Venres 29 Marzo 2024

Ubaldo Pasarón, o galego que soñou con voar

Ao longo da historia, moitos galegos soñaron con voar. Ubaldo Pasarón y Lastra fíxoo dunha forma particular. Este personaxe ilustre naceu en Ribadeo no ano 1827. A pesar da súa corta vida deixounos unha faixa de motivos polos que o lembrar. Alén da súa condición de militar, foi poeta e incluso xornalista. Pero o máis interesante deste persoeiro foi a súa grande capacidade de inventiva. Tanto é así que dez anos antes da publicación da Volta ao mundo en oitenta días de Jules Verne, este lucense falaba xa daquelas dun dirixible aéreo capaz de dar a volta á Terra. E non en oitenta días, senón que en pouco máis de dez.

Ubaldo Pasarón, o home que soñaba con revolucionar o mundo do transporte FONTE: Culturagalega.gal
Ubaldo Pasarón, o home que soñaba con revolucionar o mundo do transporte FONTE: Culturagalega.gal

Benito Pasarón y Lastra e Xoana Rodríguez Trelles tiveron oito fillos, e todos destacaron. Brillaron como músicos, como xuristas, como políticos ou, no caso de Ubaldo, como militares e escritores. O ribadense formouse na carreira militar na Arma de Enxeñeiros, na Academia de Guadalaxara. Unha vez rematados os seus estudos, ostentou o cargo de subtenente no Rexemento de Soria. E con dezasete anos, era xa tenente no Rexemento de África.

Publicidade

Ubaldo Pasarón e a súa faceta literaria

En 1855, con 28 anos Ubaldo xa era capitán do exército en Cuba. Pero na Habana, máis alá de ser coñecido por un home de armas, foino tamén por ser un home de letras. Manexábase ben coa literatura: foi poeta, dramaturgo e columnista. Escribía de cotío nalgúns xornais madrileños. O certo é que anos antes de ser capitán Ubaldo xa tiña libros publicados.

A primeira publicación foi o libro Poesías y Leyendas en Madrid no ano 1950. Un ano despois, colaborou na redacción da Enciclopedia moderna de Francisco de Paula Mellado, a primeira editada en España con tales características. Foron 34 tomos nos que se fixo cargo dos temas militares: 1.500 páxinas aproximadamente. A súa obra literaria completa foi editada en Estados Unidos no 1860 e reeditada tras a súa morte en Barcelona.

O artífice dunha gran idea

Portada de El Moro Muza na que ridicuizan o invento de Pasarón FONTE: Biblioteca Nacional de España
Portada de El Moro Muza na que ridicuizan o invento de Pasarón. FONTE: Biblioteca Nacional de España.

Porén, o máis interesante deste home foi a súa labor como inventor. Na súa etapa en Cuba solicitou tres patentes, entre elas “a navegación aerostática de rumbo fixo e velocidade arbitraria”. Esta última foi concedida polo goberno e deu lugar á publicación Pilotage aeronáutico por Ubaldo Pasarón y Lastra, descubridor de la navegación admosférica. Así, non tardou en correrse a voz ultramar e a xente cuestionou esta idea con rapidez. Quizabes foi o escepticismo da época ou os evidentes erros presentes no título deste folleto. A proba disto aconteceu un 12 de outubro do 1862. A revista satírica cubana El Moro Muza abría coa crítica do invento. 

Dentro daquela publicación adiantábanse dous esbozos. Un deles recibía por nome Transportes aerostáticos por el gas. Nel, aparecía un grande globo cheo de hidróxeno que era remolcado dende a terra cunha corda e que tiña por finalidade transportar cargas. O outro, Transportes aerodinámicos de fijo rumbo y velocidad aribitraria, amosaba un auténtico dirixible de 4.000 metros cúbicos de volume. Este, tamén tiña forma de esferoide. A orixinalidade residía no sistema de propulsión: unha reacción xerada pola saída do gas a través dunhas válvulas que podían ser controladas polo piloto.

A época dos globos aerostáticos

Con anterioridade aos traballos de Pasarón, outros xenios tamén idearon outros inventos similares. En 1834, o conde Lennoux, por exemplo, construíu o “Eagle”, un dirixible que non conseguiu voar. Despois, en 1852, Jules Giffard tivo máis éxito: fixo voar o seu. Foron 27 quilómetros percorridos por este dirixible propulsado por unha hélice de vapor. En España non se voaría ata comezos do século XX co invento de Torres de Quevedo.

Hoxe quedan algúns vestixios deste ilustre, como a rúa de Ubaldo Pasarón y Lastra, en Lugo. E non é para menos, porque o seu proxecto era moi ambicioso: pretendía revolucionar o mundo do transporte. Coa axuda destes globos, tiña por obxectivo repartir millóns de cartas por todo o mundo. Xa estaban feitas as rutas. Ademais, o seu sistema de propulsión resultou ser moi novidoso. Mais dous anos despois, con tan só 35 anos, Ubaldo Pasarón morreu en Santo Domingo a causa das febres tropicais. Así, as súas achegas non tiveron todo o recoñecemento que merecían. Todo nunha sociedade que aínda seguía a ridiculizar aos soñadores natos.

Os dous bocetos de Ubaldo Pasarón FONTE: Biblioteca Nacional de España
Os dous bocetos de Ubaldo Pasarón FONTE: Biblioteca Nacional de España.

1 comentario

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Cando case 1.700 inmigrantes galegos convertéronse en escravos en Cuba

Urbano Feijóo Sotomayor propuxo a inmigración de traballadores españois a Cuba en 1853

Tomás Mariño, precursor da navegación aérea dende Viveiro

Perito e profesor, publicou un tratado técnico con solucións para os dirixibles que se adiantaría á era dos Zeppelin

Ubaldo Pasarón, o xenio de Ribadeo que inventou un dirixible

O inventor calculaba que o seu aerostato podía dar a volta ao mundo en tan só 11 días voando con rumbo fixo a unha legua de altura

Alumnos da UVigo competirán cunha aeronave deseñada por eles

Estudantes da Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo, do campus de Ourense, participarán na Air Cargo Challenge en Alemaña