Traballos en Atapuerca. Foto: USC.
Traballos en Atapuerca. Foto: USC.

A USC participa un estudo sobre a innovación tecnolóxica en Atapuerca

O investigador Arturo de Lombera lidera un artigo que a analiza a evolución dos artefactos que acabaron dando pé á cultura neandertal

A magnitude do xacemento de Atapuerca, en Burgos, non deixa de ofrecer resultados. Desta vez, científicos galegos volven tomar parte nunha nova investigación sobre a transición entre Paleolítico inferior e o Paleolítico medio, no período comprendido entre os 450.000 e 250.000 anos antes de agora. O investigador Arturo de Lombera Hermida, do Grupo de Estudos para a Prehistoria do Noroeste, Arqueoloxía, Antigüidade e Territorio (GEPN-AAT), da Universidade de Santiago de Compostela, lidera un estudo de máis de 22.000 artefactos de pedra procedentes do nivel TD10.1 de Gran Dolina en Atapuerca, que amosan que, a pesar da homoxeneidade tecnolóxica que se observa entre os homininos que ocuparon entón a Serra de Atapuerca, inícianse unha serie importante de innovacións que culminaron coa cultura neandertal, de gran complexidade e que avalan a capacidade de planificación desta especie.

O artigo que describe esta análise, publicado recentemente no Journal of Human Evolution, enmárcase nos traballos que desenvolve o Institut Català de Paleoecologia Humana i  Evolució Social (IPHES) no xacemento burgalés. “O nivel TD10.1 da Gran Dolina recolle unha sucesión de sedimentos excepcionais para entender a evolución acontecida entón, que culminará co xurdimento da tecnoloxía que dá lugar ao Paleolítico medio en Europa”, explican os investigadores no artigo.

Así, a análise dos datos obtidos cos restos de fauna e a arqueoestratigrafía, isto é, sucesión de niveis sedimentarios ao longo do tempo; xunto cos que achegaron os artefactos líticos, constata que a cavidade foi ocupada de diferentes maneiras hai entre 350.000 e 250.000 anos.

“Na base do nivel TD10.1, a máis antiga, a cavidade é habitada a modo de campamento por parte dos homininos durante longos períodos e dunha maneira máis intensa, documentándose unha gran concentración de restos líticos e faunísticos, e onde se desenvolveron diversas actividades como talla de ferramentas, procesado de fauna ou traballo de peles, entre outros”, continúan os autores do traballo. Pola contra, a cavidade só sería ocupada brevemente polos grandes carnívoros que acudirían posteriormente a carroñar os restos deixados polas ocupacións humanas. Pola contra, para os niveis superiores só se producirían estancias breves, aínda que de uso reiterado para realizar actividades puntuais e tras as cales deixarían abandonadas as súas ferramentas.

Complexidade tecnolóxica e planificación

A pesar das diferenzas nos modelos de ocupación, nos rexistros  líticos de TD10.1 obsérvase unha homoxeneidade tecnolóxica, o que implica unha continuidade demográfica dos grupos que ocuparon a Serra de Atapuerca durante o final do Pleistoceno medio, entre hai uns 450.000 e 130.000 anos. Isto é evidente pola pervivencia de certos trazos que comparte cos rexistros  achelenses dos niveis inferiores de TD10 (TD10.3) e o xacemento de Galería, máis antigos, tales como a presenza de  bifaces, así como de certos esquemas de talla menos complexos.

“Pero o aspecto máis significativo destes conxuntos é que rexistran varias innovacións e comportamentos tecnolóxicos que cristalizarán posteriormente na tecnoloxía neandertal do  Paleolítico medio”, afirman os investigadores. Estes aspectos son a explotación ordenada dos recursos do territorio, unha marcada selección de calidade das materias primas, o menor tamaño dos instrumentos líticos, a perda de importancia dos bifaces, a fabricación de útiles enmangados, o recurso a retocadores óseos, a reciclaxe de elementos líticos (uso de núcleos como percutores) e, especialmente, a aparición de métodos de talla complexos típicos do Paleolítico medio, como o Levallois ou o discoidal. Estes comportamentos evidencian un importante incremento na complexidade tecnolóxica e na planificación das actividades con respecto aos conxuntos anteriores.

Deste xeito, no artigo demóstrase que a transición entre o Paleolítico inferior e medio na Serra de Atapuerca foi un proceso acumulativo e progresivo apuntando a unha transición local. Este proceso de “neandertalización” é paralelo ao observado noutros xacementos europeos e coherente coa evolución paleoantropolóxica dos preneandertais da Sima dos Ósos, tamén en Atapuerca.

“De maneira interesante, estas ocupacións de TD10.1 son contemporáneas a outros xacementos peninsulares con características plenamente achelenses (tecnoloxía máis arcaica), o que mostra que este proceso non foi homoxéneo en toda Europa, senón que, máis ben produciuse seguindo un modelo en mosaico”, afirman, subliñando a complexidade cultural e poboacional do Pleistoceno medio final europeo.

Ademais de Arturo de Lombera, por parte do  IPHES e da Universitat Rovira i Virgili (URV) tamén participaron Xosé-Pedro Rodríguez, Marina Mosquera, Andreu Ollé, Esther López-Ortega, Antonio Rodríguez-Hidalgo, Palmira Saladié e  Eudald Carbonell.


Referencia: The dawn of the Middle Paleolithic in Atapuerca: the lithic assemblage of TD10.1 from Gran Dolina (Publicado en Journal of Human Evolution).

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.