Xoves 25 Abril 2024

Un libro recolle o papel de Galicia na Guerra de Sucesión

O CSIC edita o traballo, realizado polo historiador Leopoldo Fernández Gasalla, que aborda durante máis de 1.000 páxinas o conflito

A morte de Carlos II fixo estourar no ano 1700 a Guerra de Sucesión, que acabaría en 1714 coa instauración da monarquía borbónica que hoxe persiste en España. Naquel conflito Galicia, pola súa importancia estratéxica no tráfico marítimo, xogou un papel moi importante. Neste senso, un traballo do CSIC, dentro da colección “Anejo de Cuadernos de Estudios Gallegos”, recolle o papel de Galicia na guerra. O autor é Leopoldo Fernández Gasalla, doutor en Xeografía e Historia con premio extraordinario pola USC e catedrático no IES Rosalía de Castro.

A obra, número 45 dos “Anejos”, analiza en máis de 1.000 páxinas, divididas en dous volumes, a contribución do Reino de Galicia no conflito, tanto no propio territorio como nas frontes nas que os soldados galegos estiveron presentes (Florida, Flandes, Castilla, Extremadura e Cataluña).

Publicidade

“A Guerra de Sucesión española constituíu a máis crúa, estendida e prolongada contenda bélica europea de cantas tiveron lugar entre o final da Guerra dos Trinta Anos (1648) e o estourido das Guerras Revolucionarias e Napoleónicas (1792). Contra o que a miúdo se quixo entender, Galicia viuse plenamente involucrada na contenda máis aló da sempre mencionada batalla de Rande”, subliña o autor do novo libro. Neste contexto, “baseándose en documentos conservados en 44 arquivos diferentes e nas achegas contidas en máis de 700 libros e artigos escritos en oito idiomas, reconstruíuse o modo en que Galicia resultou afectada pola contenda”, explica o seu autor.

Presentación do libro. Fonte: CSIC.
Presentación do libro. Fonte: CSIC.

O primeiro volume consta de tres capítulos -“Os condicionantes da contenda”, “Galicia na defensa do Imperio español en América” e “Rande”-, mentres que o segundo volume divídese en “Flandes”, “A Guerra na Península e a defensa de Galicia”, “As operacións navais e a colaboración con Francia” e “O corsarismo”.

Na obra descríbese a situación política e estratéxica en Galicia durante o final do reinado de Carlos II e o inicio do de Felipe V, atendendo ao modo en que as corporacións políticas e relixiosas recibiron devandito cambio. Ademais, préstase  atención ás reformas militares emprendidas durante o inicio da guerra e a súa aplicación no caso galego, ás repercusións socio-económicas do esforzo bélico e organizativo e aos recrutamentos, impostos especiais, contribucións en especie, aloxamentos de tropas que causaron graves trastornos na vida cotiá dos galegos.

A batalla de Rande (1702) é o episodio bélico máis relevante dos que sucederon dentro do territorio galego, centrando a atención de toda Europa como consecuencia da captura da frota franco-española da prata polos poderosos barcos ingleses e holandeses. No libro séguese con detalle a xestación, desenlace e consecuencias deste acontecemento ao longo de varios anos.

Con posterioridade a estes feitos os portos galegos convertéronse en puntos de chegada das frotas franco-españolas que transportaban a prata americana, así como en bases intermedias nas operacións da mariña francesa nas súas evolucións polo Atlántico. Ao longo da guerra as costas galegas víronse ameazadas en numerosas ocasións polo paso de frotas de guerra inimigas. De feito, Inglaterra elaborou plans para apoderarse da Coruña e, na súa falta, de Vigo ou Pontevedra.

Sen deixar de lado os aspectos organizativos e as consecuencias sociais, económicas e políticas da contenda, o autor concéntrase no estudo das operacións militares, incluíndo as accións bélicas tanto nas fronteiras marítimas como terrestres. Así, identifícanse por primeira vez as unidades militares acantonadas neste territorio e cales foron os movementos das tropas dentro das fronteiras do Reino de Galicia, seguindo ademais a pista aos continxentes galegos que serviron fóra delas.

Outra das partes centrais do libro está dedicada ao seguimento detallado da guerra nas fronteiras de Galicia, tanto no plano militar como no da evolución política interna e das relacións das autoridades políticas e militares galegas coa Coroa.

Nas súas máis de 1000 páxinas procúranse relacionar, ademais, as peripecias nas que os galegos se viron envolvidos durante máis dunha década coa situación internacional que as provocaba.

No acto de presentación participaron Eduardo Pardo de Guevara y Valdés, delegado institucional do CSIC en Galicia; Alfredo Alvar Ezquerra, profesor de investigación do CSIC ; Leopoldo Fernández Gasalla, autor da obra; e Valentín García Gómez, secretario xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia.

1 comentario

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

As feces dos osos da cordilleira Cantábrica falan… e teñen boas noticias

Un estudo no que participa a USC investiga o estado actual de saúde destes exemplares para impulsar a recuperación das poboacións

Descobren características do VIH compatibles coa súa curación

Científicos de Sevilla estudaron a persoas cuxo organismo é capaz de dominar o virus sen necesidade de tomar un tratamento antirretroviral

O CSIC acha unha combinación de fármacos eficaz fronte ao SARS-CoV-2

A unión de ribavirina e remdesivir consegue eliminar de forma rápida o virus ao inducir un exceso de mutacións no seu xenoma que lle impiden multiplicarse con eficacia

Máis do 90% das crías de pardela cincenta teñen plásticos no estómago

Un estudo en exemplares xuvenís de Canarias e Azores apunta a esta especie como un biomarcador de refugallos flotantes no Atlántico norte