A sentenza, sobre a que cabe recurso, ordena a devolución ao Estado do Pazo de Meirás, en Sada. Foto: Lois Chantada / CC BY-SA 4.0.
A sentenza, sobre a que cabe recurso, ordena a devolución ao Estado do Pazo de Meirás, en Sada. Foto: Lois Chantada / CC BY-SA 4.0.

A Xustiza ordena aos herdeiros de Franco a devolución do Pazo de Meirás

A investigación histórica foi clave na sentenza, ao corroborar a doazón ao autoproclamado "xefe do Estado" e a simulación da compravenda

Unha sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia publicada este mércores declara, 82 anos despois, a nulidade da doazón do Pazo de Meirás, en Sada, efectuada en 1938 ao ditador Francisco Franco “por carecer do requisito esencial de forma”. Argúmentase que a compra e posterior regalo da propiedade, realizada a través da Junta Pro Pazo (que reunía aos ‘notables’ adeptos do réxime franquista na Coruña) se produciu ao xefe do Estado, e non a título persoal do ditador, polo que se condena á familia de Franco “á devolución do inmoble sen ser indemnizada polos gastos nos que afirma ter incorrido para o mantemento da propiedade”. Estímase de forma íntegra, por tanto, a demanda interposta pola avogacía do Estado, postura que defenderon tamén a Xunta de Galicia, os Concellos de Sada e A Coruña e a Deputación Provincial.

Regalo ao autoproclamado Xefe do Estado

A maxistrada do Xulgado de Primeira Instancia número 1 da Coruña, Marta Canales, argumenta respecto á carencia do requisito esencial de forma que “o mesmo ano en que se efectúa a doazón, constitúese unha Junta Pro Pazo “do Caudillo” para comprar e regalar o Pazo de Meirás “ao Xeneralísimo dos Exércitos e Xefe do Estado Nacional”. “O seu nome era Francisco Franco Bahamonde, pero non se lle regala a el por si mesmo, senón ao xefe do Estado. As alegacións dos demandados en relación á intención das vendedoras, que querían que o pazo se regalase a Franco a título persoal, non se comparten”, di a sentenza, pois nos documentos faise referencia “ao caudillo”.

Os herdeiros do ditador, que mantiveron despois do seu falecemento a propiedade de Meirás, alegaban que o regalo fora a título persoal. Porén, a sentenza di que estas alegacións “non se comparten”, xa que se conclúe que a literalidade dos documentos sobre a compra do pazo e posterior doazón “non arroxa dúbidas”.

Nun dos fundamentos de dereito da resolución, a xuíza conclúe que a compravenda do 24 de maio de 1941 foi unha “simulación”, o que determina a nulidade da mesma. Trátase do título esgrimido polos demandados e polo que Franco, a título particular, logra a inscrición do predio no Rexistro da Propiedade.

En relación a este extremo, afirma a maxistrada que non se acepta a argumentación dos demandados sobre a compra que realiza Franco coa intermediación de Pedro Barrié de la Maza, que cualifica de “ficción” levada a cabo “só co obxecto de poñer o ben ao seu nome”. “Ningunha operación subxace entre as partes que se disimule para os efectos que defenden os demandados. O Pazo de Meirás entregouse á Junta Pro Pazo do Caudillo na primavera de 1938, comprado en escritura pública pola Junta o 5 de agosto de 1938 e a Junta fixo entrega formal ao caudillo o 5 de decembro de 1938. O 24 de maio de 1941 non se entrega a Franco o pazo e Franco nada paga. A vendedora xa vendera. A reservista (Manuela Esteban Collantes e Sandoval, nora de Emilia Pardo Bazán, anterior propietaria do Pazo) xa renunciara ao seu dereito. Franco nada compra”, sublíñase na resolución.

A investigación histórica, clave na sentenza

Na decisión coñecida este mércores resultou esencial a investigación realizada pola Comisión que o Parlamento de Galicia constituíu en 2017. O equipo formado por 11 personalidades expertas na situación do Pazo desde os eidos académico, xurídico e patrimonial, estivo presidida polo catedrático de Historia Contemporánea da USC Xosé Manuel Núñez Seixas. A Comisión partiu do acordo unánime da Cámara galega para desenvolven “un estudo xurídico, en colaboración cas universidades galegas, que analice a posibilidade e os mecanismos que, respectando a legalidade vixente, permitan incorporar ao patrimonio público” o Pazo de Meirás.

Os argumentos da Comisión, que expuxo a “mala fe” na incorporación da propiedade ao patrimonio da familia Franco, son respaldados pola sentenza. A mala fe materialízase, segundo o TSXG, “cando, tras aceptar o caudillo a doazón do Pazo de Meirás, na súa calidade de xefe de Estado, outorga unha escritura pública o 24 de maio de 1941 coa soa finalidade de inscribir este ben ao seu nome no Rexistro da Propiedade, sen mediar prezo algún”. Lembra ademais a xuíza que o Estado asumiu todo os gastos da residencia estival que foi xestionada e administrada como residencia oficial do xefe do Estado, polo que afirma que “o Pazo de Meirás xestionábase de forma idéntica ao Palacio de El Pardo”.

Ao entender que a propiedade do pazo corresponde ao Estado, a xuíza declara tamén nula a parte da escritura pola que os herdeiros de Franco se fixeron co inmoble, así como a doazón dos predios que se recolle nunha escritura de novembro de 1982. A sentenza non é firme, xa que contra a mesma cabe interpoñer recurso de apelación ante a Audiencia Provincial da Coruña.

Sobre o momento no que se presenta a demanda, que os letrados da familia Franco consideraron atraso desleal, entende a maxistrada que “a posibilidade de articular a demanda nace dun importante estudo histórico e dun consenso social, logrado tras moitos anos, que responde a unha madurez do noso sistema democrático” e destaca que o Estado “nunca renunciou aos seus dereitos”.

Na sentenza conclúese que “a parte actora demostrou a nulidade do título de compravenda esgrimido polos demandados e acreditou de forma contundente a posesión pública, pacífica, ininterrompida e en concepto de dono ao seu favor, coas consecuencias de que a totalidade do predio debería inscribirse no Rexistro da Propiedade a favor da demandante e as inscricións contraditorias existentes a favor dos demandados haberían de cancelarse”, o que a xuíza acorda.


A sentenza íntegra, de 390 páxinas, pode consultarse no web do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.