Gravado en Le Monde Ilustré dos traballos na ría de Vigo en 1870.

Unha ‘Pompeia submarina’ na ría de Vigo

En 1702, a batalla de Rande converteuse en Londres en noticia de primeira páxina. Concretamente, en ‘The Daily Courant’, o primeiro xornal diario da historia, que acababa de nacer ese mesmo ano. O combate naval na ría de Vigo foi a súa primeira noticia de alcance, convertida nun serial durante meses, con informacións sobre o tesouro capturado pola escuadra de George Rooke.

Case dous séculos máis tarde, en 1870, Rande volvería ás primeiras páxinas. Nesta ocasión, en Francia. E a noticia foron os traballos de rescate dos galeóns na expedición organizada por Hyppolite Magen, onde se estrearon a nivel mundial os últimos adiantos técnicos en exploración submarina. Entre eles, a iluminación eléctrica baixo a auga e os equipos de respiración Rouquayrol, que daban unha nova autonomía aos mergulladores.
Jules Verne, ávido lector de xornais, inspirouse nestas campañas para construír a súa novela ’20.000 leguas baixo dos mares’, que se publicou nestas mesmas datas. E, na Biblioteca Nacional de Francia, atopamos os exemplos do entusiasmo con que os franceses seguiron os traballos en Vigo.

Mentres Verne escribe a súa obra, a Societé de Sauvetage deas Galions de Vigo celebra a súa xunta xeral en París, o 21 de maio de 1870, presidida polo Conde d’Hautefort. Nela, proponse unha nova ampliación de capital, dáse conta dos supostos primeiros achados, augúrase un gran éxito e anúnciase a contratación do enxeñeiro Denayrouze, o coinventor do respirador autónomo Rouquayrol.

Anuncio de accións para o rescate de Rande, na prensa francesa.

Os franceses compran as accións, que prometen unha gran rendibilidade unha vez se rescate a prata afundida na ría de Vigo. Na revista ‘Le Monde Ilustré‘, unha das de maior éxito na Francia da época, vemos un espectacular gravado que ocupa a súa portada, co pé: ‘Exploracións submarinas na baía de Vigo para a procura dos galeóns españois afundidos en 1702’.

En Le Petit Journal sucédense as noticias sobre a expedición de Magen en Vigo. O do 25 de xaneiro de 1870 convida aos lectores a visitar na vila de Saint Servan, na Bretaña, a campá submarina deseñada polo enxeñeiro Bazin. Animouse tamén Jules Verne a facer esta visita, tan preto da súa casa?

“Na edición do 22 de decembro, falamos sobre o traballo de rescate levado a cabo na baía de Vigo (España), para atopar os millóns afundidos nos galeóns españois desde 1700 -explica o diario-. M. Bazin, enxeñeiro encargado da xestión dos traballos, estableceu en Saint- Servan a boia de rescate, curioso dispositivo que merece ser visitado”.

O interese pola campaña en Vigo será tan grande que mesmo chama a atención do emperador. Napoleón III Bonaparte vira visita en París ao enxeñeiro Bazin e aos obxectos rescatados dos galeóns. Así o conta Le Petit Journal, en xuño de 1870: “O emperador, nun coche Daumont, e acompañado por dous axudantes de campo, foi onte a visitar o museo na rúa Morny, onde Monsieur Bazin reuniu varios obxectos extraídos do mar na baía de Vigo, onde están sepultados os famosos galeóns da frota de España. O emperador reuniuse tres cuartos de hora co hábil e audaz enxeñeiro desta fermosa empresa”.

Representación en cores da batalla de Rande (1702).
Representación en cores da batalla de Rande (1702).

Pero, de entre todos os moitos diarios que falan de Vigo neses anos, a crónica máis emocionante publícaa Le Gaulois o 7 de xuño de 1870, nunha ampla reportaxe titulada ‘Unha Pompeia submarina’, na que se relatan os fabulosos tesouros que hai no fondo da ría de Vigo.

O xornalista, Francisque Sarcey, entrevístase co enxeñeiro Bazin, a quen presenta xa como unha celebridade pola campaña dos galeóns: “Terei por guía na visita ao líder da expedición, M. Bazin, ben coñecido no mundo científico polos seus descubrimentos de todo tipo, pero sobre todo nos últimos tempos pola súa exploración submarina. Todos os parisienses coñecen xa a escafandra, esa especie de caparazón para traballar nas profundidades”.

O artigo detense nos perigos que enfrontan os mergulladores en Vigo: “Os meus homes son mozos duros -explica o enxeñeiro Bazin– teño un forte equipo de persoas ás que seguiría ata o fin do mundo. Con eles fixen a exploración de Vigo. E pronto o farei noutros lugares”.

Seguidamente enumera algúns obxectos que extraeron dos galeóns en Rande como vellos mobles de caoba, canóns, vasos, porcelana, un frasco de cochinilla… pero falta o tesouro no que tanto investiron os accionistas. Así que, con gran efectismo, Le Gaulois finaliza a súa crónica de forma apoteósica: “E de súpeto, Bazin saca unha gran pedra de cor negra. É un lingote de prata de 8.600 francos”.

O xornalista pregunta ao enxeñeiro se espera atopar máis lingotes como ese: “O fondo da ría de Vigo está pavimentado destas pedras”, conclúe Bazin.

Así escribían os xornais de París sobre a ría de Vigo hai case 150 anos. Cando a fantasía sobre os tesouros da batalla de Rande prendía na imaxinación dos franceses. Como tamén a dun escritor de Nantes que se inspirou nestas historias para escribir unha das súas novelas máis icónicas: ’20.000 leguas baixo dos mares’.

Jules Verne na baía de Vigo

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.