Un libro e un cómic impulsados polo CSIC lembran a fazaña da Expedición Balmis

A misión, que partiu da Coruña, cun papel clave da enfermeira Isabel Zendal, foi moi relevante para inmunizar a millóns de persoas contra a varíola

Libro e cómic editados sobre a Expedición Balmis. Fonte: CSIC.
Libro e cómic editados sobre a Expedición Balmis. Fonte: CSIC.

O 30 de novembro de 1803 sae do porto da Coruña a corveta María Pita. No seu interior viaxan 22 nenos coa misión de levar no seu propio corpo a vacina da varíola, unha das enfermidades máis mortíferas da humanidade, a América e Filipinas. É o inicio da primeira campaña sanitaria de alcance mundial. A Real Expedición Filantrópica da Vacina estivo en activo durante case nove anos, vacinou a centos de miles de persoas na súa volta ao mundo e sentou as bases dos primeiros sistemas públicos de saúde. Encabezada polo médico Francisco Xabier Balmis e Berenguer (Alicante, 1753-Madrid, 1829), a expedición contou entre os seus integrantes con Isabel Zendal (Santa Mariña de Prada, 1773 aprox.- Puebla de los Ángeles, México), encargada do coidado dos menores e reitora da Inclusa –casa de orfos– da Coruña, e o tamén médico Josep Salvany e Lleopart (Barcelona, 1774-Cochabamba, Bolivia, 1810).

Máis de dous séculos despois, o Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC), o Ministerio de Ciencia e Innovación (MCIN) e Editorial Planeta conmemoran esta xesta sanitaria co lanzamento de dúas publicacións: a novela gráfica El mar recordará nuestros nombres, do Premio Nacional de Cómic 2020 Javier de Isusi, e La expedición de Balmis. Primer modelo de lucha global contra las pandemias, un libro monográfico coordinado por Susana Ramírez, da Universidade Complutense de Madrid (UCM), e prologado polo virólogo do CSIC Luis Enjuanes.

“A Expedición de Balmis foi unha actividade sanitaria fundamental na historia da ciencia mundial”, explica a investigadora da UCM. “O propio Edward Jenner, o descubridor da vacina da varíola, dixo que esta empresa filantrópica debería pasar á Historia. Con todo, a actividade sanitaria quedou camuflada polas loitas de independencia e non tivo o recoñecemento que se merecía: España mandou saúde a un imperio que se estaba vindo abaixo”, engade a especialista.

“Precisamente, o obxectivo de ambas as publicacións é dar a coñecer ao público estes feitos e aos seus protagonistas, moitos deles anónimos”, sinala Pura Fernández, directora de Editorial CSIC e Cultura Científica e Ciencia Cidadá do CSIC. Segundo o autor do cómic, “trátase de dous libros complementarios: un centrado nos datos históricos e outro no relato, na dimensión de aventura da campaña”.

Unha historia “alucinante” convertida en cómic

En El mar recordará nuestros nombres, Javier de Isusi asume o reto de “converter unha historia alucinante nun cómic interesante”. Ao seu favor, apunta, había unha trama “con moitos pretextos”. “A expedición, coas súas luces e as súas sombras, foi un esforzo admirable. Que ocorre? Que se produce a principios do século XIX e ten elementos que poden chocar véndoos con ollos do século XXI”, aclara. “É certo que se recorreu a nenos para transportar a vacina, pero non había outra forma mellor de facelo e ofreceuse aos menores un futuro mellor do que tivesen en España. A intención era verdadeiramente filantrópica, pero topou coas realidades de entón”, engade.

Outro elemento que cativou ao autor foron os personaxes, “cada un cunha personalidade e unha motivación moi distinta”. É o caso de “Balmis, un tipo con grandes dotes organizativas, pero tamén un tremendo cascarrabias; Zendal, unha muller ‘pobre de solemnidade’, nai solteira e cuxo apelido real non soubemos con exactitude ata 2013; e Salvany, un home afable que cae ben a todo o mundo e unha especie de mártir laico que aínda estando enfermo xogouse a vida por salvar a outros”, detalla.

