Vista aérea do xacemento de Valencia do Sil. Foto: Sputnik Labrego.
Vista aérea do xacemento de Valencia do Sil. Foto: Sputnik Labrego.

Valencia do Sil, un novo xacemento de referencia en Valdeorras

O proxecto Sputnik Labrego presenta a memoria do sitio, que apunta a unha ocupación de entre 150 e 200 persoas a mediados do século IV

O proxecto Sputnik Labrego, que desde hai anos investiga as transformacións do campesiñado galego en intres históricos de fondos trocos estruturais dende unha perspectiva antropolóxica e arqueolóxica, deu a coñecer esta semana novos resultados sobre as escavacións realizadas en Valencia do Sil (Vilamartín de Valdeorras) en setembro de 2019. As conclusións forman parte da memoria presentada á Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, onde se detalla o traballo feito no Castelo. “É un punto clave, para ver o que atopamos ata agora, pero tamén para facérmonos novas preguntas sobre o que queremos seguir investigando, explica Carlos Tejerizo, director do proxecto Sputnik Labrego.

“Grazas ás análises derivadas do voo de dron e dos datos xa existentes puidemos calcular que durante a ocupación do xacemento viviron ao mesmo tempo unhas 150-200 persoas“, afirma Tejerizo. “Son resultados provisionais cos datos que temos polo momento, pero encaixan ben coas dinámicas que coñeciamos para este tipo de sitios”. Conclúe o investigador que grazas á intervención realizada o pasado setembro, xunto á anterior, en agosto, de Santiago Ferrer, o xacemento de Valencia do Sil “recuperou o lugar que lle correspondía dentro da comarca de Valdeorras”.

Valencia do Sil “foi unha sorpresa tras outra”, conta o investigador. “Era un xacemento enigmático, xa que tiñamos informacion pero dispersa e pouco clara, pero fomos descubrindo detalles moi interesantes”, engade. O momento no que se constata a ocupación humana no lugar, a medio camiño entre a caída do Imperio romano e a aparición do reino suevo, supón un paso relevante nas sociedades da zona.

“Os resultados das análises petrográficas que fixemos sobre as mostras recollidas no xacemento demostran que o sector que escavamos está vinculado coa actividade metalúrxica, probablemente coa forxa de ferro, aínda que non podemos descartar que sexa de cobre. Temos que facer máis análises” engade Celtia Rodríguez, co-directora da intervención en Valencia do Sil. “Isto demóstranos a presenza non só de actividades especializadas no sitio, mais tamén unha organización interna moi ben estruturada“, continúa Rodríguez. “A xente que habitaba no sitio sabía moi ben o que facía”, di. A memoria tamén presenta as dúas datacións radiocarbónicas realizadas sobre o sitio, que mostrarían unha ocupación clara do xacemento cara a mediados do século IV, aínda que non se pode descartar nin unha ocupación anterior nin posterior. “Sen dúbida, temos que seguir a investigar”, remata a co-directora.

O documento presentado ante Patrimonio Cultural é un trámite obrigatorio en toda intervención arqueolóxica para presentar a metodoloxía, resultados e potencialidades dun sitio arqueolóxico. Así, estes resultados fanse públicos e poden ser consultados por outros especialistas.

As intervencións en Valencia do Sil continuarán o próximo setembro, se as condicións sanitarias o permiten, cunha escavación que contará coa presenza de alumnas e alumnos do Mestrado de Arqueoloxía e Ciencias da Antigüidade da Universidade de Santiago de Compostela, a partir dun convenio asinado entre a Universidade e o Concello de Vilamartín de Valdeorras. “Grazas á aposta do concello pola cultura e o patrimonio poderemos continuar coa investigación”, destaca Carlos Tejerizo.

Como fixo noutras localidades de Valdeorras, como Casaio, o equipo de Sputnik Labrego mantén un estreito contacto cos habitantes da zona. En canto sexa posible, avanza o director do proxecto “presentaremos os resultados á xente de Valencia do Sil, Vilamartín e a toda aquela xente interesada. Toda esta información perténcelles”.

Nos últimos anos, o equipo ten realizado importantes descubrimentos na comarca de Valdeorras, como o achado en Casaio de pinturas prehistóricas únicas en Galicia.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.