Rosendo Salvado, bispo de Nova Nursia.
Rosendo Salvado, bispo de Nova Nursia.

Descubrindo ó galego dos antípodas

A divulgación da figura de Rosendo Salvado conta cunha nova achega. Trátase da publicación ‘Rosendo Salvado e o mundo aborixe de Australia‘, que recolle as actas do Congreso realizado polo Consello da Cultura Galega en 2014 coa edición de Ramón Máiz e Thifany Shellan. A publicación, que xa se pode descargar desde o web do CCG, dá conta da relevancia do frade, quen desenvolveu en Australia un asentamento misioneiro desde un revolucionario punto de vista en época colonial, baseado na defensa dos dereitos dos aborixes. A presentación completouse coa conferencia da profesora australiana Anna Haebich sobre o legado musical de Salvado na educación dos aborixes.

Presentación do novo libro do Consello da Cultura Galega.
Presentación do novo libro do Consello da Cultura Galega.

A edición que se presentou esta tarde supón a publicación das achegas que se fixeron nun simposio internacional realizado en Santiago en 2014 a coincidindo co douscentos aniversario do nacemento de Rosendo Salvado. Nel, especialistas de diferentes disciplinas ofreceron novas olladas sobre a importancia do seu legado. A presentación contou coa presenza do vicepresidente da institución, Francisco Díaz-Fierros, que leva anos analizando e investigando sobre a figura deste bispo beneditino nado en Tui, así como de Ramón Máiz, coordinador desta publicación, xunto coa profesora australiana Thifany Shellan. Nel compílanse máis dunha ducia de artigos científicos escritos en inglés e en galego, canda unha selección de textos de Rosendo Salvado. O que queda do seu legado, a súa innovadora forma de evanxelizar, o respecto polos dereitos dos aborixes así como a faceta musical da súa misión son algúns dos aspectos en que afonda esta publicación.

A profesora Anna Haebich estudou o legado musical de Salvado en Australia

A presentación completouse coa conferencia Creating a new future: Salvado and the children of New Norcia [A creación dun novo futuro: Salvado e a infancia de New Norcia], que pronunciou Anna Haebich, profesora na Curtin University de Australia. Nela puxo de manifesto o papel decisivo que desempeñou a música no mandato de Rosendo Salvado no proceso de evanxelización. Haebich centrou a súa intervención en explicar como empregaba a música tradicional galega e española no proceso de instrución dos aborixes.

Rosendo Salvado foi un monxe decisivo no proceso de colonización de Australia. Fundador da Abadía de Nova Nursia nun momento de apoxeo colonialista, destacou polo seu trato coas comunidades aborixes, baseado no respecto da súa identidade e dos seus dereitos.

Rosendo Salvado.
Rosendo Salvado.

A presentación da edición de Rosendo Salvado e o mundo aborixe de Australia insírese nunha liña de actividade que o Consello da Cultura Galega leva realizando co propósito de difundir a relevante figura deste bispo. En 2001, co gallo do centenario da súa morte, organizouse a exposición “Rosendo Salvado: o bispo dos sen alma”, que percorreu numerosos destinos de Galicia. Ademais, publicouse a tradución ao galego da obra de George Russo, Lord Abbot of the Wilderness. The life and times of Bishop Salvado, onde ofrece un retrato da súa vida, obxectivos, logros, desafíos e fondas dificultades polas que pasou ademais de presentar unha descrición detallada do traballo que desenvolveu a favor dos aborixes de Australia Occidental (os seus logros, puntos de vista e métodos).

Salvado respectaba a identidade e os dereitos dos aborixes australianos

En 2014, a coincidir co bicentenario do seu nacemento, o Consello da Cultura Galega ofreceu novos puntos de vista con outra mostra, “Rosendo Salvado: valedor do pobo aborixe”, que resaltaba o talante decidido e arriscado do bieito galego nos seus primeiros contactos cos nativos, así como o tacto, intelixencia e discreción con que realiza a inmersión na súa cultura e tradicións. A mostra estivo en Tui e Compostela e actualmente permanece no Mosteiro de Samos.

A última achega desta liña de traballo foi Memorias históricas sobre a Australia, que supuxo a tradución ao galego dunha que viu a luz orixinariamente en italiano en 1851 (baixo o título Memorie storiche dell’Australia particolarmente della Missione Benedettina di Nuova Norcia e degli usi e costumi degli australiani). Dous anos despois foron publicadas en castelán e, despois, en francés e un século máis tarde en inglés. O libro, que se divide en tres partes: a primeira ofrece notas sobre Oceanía en xeral con anotacións do propio Salvado, a segunda aborda a súa Misión de Nova Nursia; mentres que na terceira fala dos usos e costumes dos aborixes.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.