema, vital para poñerlle remedio. “Como en todos os procesos humanos, o diagnóstico depende de moitos factores, tamén do coñecemento e experiencia do médico, pero un dos motivos de erro no proceso é o de que a interpretación da imaxe médica é complicada”, apoia Arenas, responsable de desenvolvemento de negocio. O sistema xa foi probado en 400 pacientes do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago (CHUS) e actualmente o equipo traballa na creación dunha plataforma na nube para que poda ser usado por máis centros.
Nos últimos meses, a empresa e o seu primeiro produto lograron xa numerosos premios e recoñecementos, como o da farmacéutica Bayer, que a seleccionou para o seu programa de aceleración de empresas en España, Grants4Apps.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

A historia da primeira industria galega que empregou a máquina de vapor

Un estudo da USC analiza ‘La Victoria’, a descoñecida fábrica de fundición e louza da Coruña creada en 1844

Un equipo de atlanTTic deseña antenas innovadoras para satélites xeoestacionarios

O proxecto da UVigo busca unha redución na masa e o volume da tecnoloxía, así como diminuír os custos

Un equipo da UVigo analiza en alta resolución o transporte de humidade no Atlántico norte

O grupo EphysLab investiga como se altera o ciclo hidrolóxico na rexión oceánica por procesos relacionados co cambio climático

Identificada unha proteína clave na recuperación tralo ictus

En España, unha persona sofre un accidente cerebrovascular cada seis minutos