Extracto do cómic obra de Javier de Isusi no que aparecen retratados Francisco Balmis, Isabel Zendal, dous dos nenos anónimos da expedición e Antonio Gutiérrez Robredo (dereita), axudante de Balmis. 
Extracto do cómic obra de Javier de Isusi no que aparecen retratados Francisco Balmis, Isabel Zendal, dous dos nenos anónimos da expedición e Antonio Gutiérrez Robredo (dereita), axudante de Balmis. 

Con todo, o desafío era grande porque a marxe para facer o cómic era “curtísima” e “a historia da expedición dá para unha serie de televisión de varios capítulos”. “Merecía 300 páxinas, e dedicámoslle 90; por iso hai personaxes e feitos que dan moito de si que se tiveron que quedar fóra”, lamenta de Isusi. Outro problema ao que tivo que enfrontarse foi o da ambientación: “Nunca debuxara unha historia que sucedese nesa época, nin barcos de vela ou escenarios nos que non estiven”.

A obra, aínda que é froito dun intenso traballo de documentación e contou co asesoramento de especialistas do CSIC como Susana Ramírez, introduce algúns elementos de ficción, “como as vicisitudes de Benito, o fillo de Zendal do que apenas se sabe nada”. “Non hai probas de que Benito e Salvany tivesen unha relación tan estreita, pero tampouco ao contrario. É aí onde navegamos cando inventamos historias: entre os ocos que nos deixa a realidade”, precisa o autor.

Un modelo de comportamento sanitario

O libro La expedición de Balmis. Primer modelo de lucha global contra las pandemias inclúe unha vintena de achegas de especialistas en historia, dereito, medicina ou filoloxía nos que se analizan as diferentes arestas da expedición. O convulso contexto histórico, marcado polas revolucións e os procesos de independencia americanos e europeos, ou o legado da campaña na institucionalización das vacinas e os sistemas públicos de saúde son algúns dos temas abordados. O monográfico inclúe tamén unha cronoloxía da expedición e un completo perfil de Balmis desde diferentes perspectivas –médica, militar, política, etc. –. “O libro é moi variado e tamén unha beleza”, sinala Ramírez en referencia aos numerosos gravados, pinturas, debuxos da época e documentos históricos que ilustran as súas páxinas.

O prólogo foi elaborado por Luis Enjuanes, un dos impulsores desta publicación e coautor xunto con Ramírez do libro La Real Expedición Filantrópica de la Vacuna: doscientos años de lucha contra la viruela, publicado polo CSIC en 2004. “As vacinas supuxeron o eixo vertebrador da saúde pública no mundo e a expedición dirixida por Balmis foi un modelo de comportamento sanitario (…). Non só espallou a vacina por todos os territorios hispanos de ultramar, senón que a perpetuou nestas terras grazas ao establecemento das Juntas de Vacuna”, escribe o virólogo do CSIC.

A corveta María Pita, fretada para a Expedición, saíndo do porto da Coruña en 1803.  Gravado de Francisco Pérez.
A corveta María Pita, fretada para a Expedición, saíndo do porto da Coruña en 1803.  Gravado de Francisco Pérez.

Balmis na Coruña, 218 anos despois

As publicacións presentáronse este martes, 30 de novembro de 2021, na mesma cidade da que partiu a expedición hai 218 anos. O acto, que tivo lugar no Museo Nacional de Ciencia e Tecnoloxía (MUNCYT), contou con participación de Javier de Isusi; Susana Ramírez; Pura Fernández; Sergio Esteve, director da División de Atención ao Cidadán, Transparencia e Publicacións do MCIN; Javier Rey, delegado institucional do CSIC en Galicia; Marina Martínez de Yanguas, directora do MUNCYT; e Marisol González, directora da Biblioteca Pública da Coruña Miguel González Garcés.

“Rescatar o exemplo de xenerosidade humana, científica e política que constitúe a Expedición de Balmis é parte da aposta do CSIC pola divulgación. O noso compromiso co fomento da cultura científica nútrese de propostas innovadoras e colaborativas como esta”, afirmou Pura Fernández no acto.

Sergio Esteve, pola súa banda, incidiu nos beneficios da colaboración: “Estas publicacións, que poñen de relevo como o coñecemento científico pode mellorar a vida das persoas e o mundo, son unha mostra máis do esforzo que o MCIN, xunto con outras entidades e organismos, realiza para socializar a ciencia e poñer a cultura científica ao alcance de todos”.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.