Martes 19 Marzo 2024

Malvárez: o fotógrafo descoñecido que retratou Galicia

Un novo libro recolle a vida e traxectoria deste artista de Muros que tamén fixo fotografía documental cunha excepcional serie sobre o tifo

Nacido en Muros en 1889, Juan Malvárez Dubert compaxinou ao longo da súa vida profesional os traballos de ebanista e fotógrafo, labor esta última que, ademais de a rexentar un estudio nesta vila, levouno publicar as súas imaxes en revistas como Vida GallegaMundo Gráfico ou no xornal El Pueblo Gallego.

Non obstante, as súas fotografías non formaron parte das exposicións de fotografía histórica que se levaron a cabo en Galicia nas últimas décadas, como explica o profesor da Facultade de Belas Artes Manuel Sendón, coautor xunto a Xosé Luis Suárez Canal do libro que aborda a traxectoria e a produción dun fotógrafo “absolutamente descoñecido” e reúne máis dun cento de fotografías que, explica, “son memoria visual da comarca de Muros”.

Publicidade

Embarcacións xunto ao porto de Muros. Foto Malvárez.

Editado polo Concello de Muros, o libro que Sendón e Suárez Canal, directores do Centro de Estudos Fotográficos, presentaron na tarde deste martes nesta localidade, reúne un total de 107 fotografías realizadas entre 1910 e 1955. “Era un estudo necesario”, recoñece Sendón da que é a primeira publicación que propón “unha análise das fotografías de Malvárez e do que representan”, na que se combinan tanto os retratos, como imaxes de exteriores ou relativas a acontecementos que tiveron lugar nesa comarca.

“A maioría das placas realizadas por Malvárez perdéronse, a familia conservou fundamentalmente as de retratos de familiares e amigos,  xunto con outra serie de placas de fotografías de exteriores”, relata Sendón do arquivo que constituíu o punto de partida do traballo de busca de imaxes que levaron a cabo para esta publicación, que lles levou tamén a obter imaxes de Malvárez en diferentes coleccións particulares.

O libro recolle unha escolma de retratos feita por Malvárez.

Esta busca permitiulles así mesmo constatar a diferencia entre os retratos realizados a familiares e amigos, “xente que formaba parte da clase máis acomodada da vila, que está máis familiarizada co fotógrafo” e que pousa diante da cámara dunha forma “distendida”, fronte as fotografías “de xente de clases populares”, caracterizadas polo “hieratismo, a rixidez e a mirada directa e seria á cámara”, que constitúe, explica, unha estética propia da “fotografía popular” daquelas épocas.

Fotografía documental da central hidroeléctrica do Tambre.

Ademais do retrato, que constituía o eixo central  do seu traballo, Malvárez realizou así mesmo “outro tipo de traballo máis documental”, reflectido no libro por fotografías que abordan a epidemia de tifo que se viviu en lira en 1918, a entrada en funcionamento da central hidroeléctrica do Tambre ou o “multitudinario mitin” que Castelao protagonizou en Lira en 1933.

A vila de Muros retratada por Malvárez.

Do mesmo xeito, na selección realizada por Sendón e Suárez Canal para este libro recóllense tamén “algunhas vistas de Muros” ou imaxes de embarcacións como os pailebotes e as xeiteiras, de festividades relixiosas e acontecementos sociais que permiten “achegarnos a como era a vida en décadas pasadas”, explican os autores do libro, para o que contaron coa colaboración de Josefina Novo Málvarez, neta do fotógrafo.

1 comentario

  1. Fermosa historia,recórdo como si fóra óxe o seu estudio,tiña unha planta muy bonita,un especie de taburete,donde te apoyabas para facer o pose,fixome as fotos da priméira comunion,e algunha mais era unha gran persona,xa me alegro que a su neta presentara este libro,gracias

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

▪️ Galicia vivirá unha primavera “máis cálida do normal”

Segundo a AEMET, as temperaturas invernais estiveron 1,8 graos por enriba da media habitual para esta época do ano

▪️ As medusas chegan para quedar: “Cada vez haberá máis en Galicia”

Nos últimos días apareceron varios exemplares que puideron ser arrastrados polo temporal marítimo

Unha masa de aire subtropical elevará os termómetros en Galicia ata os 21 graos. Canto vai durar?

A partir do xoves agárdase a entrada de novas borrascas atlánticas que deixarán precipitacións no oeste da comunidade

Un asteroide troiano de Xúpiter pasará polo ceo de Galicia

En Santiago de Compostela hai un 34 % de probabilidade de observar a ocultación dunha estrela