Un vaso cerámico de comezos do Neolítico, nova ‘xoia’ de Cova Eirós

Cientificos da USC describen nun novo artigo o achado dun recipiente vinculado á cerámica cardial e decorada con cunchas de berberecho

Detalle do vaso atopado en Cova Eirós. Imaxe: Santi Alvite / USC.
Detalle do vaso atopado en Cova Eirós. Imaxe: Santi Alvite / USC.

Un equipo de investigadores que traballou nas últimas campañas realizadas en Cova Eirós (Triacastela, Lugo), acaba de publicar na revista Trabajos de Prehistoria a descrición dun vaso cerámico parcialmente conservado, atopado durante as escavacións no lugar. Este vaso permite achegar novos datos sobre o proceso de Neolitización da Fachada Atlántica e de Galicia.

Tanto pola súa forma de botella como pola súa profusa decoración (realizada coa impresión dunha cuncha de berberecho, Cerastoderma edule), o recipiente lembra claramente a cerámica cardial, tan característica do rexistro arqueolóxico entre os primeiros grupos neolíticos do sur da Península Ibérica.

A cerámica foi recuperada no interior dunha foxa escavada na entrada de Cova Eirós durante as intervencións dirixidas polo Grupo de Estudos para a Prehistoria do NW Ibérico–Arqueoloxía, Antigüidade e Territorio (GEPN-AAT) da Universidade de Santiago e o Institut Català de Paleoecologia Humana i Evolució Social (IPHES) co apoio da Consellería de Cultura e Turismo da Xunta de Galicia, que precisamente este luns renovou a súa colaboración para continuar coas intervencións arqueolóxicas. Para ese efecto, o conselleiro Román Rodríguez e o reitor Antonio López subscribiron esta mañá un novo acordo que suporá unha inxección económica de 30.000 euros para este ano.

A análise realizada por Miriam Cubas, da Universidade de York, dos lípidos contidos no interior da cerámica atopada permite inferir que o recipiente foi utilizado para o procesado de carne de ruminantes xunto con vexetais. Aínda que a peza non se puido datar directamente, os paralelos estilísticos e tipolóxicos permiten relacionala con conxuntos oleiros do sur de Portugal.

Na análise dedúcese que o vaso foi utilizado para o procesado de carne de ruminantes xunto con vexetais

A cerámica cardial está vinculada cos primeiros grupos do Neolítico Antigo, que penetran ao longo do litoral mediterráneo, traendo consigo a introdución das prácticas agrícolas e gandeiras. Os paralelos máis próximos xeograficamente atópanse na conca do río Mondego (Coimbra), no centro de Portugal, a máis de 300 quilómetros. A partir doutros exemplos identificados e datados no litoral portugués (Galería dá Cisterna, Santarém, Casével), o achado de Cova Eirós podería sinalar que o inicio das prácticas neolíticas no Noroeste peninsular remóntase probablemente ao final do VI milenio a. C, unha etapa aínda escasamente representada na Prehistoria galega.

Máis dunha década de traballos

As actuacións que levan desenvolvéndose desde o ano 2008 tanto na entrada da cova, con abundantes materiais e unha estratigrafía complexa onde se atoparon restos de ocupacións paleolíticas que van desde o paleolítico medio ata os momentos finais do superior, como nas paredes do interior da cova, onde se localizaron evidencias de arte rupestre do paleolítico superior, permitiron descubrir pinturas e gravados dun valor único e excepcional en Galicia.

ReferenciaVaso con decoración cardial de Cova Eirós (Triacastela, Lugo). (Publicado en Trabajos de Prehistoria).

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.