Á esquerda, espada atopada na tumba de Naesby, no centro, lugar onde se atopou o cadaleito de Ulf O Galego e á dereita, Bjarne Henning Nielsen.
Á esquerda, espada atopada na tumba de Naesby, no centro, lugar onde se atopou o cadaleito de Ulf O Galego e á dereita, Bjarne Henning Nielsen.

Loitou Ulf o Galego contra os musulmáns? Fala o descubridor do viquingo que arrasou Galicia

A comezos de 2017, a nova viaxou a toda velocidade desde Jutlandia, en Dinamarca, ata Galicia. Un arqueólogo do museo Vesthimmerlands, Bjarne Henning Nielsen, daba conta do posible achado da tumba de Ulv Galiciefarer, un nobre viquingo que viviu no século XI. Este notable pasou á historia co alcume de ‘Ulf o Galego’, xa que as crónicas históricas falan del como un caudillo que participou en expedicións e saqueos durante uns vinte anos no noroeste peninsular. Ano e medio despois, mentres continúan as investigacións sobre o sepulcro de Ulf, Henning atende ás preguntas de GCiencia. Entre outros temas, sinala a posibilidade de que Ulf viaxase a Galicia “para liberar Santiago dos musulmáns”, unha proposta sorprendente que racha coa historiografía de Galicia, na que se sinala que a presenza musulmana en Compostela estivo limitada ao célebre saqueo de Almanzor no 997.

– Desde cando se sabe da tumba?

– En 1951 comezouse a estudar en Næsby, en Jutlandia do Norte, unha tumba dun nobre, que foi atopada mentres se construía unha estrada. Encontráronse numerosos obxectos e, entre eles, unha espada de aceiro cunha inscripción na folla, preto da empuñadura, que era incomprensible. Porén, algunhas sinais e letras eran aínda lexibles; como por exemplo, unha cruz. E tamén se atoparon ferramentas de combate e para montar a cabalo.

– Que foi daqueles restos?

Espada atopada na tumba. Imaxe cedida por Bjarne Henning Nielsen.
Espada atopada na tumba. Imaxe cedida por Bjarne Henning Nielsen.

– Naquel momento, os achados conserváronse cos métodos que se usaban daquela, e xa en 1995 analizáronse os metais. E os resultados indicaron que a espada e algunhas das ferramentas dos cabalos tiñan unha orixe centro europea, pero os estribos dos xinetes estaban feitos con pezas do oeste de Jutlandia.

E en 2009, grazas a unha axuda, puiden botar a andar un proxecto para volver escavar a tumba. O obxectivo era encontrar o punto exacto onde estaban os restos e comprobar se quedaba algo alí. Conseguimos atopala e, ademais, descubrimos que había outras 20 tumbas da etapa viquinga. Entre elas estaban as de cinco mulleres ricas, unha tumba dun guerreiro e outra cun pequeno barco. Parecían ser restos, por tanto, dun enterramento nobre, e moitas das tumbas puideron datarse na última etapa da era viquinga, entre os anos 975 e 1050.

Esta nova escavación deunos moita información. Caemos na conta de que os traballos dos anos 50 só escavaran no medio da tumba. E ao mirar a zona polo miúdo, vimos que unha parte importante do xacemento aínda non fora estudada, e era unha parte moi interesante.

– Que conclusións se poden tirar das escavacións?

– O corpo estaba dentro dunha estrutura de madeira, coa cabeza mirando ao oeste e os pés ao leste. E parece que hai unha especie de túmulo arredor da cámara funeraria. E tamén vimos que pouco despois do enterramento, o túmulo nivelouse e fíxose unha edificación de madeira no lugar, unha especie de capela que debería medir máis de 100 metros cadrados. É a primeira e única tumba que coñezo con este tipo de edificacións.

E isto é un detalle importante, porque as regras dos enterramentos cristiáns aínda non se desenvolveran. Por iso creo que este guerreiro, xunto ao resto de persoas soterradas aquí, eran cristiáns, e isto quedou de manifesto no novo edificio. Nin a espada, nin as ferramentas dos cabalos nin as ofrendas que hai na tumba poden ser consideradas como pagás.

Pero o máis importante foi o achado da folla da espada, que mesmo conservaba a funda. Medía polo menos 10 centímetros, o que a fai considerablemente máis grande do que se cría. Ata agora, pensábase que estes guerreiros viquingos manexaban pequenos cabalos islandeses, o que daría lugar a escenas bastante graciosas. Por tanto, e en base a isto, os cabalos deberían ser bastante máis grandes ca os islandeses.

