Xoves 25 Abril 2024

Un mapa para percorrer máis de 1000 construcións medievais en Galicia

O proxecto Petrifying Wealth, impulsado pola investigadora Ana Rodríguez, recolle máis de 17.000 monumentos na península Ibérica, Italia e o sur de Francia

Entre os séculos XI e XII, a paisaxe arquitectónica en Europa mudou de forma súbita. A difusión da construción con materiais máis duradeiros fixo agromar a través do continente todo tipo de edificaciós, como igrexas, torres, fortalezas, pazos e vivendas construídas con materiais como a pedra ou, nalgúns casos, o ladrillo. A pesar de que o tempo levou por diante moitas delas, milleiros perviven hoxe en día. E todo este patrimonio foi o que compilou o proxecto Petrifying Wealth, unha investigación financiada pola convocatoria Advanced Grant do Consello Europeo de Investigación e dirixida por Ana Rodríguez do Centro de Ciencias Humanas y Sociales do CSIC.

A través dun visor cartográfico con máis de 17000 localizacións erixidas entre 1050 e 1300, espalladas pola península ibérica, Italia e o sur de Francia, é posible percorrer a enorme difusión das construcións en pedra e o seu legado en forma de edificios monumentais. O deseño do visor permite moverse en diferentes escalas, desde unha panorámica xeral ata un edificio concreto. En Galicia, a construción de igrexas que chegaron á meirande parte dos lugares ocupados por unha poboación dispersa salpica este visor cunha gran riqueza patrimonial. E tamén queda patente o legado medieval que aínda pervive en vilas e cidades como Santiago de Compostela, Allariz, Tui ou Ribadavia.

Publicidade

Segundo explica Ana Rodríguez, o obxectivo desta investigación é analizar as complexas dinámicas sociais que explican a velocidade e a extensión do proceso de construción en pedra, un factor que axudou á creación de identidades colectivas e rexionais en toda Europa. En concreto, Rodríguez céntrase na Europa meridional, onde esta transformación foi menos estudada.

“Ao compartir a nosa investigación libremente, buscamos achegar esta útil ferramenta cartográfica, capaz de interactuar con outras fontes de datos xeorreferenciados, a unha audiencia ampla e diversa, facendo visibles as estruturas de pedra e doutros materiais duradeiros da Idade Media dunha maneira práctica e estimulante”, apunta Ana Rodríguez.

O actual visor amosa os primeiros resultados deste proxecto, que se irá completando nos vindeiros meses para ofrecer unha imaxe máis completa do legado medieval na Europa meridional. Engadiranse máis capas ao visor, como os camiños medievais, a propia tipoloxía dos edificios, epigrafías, documentos, xacementos ou canteiras.

A elaboración do traballo é froito da colaboración de Ana Rodríguez e o cobeneficiario do proxecto “Petrifying Wealth”, Sandro Carocci, da Università degli Studi dei Roma Tor Vergata. O visor tamén contou coa colaboración de institucións, como a Fundación Santa María la Real do Patrimonio Histórico, e particulares “que xenerosamente compartiron o seu excelente traballo, como recoñecemos nos créditos dalgúns conxuntos de datos”, sinala a científica do CSIC.

2 COMENTÁRIOS

  1. Castelos , mosteiros , pazos , hórreos , núcleos vellos de cidades como no Ferrol , etc …
    Están esperando a que as administracións fagan algo …

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

As feces dos osos da cordilleira Cantábrica falan… e teñen boas noticias

Un estudo no que participa a USC investiga o estado actual de saúde destes exemplares para impulsar a recuperación das poboacións

Descobren características do VIH compatibles coa súa curación

Científicos de Sevilla estudaron a persoas cuxo organismo é capaz de dominar o virus sen necesidade de tomar un tratamento antirretroviral

O CSIC acha unha combinación de fármacos eficaz fronte ao SARS-CoV-2

A unión de ribavirina e remdesivir consegue eliminar de forma rápida o virus ao inducir un exceso de mutacións no seu xenoma que lle impiden multiplicarse con eficacia

Os excepcionais tecidos do castelo de Pambre: así vestían os galegos na Idade Media

A arqueóloga María Martín Seijo publica un novo estudo onde analiza a vida dunha tea desde a súa creación ata o seu abandono final