Un estudo da UVigo analiza a “garganta” de Gombore, en Etiopía

Considerado clave para coñecer as primeiras fases do desenvolvemento do comportamento humano

Vista do xacemento musealizado de Gombore II.

O xacemento de Melka Kunture, en Etiopía, está considerado un dos enclaves paleo-antropolóxicos máis importantes do mundo. Isto débese á súa longa secuencia sedimentaria (con case 2.000.000 de anos de extensión), que permite reconstruír os cambios tecnolóxicos e as primeiras fases do desenvolvemento do comportamento humano. Un grupo internacional de investigadores, entre o que está o arqueólogo do Grupo de Estudos de Arqueoloxía, Antigüidade e Territorio da Universidade de Vigo Eduardo Méndez, acaba de realizar un estudo multidisciplinar (xeolóxico, paleoambiental e arqueolóxico) da secuencia sedimentaria da “garganta” de Gombore deste xacemento.

O estudo foi publicado recentemente na revista Quaternary International nun artigo titulado After the emergence of the Acheulean at Melka Kunture (Upper Awash, Ethiopia): From Gombore IB (1.6 Ma) to Gombore Iγ (1.4 Ma), Gombore Iδ (1.3 Ma) and Gombore II OAM Test Pit C (1.2 Ma). Os seus autores son, ademais de Eduardo Méndez, Margherita Mussi; Flavio Altamura; Luca di Bianco; Raymonde Bonnefille; Sabine Gaudzinski; Denis Geraads; Rita T. Melis; Joaquín Panera; Flavia Piarulli; Laura Pioli; Giancarlo Ruta e Sol Sánchez, abranguendo institucións académicas de Italia, Francia, Alemaña e España.

Eduardo Méndez, arqueólogo do GEAAT.

Segundo explica o arqueólogo do GEAAT, o xacemento de Melka Kunture conta cunha longa traxectoria de investigación de máis de 50 anos e na actualidade desenvólvese arredor do proxecto internacional Italo-Spanish Archaeological Mission at Melka Kunture and Balchìt, co-dirixido polos investigadores Margherita Mussi (Universidade La Sapienza, Italia), Joaquín Panera (CENIEH, Burgos) e o propio Eduardo Méndez. “Este nova fase de investigación arranca en 2019, coa incorporación dos investigadores españois, e na que cabe destacar a participación da Universidade de Vigo no que actualmente é un dos seus principais proxectos arqueolóxicos internacionais”, sinala o investigador da UVigo. As últimas campañas de investigación contan coa financiación da Fundación PALARQ.

Rexisto excepcional de 400.000 anos

O artigo publicado en Quaternary International, comenta Eduardo Méndez, recolle o estudo multidisciplinar (xeolóxico, paleoambiental e arqueolóxico) da secuencia sedimentaria da “garganta” de Gombore en Melka Kunture que “conserva un excepcional rexistro arqueolóxico e paleontolóxico que abarca, de xeito case ininterrompido, uns 400.000 anos, entre 1.600.000 e 1.200.000 anos”. O rango temporal cuberto e a calidade dos rexistros arqueolóxicos recuperados, subliña, perfilan a este enclave como “unha das principais secuencias do mundo para coñecer o proceso inicial do desenvolvemento da tecnoloxía acheuliana e da liñaxe do Homo erectus”.

O traballo realizado inclúe “a caracterización e definición estratigráfica da secuencia sedimentaria; a definición da súa idade mediante a datación por Argon/Argon (Ar/Ar); a reconstrución paleoambiental grazas ao estudo da fauna e a flora e o recoñecemento das fases e características da ocupación humana asociada, mediante a escavación e análise dos diferentes xacementos coñecidos”, resume Eduardo Méndez.

Entre os sitios incluídos no artigo, o arqueólogo destaca o de Gombore IB, datado nuns 1.600.000 anos e cunha ampla mostra de ferramentas de pedra característica da primeira etapa do acheuliano, unhas das más antigas do mundo. Asemade, engade, no artigo tamén se identificou un fragmento de úmero humano, atopado nas escavacións hitóricas do xacemento dos anos 70 do século pasado, concretamente da especie Homo erectus, “que representa un dos restos máis antigos desta especie e en relación directa con ferramentas acheulianas”. Como novidade, na publicación recóllese, tal e como indica Eduardo Méndez, que este óso amosa “sinais inequívocas de consumo por parte de carnívoros, o que suxire que este homínido foi cazado e/ou carroñeado por un gran depredador, como un tigre dente de sabre, león ou hiena”. Pola contra no tramo máis recente da secuencia realizada, explica o arqueólogo do GEAAT, “está o sitio de Gombore II OAM Test Pit C, datado nuns 1.200.000 de anos, onde nunha pequena superficie escavada atopamos no ano 2019 diferentes pegadas, entre as que destacan varias humanas. Estas, con outras atopadas no mesmo xacemento, son dos exemplos máis antigos coñecidos no mundo”.

O complexo arqueolóxico de Melka Kunture, situado na penechaira etíope, está na Tentative List da Unesco para a súa declaración como Patrimonio da Humanidade, sendo a súa relevancia paleoantropolóxica “só é comprable á famosa garganta de Olduvai en Tanzania, o chamado berce da humanidade”, tal e como apunta Eduardo Méndez.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.