Sábado 20 Abril 2024

Os rexistros do último panda de Europa están na península ibérica

Científicos españois describen os fósiles dun exemplar de seis millóns de anos atopado nun xacemento de Las Casiones (Teruel)

Onde viviu o último antepasado do que hoxe é o oso panda xigante en Europa? A resposta é moi difícil de contestar, pero o que si se pode constatar é que o rexistro máis recente dun mamífero do xénero Auliropoda en Europa. Un artigo que acaban de publicar investigadores españois describe os restos dun esqueleto e os dentes dun exemplar da especie Indarctos punjabiensis do xacemento de Las Casiones (Teruel), cunha antigüidade de 6,23 millóns de anos. O achado completa así un traballo publicado en 2012, que situara a orixe da liñaxe do panda xigante tamén en España entre 11 e 12 millóns de anos antes de agora, segundo os fósiles atopados en xacementos como Abocador de Can Mata (els Hostalets de Pierola, Catalunya) e Nombrevilla 2 (Daroca, Zaragoza).

Os restos atopados en Teruel son os restos máis antigos deste grupo, que actualmente só está representado en Asia e cuxa especie máis emblemática é o panda xigante de China, (Ailuropoda melanoleuca). Esta especie evolucionaría a partir de formas máis basais, como as que foron atopadas nos xacementos españois.

Publicidade

A investigación está liderada polo paleontólogo Juan Abella, do Institut Català de Paleontologia Miquel Crusafont (ICP), conxuntamente con investigadores do Museo Nacional de Ciencias Naturales (MNCN-CSIC), a Universidade da Cidade do Cabo, a Universidade de Valencia e a Fundación Conxunto Paleontolóxico de Teruel-Dinópolis.

“As características craniais, mandibulares e dentais destes fósiles permítennos clasificalo dentro da subfamilia dos ailuropodinos, grupo ao que pertence o panda xigante actual”, comenta Juan Abella. Segundo os métodos xenéticos, os ailuropodinos separáronse das outras subfamilias de osos actuais durante o Mioceno inferior, hai uns 20 millóns de anos.

Naquela época existiron polo menos tres especies de oso distintas na península ibérica

“Estes osos eran predominantes nas comunidades de carnívoros durante a maior parte do Mioceno superior na península ibérica”, explica Abella. Nesta época existiron polo menos tres especies de oso distintas na península ibérica.

En xeral, o esqueleto indica que sería un animal de dieta basicamente omnívora, aínda que cunha gran cantidade de compoñente vexetal. As crías poderían rubir ás árbores con bastante facilidade para fuxir de posibles perigos mentres que os exemplares máis grandes poderían facer fronte a calquera ataque grazas ao seu gran tamaño e ás súas poderosas gadoupas.

Hai máis de 6 millóns de anos, Las Casiones (situada uns quilómetros ao norte da capital de Teruel) era unha zona lacustre onde vivían estes osos acompañados dunha fauna moi diversa doutros grandes mamíferos que incluía hipopótamos, rinocerontes ou proboscidios, parentes dos elefantes actuais, así como hienas e outros carnívoros actualmente extintos. É un bo expoñente das faunas previas á crise salina do Messiniense que supuxo a desecación case total do Mediterráneo.


Referencia: The last record of an ailuropod bear from the Iberian Peninsula (Publicado en Geodiversitas)

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Coellos de oito quilos: así eran os xigantes extintos das illas mediterráneas

Antes de que os humanos as invadiran, estaban poboadas por mamíferos de aspecto e tamaño insólitos, como pikas e ourizos xigantes

“As explotacións mineiras destruíron moitos restos fósiles en Galicia”

A investigadora da UDC Blanca Moncunill Solé pide maior conciencia social e un forte compromiso da administración coa paleontoloxía

A humanidade xa camiñaba ergueita hai sete millóns de anos

Un estudo publicado en 'Nature' revela que 'Sahelanthropus' practicaba o bipedismo habitual

Algúns dos dinosaurios máis veloces do mundo vivían na Rioxa

Podían correr 45 kilómetros por hora, segundo o recolle un estudo da Universidade de La Rioja que analizou varias pegadas fósiles