Venres 29 Marzo 2024

Así chegou unha estación do metro de Madrid ao centro do Porriño

É sabido que o metro de Madrid ten parada nun parque do Porriño. Érguese alí dende 1970 o quiosco da Rede de San Luís que daba acceso á estación da Gran Vía madrileña. Retirado cando se modernizou aquela liña, rematou na vila natal do seu autor, o arquitecto Antonio Palacios. Pero, case medio século máis tarde, a capital de España vai recuperar esta obra, aínda que será en forma de réplica.

Hai xa varios anos que comezaron os traballos na Gran Vía para reformar o seu vestíbulo e unilo coa rede de proximidade de Sol. Con todo, este ano apareceron restos da antiga estación, que están baixo protección cultural, o que atrasou as obras. Pero a réplica do templete de Palacios xa está en construción, licitada por 276.000 euros.

Publicidade

Antonio Palacios.

Baixo os seus perpiaños de pedra, haberá un ascensor que, a diferenza do orixinal, con capacidade para 9 pasaxeiros, poderá transportar a 16 persoas. E tamén cambiará o prezo: agora será gratis e en 1919 custaba cinco céntimos, que permitían aforrar un bo número de banzos da escaleira de caracol que levaba ás vías.

O quiosco da Gran Vía foi encargado a Palacios cando era xa unha celebridade en Madrid, despois de triunfar co seu Palacio das Comunicacións, na glorieta de Cibeles. Pretendíase ornar a primeira liña de metro da capital, a Norte-Sur, que partía de Catro Camiños para discorrer logo baixo as rúas de Santa Engracia, Luchana, Fuencarral e Montera, ata a Puerta del Sol.

En Gran Vía, na pequena praza que forma a Rede de San Luís, o metro circulaba a grande profundidade, polo que houbo que instalar un ascensor. E, en superficie, Antonio Palacios Ramilo deseñou esta elegante estrutura, que estaba cuberta por unha marquesiña de ferro e cristal.

O acceso consistía nun pozo vertical cunha escaleira de caracol que rodeaba ao ascensor. Durante medio século, o quiosco estivo no seu sitio, pero foi desmantelado en 1970 cando se inauguraron os pasos subterráneos da nova liña 5. E a Compañía do Metropolitano de Madrid decidiu cedelo ao concello do Porriño, grazas á insistencia do entón alcalde, Gonzalo Ordóñez Pérez, que conseguiu que un empresario local financiase o transporte das pedras ata as beiras do río Louro.

O templete foi instalado no Parque Infantil de Domingo Bueno e alí continúa, non sabemos se botando de menos o balbordo da Gran Vía madrileña.

O templete de Palacios, na Gran Vía e no Porriño.

Con todo, nos últimos anos a Comunidade de Madrid pediu en varias ocasións o retorno da obra, algo ao que o Concello do Porriño sempre se negou. As xestións máis intensas rexistráronse nos anos noventa, coincidindo coas obras de saneamento da Gran Vía, pero resultaron infrutuosas. Finalmente, Madrid contará coa súa réplica en pedra, non sabemos se en cantería do Porriño.

Estaba previsto que o novo templete se inaugurase no 2019, coincidindo co centenario do metro madrileño. Con todo, agora todo está no aire polos atrasos nas obras da estación polos achados históricos, que inclúen unha cabeza de león en pedra atopada a finais do 2018 e que hai que catalogar.

Así que neste 2019 O Porriño poderá tamén celebrar o centenario do metro de Madrid, sen saír de casa. Porque ten unha peza emblemática daquela obra. Só queda comprobar se é certa a lenda de que, se quedas durmido na liña 1, poderías aparecer no Porriño. Como vantaxe, nese caso, sempre te podes ir tomar algo tan madrileño e tan porriñés como é unha boa tapa de callos.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

A Xunta estuda a aplicación no Porriño do novo produto contra o lindano

A Consellería de Medio Ambiente inicia as negociacións coa empresa que comercializa o composto descontaminante

Un composto demóstrase efectivo contra o lindano, o veleno canceríxeno espallado no Porriño

Unha investigación da Universidade de Navarra atopa un descontaminante prometedor para as 1.000 toneladas do produto esparexido na parroquia de Torneiros

Confirmado: os neandertais xa tiñan capacidade simbólica

Arqueólogos españois descobren que os cranios de grandes herbívoros atopados no xacemento de Pinilla del Valle, en Madrid, foron usados como trofeo

Gómez Ulla, un médico en todas as frontes de batalla

O cirurxián compostelán participou na contenda de Marrocos e as dúas guerras mundiais mellorando a atención aos soldados feridos