A investigación tamén mostra que as bridas dos cabalos estaban especialmente deseñadas para cabalos ben adestrados. En conclusión, o guerreiro que manexaba estes cabalos tiña unha panorámica mellor do que se cría, o que me fai pensar e propoñer que debeu ser un líder dun exército dun tamaño considerabe. O seu enterramento, o túmulo e o edificio que se lle construíu apoia esta afirmación.

Con todo, seguro que obteremos máis detalles nas investigacións que estamos realizando agora, e que tamén se publicarán.

– Cal é o contexto do enterramento na era viquinga?

– Está claro que son da nobreza. Preto de aquí atopáronse dúas espadas, datadas entre os anos 850 e 950, que demostran que a zona pertencía desde tempo atrás á nobreza. E ademais o rei Valdemar O Grande entregoulle en 1158 este terreo á orde do Cister para construír un mosteiro e tomar parte no florecente comercio de Limfjord, o estreito que separaba a península de Jutlandia da illa de Vendsyssel-Thy. Este pode ser o punto que conecte a propiedade da terra coa orixe da tumba.

É importante subliñar que este terreo formaba parte do patrimonio de Valdemar o Grande, que heredera do seu pai e dos seus parentes. E a árbore xenealóxica é a seguinte: Valdemar é fillo de Knud Lavard, fillo este do rei Erik, quen casou con Bodil, a filla de Thrugot Ulvsen (que significa fillo de Ulf). Por tanto, Thrugot debeu ter un pai chamado Ulf, que viría a ser Ulf O Galego. Era, por tanto, unha familia de terratenentes, moi rica e influínte no norte de Jutlandia.

Con estes datos na man, é obvio considerar que a tumba dos guerreiros de Næsby, datada na primeira metade do século XI, con unha edificación moi singular, é a tumba de Ulf O Galego.

– E que se sabe da súa vida?

– Aparece citado moi brevemente no Libro XII da Historia Danica de Saxo Grammaticus. Aquí dise que o rei Erik fuxiu a Suecia debido á rivalidade con outros candidatos ao trono, e que marchou coa súa esposa, a raíña Bodil, filla de Trogod (Thrugot), fillo este de Ulf O Galego.

Ulf tamén se cita no capítulo 75 da saga Knytlinga*. Aquí é onde se mencionan as súas expedicións a Galicia. E é probable que o seu propósito fora participar nas loitas para liberar Santiago de Compostela, baixo control musulmán desde o ano 997.

Non sabemos cal é o ano exacto do nacemento de Ulf – crese que arredor do 1005 – nin cando morreu, pero é posible que isto último fose a mediados do século.

Lugar onde se atopou a tumba de Ulf.

– Que queda por descubrir?

– Agora mesmo seguimos traballando nun artigo sobre o enterramento de Næsby, analizando as pezas que atopamos. O obxectivo é acadar financiamento para analizar as pezas e datalas a través do carbono 14, e ampliar e mellorar o contexto do lugar cos novos métodos científicos. Unha vez conseguido isto, agardamos publicar os resultados.

– Sorprendeulle a repercusión do achado?

– Si, sorprendeume bastante. Cando se publicou a información en National Geographic vin que se fixeran eco dela en moitos lugares; non só en España, senón tamén en Rusia, Turquía ou os Estados Unidos.

*Ulf ou Ulv ‘O Galego’ aparece na saga Knýtlinga, unha das principais fontes sobre a súa vida. Nela cóntase que partiu “bravamente coa súa hoste para conquistar Jakobsland” (a terra de Santiago de Compostela). Algunhas lendas contan que serviu como mercenario para o conde galego Rodrigo de Romariz, no asalto do castelo de Labio, preto de Lugo, durante as revoltas contra Vermudo III. E estas lendas din que, posiblemente, Ulv tamén axudou a Romariz contra uns mercenarios vascos, conseguindo a vitoria. Os saqueos continuaron até que Ulv foi expulsado polas tropas de Cresconio, pero non antes de facer pillaxes nas comunidades monásticas de Redondela e nas illas de San SimónCíes e Toralla. Despois da súa expulsión, os ataques viquingos en Galicia caeron fortemente.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.