Xoves 18 Abril 2024

Un grupo da UVigo confirma a exclusión dos saurópodos das zonas frías

Segundo o estudo, de participación internacional, estes dinosauros exhibían unha fisioloxía única cunha maior variación na temperatura interna

A distribución xeográfica de varios tipos de dinosauros durante o período Mesozoico hai 160 millóns de anos é un enigma paleontolóxico sobre o que agora o artigo Climatic constraints on the biogeographic history of Mesozoic dinosaurs, publicado hoxe en Current Biology, achega importantes conclusións. Aínda que os dinosauros amosan unha distribución global, algúns grupos parecen estar restrinxidos a determinadas latitudes, e así, mentres os carnívoros (T-rex, Velociraptor e os seus parentes) e os ornistisquios herbívoros (Triceratops, Stegosaurus e moitos dinosauros de pico de pato) parecían case ubicuamente globais en extensión, con representantes recuperados mesmo na Alaska polar e na Antártida, os xigantes de pescozo longo, os saurópodos, parecían preferir latitudes máis baixas e tropicais.

Barreiras térmicas na distribución xeográfica

“A pregunta para os paleontólogos era: por que unha distribución xeográfica de polo a polo caracterizaba aos ornitisquios e terópodos, mentras que os saurópodos estaban restrinxidos a latitudes máis baixas? Sabemos que as distribucións xeográficas das especies existentes hoxe en día reflicten en gran medida a súa tolerancia ambiental: quente / frío, seco / húmido”, explican os investigadores do grupo Mapas Lab do CIM da UVigo Alfio Alessandro Chiarenza e Sara Varela. O grupo lembra que, por exemplo, na actualidade as aves e os mamíferos teñen unha distribución case global, que se estende ás latitudes polares altas, mentres que a maioría dos réptiles, como lagartos, serpes, tartarugas, crocodilo e anfibios, limítanse principalmente a latitudes baixas máis cálidas e próximas ao ecuador.

Publicidade

Chiarenza e Varela, xunto aos investigadores do University College London Philip Mannion; da University of Bristol, Alex Farnsworth; e Matthew Carrano do National Museum of Natural History, Smithsonian Institution de Washington, son os autores de Climatic constraints on the biogeographic history of Mesozoic dinosaurs, un artigo no que analizaron a distribución dos dinosauros no Mesozoico, o intervalo hai entre 230 e 66 millóns de años. No seu estudio, os investigadores aplicaron varios métodos para avaliar se a concorrencia de achados fósiles reflicte realmente a distribución dos dinosauros, “despois de ter en conta os caprichos do rexistro fósil e se algúns impulsores ambientais específicos, como o clima, poderían afectar os seus patróns de distribución”, detallan.

O estudo publicado hoxe por Current Biology revela que os dinosauros saurópodos se viron máis afectados durante a súa historia evolutiva polas barreiras relacionadas coa temperatura, que os terópodos e ornitisquios. “Este fenómeno resultou especialmente marcado nas estacións frías, con rangos de temperaturas para os saurópodos sesgados cara a temperaturas máis altas que outros dinosauros, como terópodos ou ornitisquios, que poderían soportar facilmente incluso o inverno máis duro do Polo Norte”, destacan Varela y Chiarenza.

Unha bioloxía incompatible coas zonas climáticas frías

A maior densidade de saurópodos en paleolatitudes máis baixas e a súa ausencia en latitudes particularmente altas, especialmente durante os intervalos máis fríos e no hemisferio norte, suxeriu aos investigadores que os saurópodos “exhibían potencialmente una fisioloxía única, enfatizando a poiquilotermia (maior variación da temperatura interna) en lugar da homeotermia endotérmica (mantendo a temperatura corporal constante mediante a xeración  de calor interna)”.

Os investigadores do grupo Mapas Lab sinalan que unha combinación de características podería conferir aos saurópodos unha maior adaptación para a disipación da calor, en comparación cos análogos mamíferos modernos, incluído un sistema respiratorio similar ao das aves, ademais de pescozos e colas longas, que dan forma a súa morfoloxía xeral e lles permitía evitar o sobrequecemento en ambientes cálidos, a pesar do seu tamaño xigante. Ademais de que as estratexias de incubación tamén poden contribuír ás diferenzas nos rangos paleolatitudinales, os autores do artigo destacan que, fronte a ornitisquios e terópodos que se caracterizaban, cando menos nalgunhas especies, pola presenza dun tegumento illante (como a pelexe en mamíferos e as plumas nas aves), non se atopou unha estrutura tegumentaria similar nos saurópodos.

“Esta peculiar bioloxía dos dinosauros non só excluía aos saurópodos das zonas climáticas frías, particularmente durante os intervalos de tempo máis fríos, senón que tamén regulaba a dispoñibilidade de corredores de dispersión en latitudes altas para estes animais, incluída unha ruta desde América do Sur a Australasia a través da Antártida durante o intervalo máis cálido do Cretáceo”, desvelan os autores, que sinalan ademais que este é un exemplo único de correlación de diferentes liñas de evidencia da bioloxía e ecoloxía destes animais extintos a patróns bioxeográficos a grande escala co clima. Os investigadores inciden tamén en que a metodoloxía presentada neste estudo “ofrece unha nova ferramenta preditiva para restrinxir aínda máis as hipóteses bioxeográficas, botando nova luz aos debates sobre a bioxeografía, a paleobioloxía e a evolución dos dinosauros”, afirman.


Podes ler a noticia do DUVI na seguinte ligazón.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

O CIM impulsa a súa presenza na investigación mariña europea

O centro vigués busca converterse nun referente establecendo colaboracións con persoal investigador e institucións internacionais

A acidificación nas costas, un problema descoñecido que ataca os ecosistemas mariños

O proxecto ACID busca analizar o impacto biolóxico e social do incremento de CO2, incluíndo unha perspectiva de xénero

Científicos galegos buscan na Antártida procesos naturais que afecten á supervivencia do planeta

Falamos co investigador Mariano Lastra, quen estuda a degradación das algas baixo distintos niveis de radiación e como isto afecta aos nutrientes dispoñibles

A planta ‘Zostera’, aliada para mitigar os efectos da baixada de salinidade nas rías

Un equipo do CIM realiza un estudo pioneiro nas instalacións de Toralla onde imitan as condicións das mareas e os efectos das precipitacións intensas