Dous castelos do século XVIII en venda en Galicia por un total de 9 millóns de euros. A fortaleza do Príncipe, en Cee, e a do Cardeal, en Corcubión, buscan comprador a través de portais inmobiliarios, malia a consideración dun deles como Ben de Interese Cultural. Ambos os dous están ‘listos para entrar a vivir’ e teñen unha dilatada historia, que inclúe a resistencia contra as tropas de Napoleón, na invasión de Galicia de 1809. Tamén están adornados de antigas lendas. E teñen a particularidade de estar situados un fronte ao outro, a modo de peche da ría de Corcubión.

O castelo do Cardeal ten unha superficie total aproximada de 50.000 metros cadrados, cuns muros fortificados con inmellorables vistas. Conta con 2.700 metros cadrados construídos, dos que 700 son útiles, repartidos en nove estancias. Consta de catro xardíns interiores e mananciais propios. No interior, goza de todas as comodidades: calefacción central, teléfono, wifi e central de alarma sen fíos. A fortaleza tiña no século XVIII capacidade para 96 soldados e estaba armada por 12 canóns. Unhas escaleiras levan ata a praia e acceso á Furna de Don Liborio, unha cova natural que, segundo a lenda, comunica co interior do castelo e que era usada en tempos para botar os cadáveres dos inimigos que eran axustizados.
O prezo de venda do castelo do Cardeal está cifrado en 3 millóns de euros, despois de que a familia propietaria fixera este verán unha rebaixa de 600.000 euros. A fortaleza está no mercado dende 2007, antes por 3,6 millóns.
Unha campaña pediu que o Príncipe fora visitable como Ben de Interese Cultural
Pola súa banda, o castelo do Príncipe, situado en Cee, na beira oposta da ría, ten un prezo maior: 6 millóns de euros. A súa construción comezou no ano 1740 e debe o nome ao que sería o futuro rei Carlos IV. Erguido sobre unha península de 33.000 metros cadrados e sobre uns altos cantís, domina toda a ría dende os seus baluartes. Como no caso anterior, está perfectamente acondicionado para vivir. Conta con adega, ximnasio, piscina sobre o mar, sauna, biblioteca e un acceso privado a dúas praias, cun pequeno embarcadoiro.

De nada serviu a campaña que, no ano 2016, tentou que o castelo do Príncipe pasara a ser visitable polo cidadáns. A recollida de sinaturas en Change.org conseguiu un total de 480 adhesións. Malia a súa consideración de Ben de Interese Cultural (BIC), a petición presentada á Xunta de Galicia non tivo consecuencias e as visitas á fortaleza seguen a estar vetadas.
Xuntos ou separados, os dous vellos castelos da ría de Corcubión son as propiedades históricas máis caras á venda en Galicia. E por pouco menos de 9 millóns de euros, esperan un propietario que quera se converter no señor das rías Altas.