Varela Santos, precursor das lentes de contacto

O oftalmólogo compostelán, amigo de Castelao, foi un pioneiro da óptica, grande investigador e viaxeiro polos mellores laboratorios de Europa

Varela Santos foi un pioneiro da oftalmoloxía dende Compostela.

Foi o oftalmólogo de Castelao, ademais de amigo persoal. Tamén foi un incansable investigador e viaxeiro, que frecuentou laboratorios en media Europa, ao tempo que patentou trebellos da súa invención, como o Taquistoscopio, para determinar a  refracción ocular. E, desde Galicia, participou na creación das primeiras lentes de contacto.

Ángel Varela Santos naceu en Compostela en 1878 e criouse arredor da reloxería fundada polo seu pai, na que traballou mentres cursaba como alumno libre os estudos de Medicina e Oftalmoloxía. Tras a súa graduación no ano 1911, o seu espírito inquedo levoulle a viaxar de xeito incansable para coñecer os últimos adiantos da súa disciplina.

Durante toda a súa vida, fixo estadías de investigación en Francia e Alemaña. Vicente Risco narrou o seu encontro con Varela Santos en Berlín, cando participaba nos experimentos das que serían as primeiras lentes de contacto da historia. Xunto cos tamén composteláns  Gradaille e Romero  Molezún, foron os primeiros  oftalmólogos galegos formados no estranxeiro na nova medicina experimental e técnica que renovaba os vellos ensinos clínicos. Ademais, participou en moitos congresos internacionais da súa especialidade con comunicacións e traballos científicos.

Un dos aparellos que inventou, o Taquistoscopio, foi avalado polos principais responsables de centros oftalmolóxicos da súa época: o Instituto Rubio, o Instituto  Oftálmico, o Hospital General de Madrid e o Hospital del Buen Suceso. Este dispositivo permitía determinar a  refracción ocular dunha forma máis rápida que utilizando a tradicional caixa de probas. O seu biógrafo Rafael Sisto Edreira, sinala que inventou tamén “un novo  oftalmostato que fixaba de xeito automático o globo do ollo, permitindo unha precisión absoluta nas operacións e evitando a intervención obrigatoria de axudantes”.

Unha das ilustracións do estudo realizado por Rafael Sisto.

Produto das súas investigacións, foi un asiduo autor nas revistas científicas da súa época. Colaborou con estudos como “Úlcera de la córnea infectada por diacrotitis, seguida de  panoftalmia   y fenómenos simpatizantes” (Varela, 1916). Neste traballo analiza a importancia de tratar os lacrimais para curar as úlceras de córnea infectadas.

“Nun artigo publicado ao pouco da morte de Varela Santos polo Dr. Devesa (1944), salientaba o profundo coñecemento que tiña das leis da física e da óptica, especialmente das relativas á  refracción, e a particular atención que dedicou ao estudo do fondo do ollo”, explica Sisto  Edreira. Por outra banda, asegúrase que realizou estudos sobre a conservación dos alimentos por deshidratación e que estes traballos foron publicados na revista da Industria  conserveira no ano 1943.

Facultade de Óptica e Optometría da USC.

O seu prestixio científico fixo que fose un dos informadores da Junta para a Ampliación de Estudos (JAE), que concedía as prestixiosas bolsas para a formación no estranxeiro que forxaron unha idade de ouro da ciencia en España, previa ao desastre subseguinte á guerra civil.

Pero Varela Santos brillou tamén noutras ordes do coñecemento. En 1908, cando contaba vinte anos, xa fora premiado nun certame organizado pola sociedade La Oliva, de Vigo, por un estudo sobre reprodución fotomecánica.

Ademais, foi un pioneiro da arqueoloxía, cuns pormenorizados estudos dos restos achados na Illa de Arousa, sobre os que publicou un artigo científico cos seus descubrimentos históricos.

Con Castelao, ademais de ser o seu  oculista, mantivo unha gran amizade e unha intensa relación  epistolar, como persoa comprometida tamén coa realidade e futuro de Galicia.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.