Venres 29 Marzo 2024

Un estudo de Santiago sobre o ADN da escravitude, no Top 10 do mundo

A revista Archaeology do Instituto Americano de Arqueoloxía destaca un estudo sobre o tráfico de escravos de hai 300 anos no que participa o investigador da Unidade Xenética do Instituto de Ciencias Forenses e profesor da Facultade de Medicina da USC Antonio Salas Ellacuriaga como un dos dez descubrimentos máis importantes do ano 2015 no mundo da arqueoloxía. Neste proxecto internacional de investigación sobre xenética, Antonio Salas, xunto con outros investigadores das universidades de Oxford, Copenhague, Stanford e Leiden, analizaron por primeira vez a escala xenómica o ADN de restos humanos enterrados no Caribe no século XVII durante o período do tráfico de escravos transatlántico.

O investigador Antonio Salas, da USC.
O investigador Antonio Salas, da USC.

O estudo analizou o xenoma enteiro de tres individuos enterrados na illa de San Martín orixinarios, segundo os resultados da investigación, de grupos bantús do norte de Camerún e de comunidades non bantús de Nixeria e Ghana. Este traballo “indica polo tanto a procedencia dos escravos levados á illa de San Martín hai 300 anos e ilumina o proceso de configuración das comunidades afroamericanas e como puideron sobrevivir as culturas africanas no continente americano despois da súa chegada ao novo mundo”, segundo explica Antonio Salas Ellacuriaga.
O estudo mostra as posibilidades que técnicas do ámbito das ciencias da saúde poden ofrecer ao estudo da historia e a reconstrución de acontecementos como apunta o doutor Salas, xa que neste traballo ponse de manifesto o “enorme potencial que existe para trazar a orixe xenética de individuos falecidos hai moito tempo, neste caso, vítimas do tráfico de escravos”. Neste senso, a xenética achega unha nova visión para a resolución de cuestións históricas onde a documentación é escasa ou simplemente non existe, sinala o investigador.

A xenética permite resolver cuestións históricas como a orixe dos escravos en América

A capacidade transversal da xenética xa se ten manifestado en anteriores traballos de Antonio Salas, con investigacións que amosan as aplicacións deste proxecto noutras disciplinas transversais como a xenética forense ou a xenética clínica. “Moitas aplicacións biomédicas teñen o seu fundamento sobre o entendemento da variabilidade nas poboacións humanas”, explica o investigador do Instituto de Medicina Legal quen non concibe “como se pode entender unha patoloxía de causa xenética sen entender antes o seu contexto poboacional”. A modo de exemplo, o investigador di que “ por exemplo, se sabe que as poboacións afroamericanas teñen unha maior predisposición a padecer determinadas enfermidades como a hipertensión ou diabete, entre outras”.

Os escravos do Caribe pertencían a Camerún, Nixeria e Ghana.
Os escravos do Caribe pertencían a Camerún, Nixeria e Ghana.

A investigación, en colaboración cos doutores Hannes Schroeder e Thomas Gilbert da Universidade de Copenhague, deuse a coñecer en Proceedings of the National Academy fo Sciences publicación que, xunto con Nature e Science, está considerada como unha das máis prestixiosas da área de ciencias multidisciplinares. Trátase dun traballo novo dado que o Caribe é unha rexión particularmente complicada polas características adversas do chan e do clima o que, explica o doutor Salas, impide unha conservación adecuada dos restos óseos. O investigador considera que o proxecto “abre novas vías de investigación para estudos futuros relacionados co ADN antigo, como por exemplo a análise de restos precolombinos” e engade que pon de manifesto o enorme potencial das técnicas de secuenciación a grande escala e a súa capacidade para analizar restos onde existen cantidades mínimas de ADN, mesmo por debaixo do que ata hai pouco se consideraba o umbral mínimo de análise.
O tráfico de escravos representa un dos capítulos máis dramáticos da historia e na actualidade está recoñecido como un crime contra a humanidade. O doutor Antonio Salas e o seu equipo de investigación comezou hai algo máis de dez anos a estudar na USC os patróns de variabilidade en distintos continentes en relación co tráfico de escravos, con destacados resultados publicados en revistas de alto índice de impacto como American Journal of Human Genetics. Estes traballos previos focalízanse no “entendemento dos patróns de variabilidade nun plano continental, dende a perspectiva da meta-xenómica, pero tamén dende o interese máis local estudando os patróns en diversos países de América, como Estados Unidos, México, Cuba, O Salvador, Arxentina, Venezuela ou Colombia, ou en determinados grupos étnicos americanos”.

Publicidade

Os traballos de Salas aparecen en PNAS e revistas de alto impacto internacional

Estes traballos únense a outras investigacións realizadas polo equipo de Salas e que apuntaban a que a poboación europea actual procede da mestura de tres grupos procedentes de Oriente Medio, África e do norte de Europa e Siberia ou a que unha parte da poboación da zona franco-cántabra é portadora dunha secuencia que se dá practicamente en exclusiva nesta rexión xeográfica, entre outras achados.
Este ámbito de estudo está a ter cada vez máis presenza no ámbito empresarial xa que “cada vez máis, existen compañías de xenómica interesadas en explotar a demanda que existe nunha poboación cada vez máis numerosa desexosa de coñecer algo máis sobre as súas raíces históricas ou xenealóxicas”, explica ao respecto Antonio Salas para quen é unha actividade empresarial lícita “se se fai con rigor científico”. Na súa opinión, o problema xorde non obstante “cando as compañías din ofrecer un produto que no fondo non é o que o cliente demanda”, xa que “o cliente non está xeralmente o suficientemente preparado para entender os resultados dunha proba de ADN”.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Un equipo galego detecta posibles biomarcadores da esquizofrenia resistente ao tratamento

Científicos do IDIS identifican un perfil de 16 microARN que diferencia aos pacientes que non responden á medicación dos que si o fan

Atopada unha proteína que evita que o ADN se triplique

Un equipo do CNIO descobre un sistema 'antifallo' que podería ter aplicación na prevención do cancro e doutras enfermidades

Por que os humanos non teñen cola? A resposta está nos “xenes saltóns”

Un estudo publicado na revista 'Nature' explica que secuencias móbiles de ADN propiciaron a perda deste apéndice

Os bebés con Down eran enterrados con rituais específicos na prehistoria europea

Unha investigación identificou seis casos de nenos e fetos, cinco deles de entre 5.000 e 2.500 anos atrás